A historia dos tambores de marco

Pandeiro representado na capela gótica dos condes de Taboada no mosteiro de Ferreira de Pallares (Guntín, Lugo, 1422). Fotografía Javier María López Rodríguez.
- Muller tocando o pandeiro cadrado representada nun capitel da igrexa de San Martiño de Agudelo (Barro, Pontevedra, s. XII). Obsérvese que o marco do instrumento ten forma redondeada. No mesmo capitel aparece representado un tocador de fídula que aquí non amosamos. Fotografías do autor.
- Muller tocando o pandeiro cadrado representada nun capitel da igrexa de San Martiño de Agudelo (Barro, Pontevedra, s. XII). Obsérvese que o marco do instrumento ten forma redondeada. No mesmo capitel aparece representado un tocador de fídula que aquí non amosamos. Fotografías do autor.
- La Nochebuena en Galicia. La Ilustración Artística, ano XII, nº 625, 18 de decembro de 1893. Gravado de Celestino Sadurní Deop de pintura de Cecilio Plá y Gallardo. Colección Puertas Mosquera. Neste gravado destaca o xeito de soster a pandeireta coa man dereita, así como a súa tipoloxía, grande, con poucas ferreñas e pares enfrontados.
- Pandeiro representado na capela gótica dos condes de Taboada no mosteiro de Ferreira de Pallares (Guntín, Lugo, 1422). Fotografía Javier María López Rodríguez.
- Figuriña do nacemento das Agustinas de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra, s. XVIII) que representa a unha tocadora de pandeiro cadrado. Do arquivo de Ramón Marín.
- Figuriña do nacemento das Agustinas de Vilagarcía de Arousa que representa a unha tocadora de pandeireta, probablemente é un engadido posterior ao século XVIII do que data este nacemento. Do arquivo de Ramón Marín.
É moi posible que ata os séculos XVIII ou XIX os tambores de marco empregados en Galicia fosen tres, que seguindo as denominacións actuais que vimos usando serían: o pandeiro redondo (sen ferreñas no marco), a pandeira (grande, con ferreñas) e o pandeiro cadrado. Vexamos o que podemos ir sabendo deles a través da lírica tradicional.
Numerosísimas coplas mencionan o pandeiro, é sen dúbida o instrumento musical máis aludido nelas reflexo da súa pasada preponderancia como soporte do canto feminino; pero temos agora que resaltar un detalle moi interesante: moitas destas coplas indican que, fose o pandeiro cadrado ou redondo, tocábase acompañado de diversos instrumentos que producían sons agudos, caso das cunchas ou dos ferriños:
O pandeiro e máis as cunchas
María, miña María,
o pandeiro e máis as cunchas
quitan a malencolía
[CPPO, I, 53] Liñares (Avión, Ourense)
Cunha frauta e uns ferriños,
cunhas conchas e un pandeiro,
armamos logo a ruada
os veciños do Cruceiro.
[CG, II, 168]
O pandeiro toca ben,
os ferriños fanlle o son
¡Viva quen amores ten!
[IMLTG, 139]
Mociñas de Rebordelo,
retiraivos un pouquiño,
que veñen as de Cabana
con pandeiros e ferriños.
[IMLTG, 140]
Pasei a ponte d’Ourense,
con ferriños e pandeiro,
no’encontrei maior amigo
cá bolsa co meu diñeiro.
[PPG, <P 2295> <<L 0> <A ?> <E DB>]
Pero o instrumento de son tintineante que máis veces aparece acompañando ao pandeiro é, con moita diferenza, as ferreñas ou ferriñas. De feito, como vimos ao falar delas, as ferreñas aparecen nomeadas en solitario en moi contadas ocasións. Debido a que os apelativos ferriñas ou ferreñas se refiren tanto ao instrumento musical como aos discos de metal que se insiren nos marcos das pandeiras e pandeiretas, as coplas que falan de ferreñas e pandeiros podémolas dividir en dúas categorías:
1) Aquelas nas que se aprecia claramente que as ferreñas son un instrumento diferente do pandeiro pero indispensable ao seu carón, por exemplo:
Apilla a frauta, Perucho,
e ti as ferreñas, Culás,
Caitano colle o pandeiro,
e ti as cunchas rapás.
[IMLTG, 138]
Imos revoltar a festa,
ti batendo no pandeiro,
eu picando nas ferreñas
[IMTLG, 126]
A fuliada vai boa
as ferriñas son de Cádez
o pandeir’é de Lisboa
[CPGDS, IV, II, 156] Muxía (A Coruña)
No lugar non hai furriñas,
que morreu o furriñeiro;
no lugar das Casas Novas
hai furriñas e pandeiro.
[IMLTG, 126]
Nenas de Castro Loureiro,
deixá pasa-las da Ulla,
con ferreñas e pandeiro.
[PPG, <P 585> <L 0>]
Na aldea da Xesteira
hai unha festa que arrasa,
con pandeiros e ferreñas
e castañetas de prata
[IMLTG, 135]
Tocan o pandeiro e Bares,
as furriñas en Barqueiro,
e as nenas que o tocan
sonche do val de Viveiro.
[IMLTG, 126]
Nenas do chan de Carnota
arrimavos ó loureiro,
deixade pasa-las de Lira
con ferriñas e pandeiros
[CFG, III, 158]
Mociñas de Rebordelo
arrimarvos ó loureiro
qu’ei veñen os de Cabana
con ferreñas e pandeiro
[CPGDS, IV, II, 156] Ponteceso (A Coruña)
Nosa señora da Barca,
eu ben a vin embarcar
con pandeiro e máis ferriñas,
todo na veira do mar
[CG, I, 12]
Á subila á baixala
a costa de Sigüeiro
á subila á baixala
con ferreñas e pandeiro
[CPG, III, 132]
Nosa señora da Barca,
eu ben a vin embarcar
con ferriñas e pandeiros,
todo na volta do mar
[CTC, 51]
Por onde imos arrasamos
eu e mais o compañeiro;
por onde imos arrasamos
con ferreñas e pandeiro.
[PPG, <P 1197> <L 0> <A 1869> <E DB>]
Eu pasei o mar de Vigo
con ferreñas e pandeiro;
astr’as túas falas, meniña,
tamén me costan diñeiro.
[PPG, <P 3020> <L 0> <A 1884> <E DB>]
Tocan o pandeiro en Vares
e as furriñas n-o Barqueiro,
e as nenas que o tocan
sonche d’o val de Viveiro
[CPG, II, 160]
Somos os pastores,que de Belén vimos,
bolsillos traemos, diñeiro pedimos;
somos os pastores, de Belén chegamos,
bolsillos traemos, diñeiro buscamos.
O son da gaitiña, ó son do pandeiro,
vimos a pedirlle que nos dé diñeiro.
O son das ferreñas, ó son do tambor,
déanos diñeiro, señora, por Dios,
ó son das ferreñas, ó son do tambor
se non hai diñeiros, dénos colación.
Cantando o Nadal e máis ben cantado
vimos a pedirlle que nos dé aguinaldo.
[PPG, <P 221> <L 0> <A 1863,an>]
[...]
Non falta nas compañías
que asopre algun punteiro,
algum-ha frauta, ou ben chifre
ou algun outro estrumento,
e mulleres que cantando
e castañolas mecendo,
se espotrican co as ferreñas,
repinican o pandeiro.
[AGG, 157] (Xoán Manuel Pintos, 1853)
2) Coplas dubidosas das que se podería deducir que o pandeiro levaba ferreñas no marco sendo polo tanto un tambor de marco redondo, pois os cadrados non teñen posibilidade de levar estes elementos sonoros. Porén, a cantidade de coplas onde se mencionan as ferreñas como instrumento separado do pandeiro fannos sospeitar que moitas das coplas que vertemos a continuación tamén se poden interpretar así. A máis famosa e estendida por toda Galicia comeza “O pandeiro toca ben / as ferreñas danlle o son”; nos cancioneiros puidemos recoller algunhas variantes:
O pandeiro toca ben
as ferreñas fanlle o son
vívan os qu’amores tên
[CPG, II, 283]
O pandeiro toca ben
ar ferríñar danll’o son
as rapazas que o tocan
ai élar de Sorribas son
[CPGDS, IV, II, 156] Forcarei (Pontevedra)
O pandeiro toca ben
as ferriñas danlle o son,
as meniñas que o tocan,
elas de Liñares son
[CPPO, I, 53] Liñares (Avión, Ourense)
O pandeiro toca ben
as ferriñas de ouro son
as meniñas que o tocan
elas de Espiñeiro son
[CPPO, I, 156]
O pandeiro toca ben
as ferreñas son novas
o rapás qu’anda n-o baile
vanll’a caé-las cirolas
[CPG, II, 46]
O pandeiro toca ben
porque as ferreñas son novas
as nenas da miña terra
bailaban sin castañolas
[CPGDS, VI, II, 65] Tordoia (A Coruña)
O pandeiro toca ben
porque as ferriñas son novas,
o galán que anda no baile
repica nas castañolas
[CPLB, 125]