A historia dos tambores de marco

Tímpano da igrexa de San Miguel do Monte (Chantada, Lugo, s. XIII) onde aparece unha das poucas representacións do pandeiro cadrado no románico galego. Fotografía do autor.

Falemos agora dos tambores de marco cadrados. Ata este momento da historia non hai ningún dato que apoie a existencia dos pandeiros cadrados na península; é máis, a súa menor área de distribución seguramente é indicativo dunha historia máis recente ligada ao mundo norteafricano antigo de onde pasarían ás ribeiras do Mediterráneo, ben en tempos remotos ou, como opinan a maior parte dos autores, coa expansión dos árabes que o introducirían en Europa a través da península ibérica. Deste xeito, nalgún momento posterior ao século VIII, o pandeiro cadrado penetra na península sumándose ao redondo en uso e función. O nome deste novo instrumento foi adufe (derivado do árabe al-duff), unha das probas aducidas para dar a súa orixe como árabe. O adufe aparece representado por primeira vez en Galicia no tímpano dunha porta lateral da igrexa de San Miguel do Monte (Chantada, Lugo), refeita con pezas do século XII, onde se pode ver o Rei David tocando un rabel e acompañado por unha muller que toca un pandeiro cadrado e outra que baila e semella portar nas súas mans unhas castañetas (ou será a danza de Salomé diante de Herodes?). Curiosamente, este pandeiro ten os lados cóncavos, o que puidera ser debido a adecuación dos lados do mesmo ás liñas curvas das cabezas do Rei e do seu tocador, ou quizais lembre que daquela existían, como no antigo Exipto, pandeiros con esta morfoloxía. Outra representación dun pandeiro desta época áchase na igrexa de San Martiño de Agudelo (Barro, Pontevedra, século XII), onde unha muller toca o instrumento acompañando a unha fídula.

Unha das primeiras mencións escritas dun tambor de marco en Galicia corresponde tamén ao adufe, aparece nunha cantiga de amigo do século XIII escrita por de Martín de Ginzo, nativo de terras ourensás e xograr da corte de Afonso X 1:

A do muy bon parecer

mandoulo aduffe tanger;

Louçana, díamores moir’eu!

Mandoulo aduffe sonar

e no lhi davan vagar;

Louçana, diamores moir’eu!

A partir da introdución e xeneralización do pandeiro cadrado teriamos na península ibérica polo menos dous tipos de membranófonos de marco: un cadrado coñecido como adufe 2 e outro circular, denominado con algunha voz semellante a pandeiro pola súa forma redonda, que aparece representado por primeira vez no noroeste en San Xuan de Amandi (Villaviciosa, Asturias, s. XII-XIII) 3.

No século XIV en Castela aínda se diferenciaba entre pandeiros e adufes. A voz pandero aparece mencionada nas famosas enumeracións de instrumentos musicais en El libro del buen amor 4 (s. XIV):

1212 A don Carnal reciben todos los carniceros,

e todos los rabís con todos sus aperos,

a él salen triperas tañiendo sus panderos,

de muchos que corren montes llenos van los oteros

Nesta obra, pandero ten sido sistematicamente traducido por pandeiro cadrado, pero pensamos que, polo menos na obra de Juan Ruiz, isto é incorrecto, se non, como explicar estoutra copla?:

705 Si a cuantas desta villa nos vendemos las alfajas

sopiesen unos de otros, muchas serían las barajas;

muchas bodas ayuntamos que viene arrepantajas,

muchos panderos vendemos, que no suenan las sonajas.

A presenza de sonajas (ferreñas) no pandeiro indica que se trata do instrumento redondo polo que habería que obrar con maior precaución nesta asimilación pandeiro-tambor de marco cadrado, pois este era denominado daquela como adufe, malia que esta palabra non aparece na obra do Arcipreste de Hita, polo que é esta a razón desta identificación equivocada. Así e todo, o adufe podería aparecer nesta obra baixo a rara denominación de adedura albardana:

1232 Dulce caño entero sal con el panderete,

con sonajas de azófar facen dulce sonete,

los órganos y dicen chanzones e motete,

la adedura albardana entre ellos se entromete.

Felipe Pedrell 5 coincide con Cleonard cando este explica “No cabe duda son dos palabras del árabe, esto es (la voz correspondiente árabe) addedar, el sonido del tímpano, y (íd. íd.) albardana, cosa de varios colores”. Segundo esta interpretación, a adedura –di Pedrell– “sería el pandero de forma cuadrada, llamado primeramente tarr por los árabes y después dof, que existe todavía en España con el nombre de adufe”. Continua Pedrell explicando que estes pandeiros cadrados estaban pintados e adornados con fitas e moños, circunstancia que explicaría o cualificativo de albardana dado polo Arcipreste á adedura. Tamén engade que en Cataluña aínda se vían daquela (c. 1900) exemplares destes pandeiros cadrados con adornos que teñen reminiscencias árabes e outros con imaxes da Virxe.

Nesta mesma copla menciona o Arcipreste de Hita outro tambor de marco máis, o panderete, que por ser diminutivo de pandero (redondo) e ter ferreñas (sonajas de azófar 6) podemos asimilar facilmente coa actual pandeireta. Deste xeito, seguindo a Juan Ruiz, no século XIV existirían en Castela tres tambores de marco diferentes: o adufe, o pandeiro (redondo, grande e con ferreñas) e o panderete (redondo pequeno e con ferreñas).

Un texto portugués de Frei João Álvares (s. XV), deixa patente a diferenza entre pandeiros e adufes cando alude a mulleres que “empunhavam adufes e pandeiros secundando o gaiteiro que as acompanhava” 7. Ernesto Veiga de Oliveira, como tantos outros, non sabe moi ben como explicar este fenómeno, pois entende pandeiro como pandeiro cadrado e elude explicar esta situación dicindo simplemente que: “as palavras pandeiro e adufe são equívocas e podem significar também os pandeiros unimembranofones (redondos)”. Isto será certo nunha época moito máis serodia, cando vaia caendo en desuso a denominación de adufe, pero en tempos alto e baixo medievais pensamos que na península non hai posibilidade de confusión: o tambor cadrado é o adufe e o redondo o pandeiro.

No século XVI Lope de Vega (1562-1635) aínda menciona o adufe no seu Romance de burlas a San Juan Bautista diferenciándoo claramente do pandero e dando unha interesante atribución xeográfica a varios instrumentos musicais:

Pero, Juan, quedaos con Dios,

que de este valle se juntan

a celebrar vuestra noche,

entre verbenas y murtas,

los panderos de Madrid,

las sonajas de Setúbar,

los cascabeles de Yepes,

las gaitas de la Coruña,

los adufes de Guinea,

las castañetas de Murcia,

los relinchos de la Sagra,

los tamboriles de Asturias,

los salterios de Valencia,

las flautas de Cataluña

y en las calles de Sevilla

pandorgas y gatatumbas.

Por este mesmo tempo, o adufe aparece citado en Galicia na descrición do recibimento que se fixo en Compostela, no 1570, ao arzobispo Cristóbal Fernández de Valtodano: “[...] la cofradía de los tecelanes [...] con su danza de veinte mozas con sus panderetas y adufes muy bien compuestas [...]” 8. Nesta cita pandereta refírese con toda seguridade a un tambor de marco redondo, a un pandeiro redondo, e non ao que hoxe coñecemos como pandeireta, pois como observa Ramón Andrés, as voces panderete e pandero eran usadas moitas veces indistintamente 9; ademais, como logo veremos, moitos indicios sinalan que a pequena pandeireta, tal e como hoxe a coñecemos, é de recente introdución no noso instrumentario. Deste xeito, nesta cita diferenciaríase tamén entre o tambor de marco redondo, a pandereta, e o de marco cadrado, o adufe.

Un século despois, o peregrino Domenico Laffi describe o pandeiro cadrado participando nunha procesión en Santiago de Compostela 10: “Marchan diante moitos tamborileiros, cada un acompañado por un tocador de gaita ou dulzaina, e por outro instrumento, feito co marco dunha ventá, cuberto polos dous lados de pergamiño, e tócano como en Italia se fai coas pandeiretas, mais fai un grande ruído.” Neste mesmo século pandeiro e adufe comezan a ser confundidos en Castela, seguramente porque esta última voz está xa caendo en desuso; así Covarrubias (1611) di que o pandeiro é “instrumento muy antiguo” e que “al principio debio de ser redondo; después los hizieron cuadrados” o que tamén indicaría que xa daquela comezaba a caer en desuso o pandeiro redondo sen ferreñas. No XVIII a confusión segue e o Diccionario de Autoridades (1726) define o pandeiro como: “Instrumento rústico de que suelen usar en los bailes en las aldeas, formado de un cuadro de madera cubierto de pergamino, o piel muy lisa por ambos lados, y en el cuero están unas cuerdas cruzadas, y en ellas cascabeles o sonajillas, que le hacen resonar mucho. [...]”, e o adufe: “cierto género de tamboril baxo y quadrado, de que usan las mujeres para bailar, que por otro nombre se llama pandero”.

Ramón Andrés di que en España a voz adufe, conservouse ata ben entrado o século XVIII 11. Non sabemos exactamente cando se extingue en Galicia e comeza a súa confusión coa voz pandeiro, pero cada vez vaise facendo máis rara na literatura, e xa nos séculos XIX e XX adufe non se escoita na nosa terra nin aparece tampouco nas coplas tradicionais que puidemos consultar nos cancioneiros, razón que nos fai pensar que é moi posible que durante o século XVIII xa non se empregase esta voz, tal e como sucede no resto de España. Así, pandeiro sobreviviu en Galicia denominando simultaneamente o tambor de marco cadrado e o de marco circular, de forma que en moitas das coplas tradicionais que falan do pandeiro non podemos saber con certeza a que instrumento se refiren. Só unhas poucas empregan a denominación pandeiro redondo, curiosamente redundante co seu étimo, ou dan pistas que permiten deducir un instrumento redondo.

Ver notas
  1. [1] Citado en: Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 1.
  2. [2] En Portugal aínda denominan adufe ao pandeiro cadrado na rexión da Beira Baixa. Ver: Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, p. 267.
  3. [3] Cuadrillero Sánchez, F. Instrumentos musicales nel arte asturianu hasta 1800. Ed. Muséu del Pueblu d’Asturies. Xixón, 2002, p.127.
  4. [4] Ruiz, J. Arcipreste de Hita. Libro del Buen Amor. Edición, estudio y notas por José María Castro Calvo. Ed. Ebro. Zaragoza, 1963, p. 47.
  5. [5] Pedrell, F. Organografía musical antigua española. Ed. Juan Gili. Barcelona, 1901, pp. 56-57.
  6. [6] Unha especie de latón resultado da aliaxe de cobre e cinc.
  7. [7] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, p. 267.
  8. [8] González Montañés, J. http://xente.mundo-r.com/juliomonta/santiago.htm. Consulta outubro 2008.
  9. [9] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 315.
  10. [10] Crespo, C. Viaje a Poniente. Domenico Laffi Boloñés. Ed. Sildavia. Santiago de Compostela, 1992, pp. 134-135. Cita amablemente cedida por Fernando Reyes.
  11. [11] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 2.
Patrocinadores e colaboradores