Latas de carburo e pemento

No 1902 rexístrase en España o primeiro modelo de utilidade que amparaba a unha lámpada de acetileno, de xeito que a partir aproximadamente dese momento introdúcense en Galicia uns candís denominados “de gas” como ferramenta para conseguir iluminación. Consistían nun depósito pequeno de auga que a deixaba gotear sobre unhas pedriñas de carburo de calcio, a reacción deixaba escapar un gas, o acetileno, que era queimado producindo unha forte e branca luz. As pedras de carburo viñan en grandes latas de metal que deseguida foron aproveitadas polas mulleres para producir ritmos cos que acompañar o canto. Cando os candís de acetileno deixaron de ser empregados, as latas de carburo foron substituídas polas de pemento, de dimensións e son moi parecido.

O uso deste tipo de instrumentos musicais puidémolo documentar só na provincia de Ourense, tanto na parte sur nas comarcas da Limia e Baixa Limia, como na noroeste nos concellos de Beariz, Avión, Boborás, Cea, Piñor e O Carballiño. Nestes concellos do norte ourensán as latas aparecen tocando nos bailes xunto coas pandeiretas e nalgúns, tamén cos tambores femininos. Así fala Lisón Tolosana das seituras en Cea: “E comíamos cachucha, lacós, chorizos, carne, sopas de viño co azúcar, yemas de huevo, e á noite, hasta as catro da mañána baile, tocando pandereta e lata do gas” 1. Tamén desta zona recolle Carlos Rei esta copla:

Heiche toca-la latiña,

heiche toca-lo latonhe.

Heiche toca-la latiña,

prenda do meu corazonhe.

[IMLTG, 166] Avión (Ourense)

Na comarca da Limia seu uso estivo tan estendido que diversas portadoras entrevistadas apuntaron que era frecuente que o canto nos fiadeiros fose acompañado só por latas, comentando que daquela (antes e despois da Guerra Civil) había tan poucos cartos que era difícil conseguir unha pandeireta.

Para tocaren a lata as mulleres séntanse e, colocándoa de xeito vertical sobre os xeonllos, baten na súa parte frontal (a parte máis larga) coas dúas mans alternativamente. Os golpes prodúcense fundamentalmente cos dedos xuntos e relaxados, coa man arqueada, facendo coincidir a separación entre os dedos e a palma co ángulo da lata. Nos ritmos que se acompañan con golpes soltos da man dereita seguindo o pulso da melodía, como o pasodoble ou o valse, estes danse con toda a man no lateral dereito da lata. O virtuosismo acadado por algunhas tocadoras é notable e temos visto mulleres que daban sostido a lata no aire golpeándoa continuamente con ambas as mans.

Na parte norte da veciña provincia de Zamora, na zona de Alcañices, temos documentado o uso das latas de pemento para acompañar o canto, pero aquí empregábanse dedais en todos os dedos de ambas mans para acrecentar o seu son. Temos recollido tamén varias novas, aquí e acolá, sobre o uso da lata percutindo nela cuns pauciños ou cunhas culleres a xeito de tambor, ben como xoguete de nenos, ben para acompañar o canto e incluso como solución de compromiso cando algún gaiteiro non viña ao fiadeiro co seu tamboriteiro.

No sistema de cultura tradicional galego a lata non é considerada un instrumento musical propiamente dito, pois malia o seu aproveitamento musical, non nace con esa intención e, aínda por riba, carece do don da melodía. Tampouco o útil en si mesmo é especialmente apreciado, malia que este escaso mérito contrasta coa alta consideración das boas tocadoras do instrumento. A lata é un instrumento musical propia e exclusivamente feminino como sucede coa maioría daqueles que soportan ritmicamente o canto.

As latas de pemento e carburo pertencen ao grupo 111.24 dos “Vasos de percusión” dentro da categoría dos idiófonos percutidos da clasificación de Hornbostel e Sachs; porén, pensamos que un vaso debe ter unha boca e polo tanto propuxemos un novo grupo (111.25 “Caixas percutidas”) para acubillar este instrumento musical.

Ver notas
  1. [1] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), p. 151.
Patrocinadores e colaboradores