Reque-reque

Os reque-reques 1 consisten en pezas de madeira alongadas e dentadas nas que se raña cun pauciño producindo un son característico. Os fabricados en madeira son moi pouco frecuentes na música feita polos adultos en Galicia e só temos documentado algún exemplo no sur da provincia de Pontevedra, quizais por influencia do veciño Portugal, onde estes instrumentos si que aparecen integrados en conxuntos de cordófonos recibindo este mesmo nome. Aparecen tamén nas comparsas de Nadal da zona de Vigo e Redondela, máis pouco sabemos da orixe, tradicional ou non, destas formacións. Son tamén xogo de nenos e nenas, fabricados facilmente cun tubo de cana onde, cunha navalla, se practican fendas polas que se pasa un pau.

Na clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs os reque-reques pertencen ao grupo dos idiófonos de refregar, dentro do apartado 112.21 “De pauciños”. No noso sistema de cultura tradicional vense máis como xoguetes de nenos que como verdadeiros instrumentos musicais, pois xa dixemos que son bastante pouco coñecidos.

Ver notas
  1. [1] Obtivemos esta denominación de López González, X. e Manuel García X. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003, p. 112; pois nunca tivemos a oportunidade de escoitar o nome destes instrumentos.
Patrocinadores e colaboradores