A historia dos tambores de marco

A seguinte copla explica a abundancia daquelas nas que o pandeiro e as ferreñas aparecen tocando xuntos, dando fe da complementariedade destes instrumentos, presentándoos como compañeiros inseparables, case obrigados:

O pandeiro sin ferreñas,

as ferreñas sen pandeiro

fai como a barco sin remo

o remo sin mariñeiro

[CPG, III, 169]

O costume de acompañar o pandeiro de instrumentos de son tintineante é moi antigo, como xa vimos, quizais o sexa tanto como os propios pandeiros, e podería dar a clave para explicar o nacemento ou a adopción dun novo instrumento musical: o pandeiro redondo con ferreñas inseridas no marco. Del fálanos a seguinte copla:

Pandeiro redondo,

redondo pandeiro,

as túas ferreñas

non me dan diñeiro

[IMLTG, 122]

Deste xeito, é moi posible que o antiquísimo pandeiro redondo sen ferreñas no marco se convertese en Galicia, non hai demasiado tempo, nun instrumento con ferreñas, sen que iso significase un troco inmediato da súa denominación. De feito xa vimos como Lence Santar refírese a finais do XIX a un pandeiro redondo, do tamaño dunha peneira, con arrechouchos darredor; tamén Xaquín Lorenzo, nos anos 1930, explica que “o pandeiro, con ferriñas ou se nelas, pode ser redondo, triangular, cadrado ou eisagonal, anque o máis corrente é o de catro lados” 1. Nalgún momento difícil de precisar e que seguramente variou duns lugares a outros, este instrumento redondo, grande e con algunhas ferreñas, adquiriu un nome propio: pandeira; denominación que aínda se conserva na zona dos Ancares para referirse a este instrumento e que en moitas outras zonas é sinónimo de pandeireta. Por que se lle deu este nome ao pandeiro redondo con ferreñas? Pois ocórresenos que moi ben podería ser porque os instrumentos que emiten sons agudos clasifícanse no noso imaxinario como femininos, caso por exemplo das campás, as castañolas ou as mesmas ferreñas.

Aínda outras coplas falan da asociación dos pandeiros con outros instrumentos musicais pero son cuantitativamente moi escasas comparadas con aquelas que falan das ferreñas e os pandeiros tocando xuntos. Entre estas coplas áchanse aquelas que falan do uso de pandeiretas e pandeiros para acompañaren o canto. Xa que a pandeireta é un instrumento tan estendido no século XX, se esta fose un instrumento tan antigo como o pandeiro, deberiamos agardar un gran número de coplas que mencionasen estes dous instrumentos xuntos, pero estas coplas son escasísimas; aquí reproducimos a única que fomos quen de achar en todos os cancioneiros consultados:

Dous pandeiros a tocare

tres pandeiretas a véla

fale Polas a Vilare

[CPGDS, IV, II, 156] Outes (A Coruña)

A poesía de autor deixa ver que cara a finais do século XIX e principios do XX a pandeireta soaba por veces a carón do pandeiro. Velaí o poema “O Fiadeiro” de Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) no que, por certo, tamén se mencionan as ferreñas 2:

Calade… ei ven a trullada

dos mozos de Santa Comba.

Condergados… ¡como berran

Calade que tran ferreñas e conchas.

……………………………….

Comenza a tocar o chifro

logo a pandeireta sona

¡Cate que demo! calados

quedan cando tal escoitan,

peneira ben o pandeiro

dícelle Xoán a Carlota.

(…)

Viva o fiadeiro, e vivan

os mozos de Santa Comba!

i-o pandeiro e pandeireta

i-o chifro i-as castañolas

e facendo dúo as cunchas

compoñen a leda orquesta

e facendo dúo as cunchas

compoñen a leda orquesta

daquela trullada louca.”

Outro poema de Noriega Varela (Mondoñedo, 1869-1947) parece mencionar tamén estes dous instrumentos tocando xuntos ao pé da frauta do frauteiro de Zoñán 3:

Ouvio o ruxe-ruxe da pandeireta,

pois pretiño, moi preto, de donde estaba

o bodego da fía que alí cadraba,

que anque probe as veces niño de amores

onde a groria entrevemol labradores

á luz esmorecida dun candil vello

que dos i-os porcos é un bon espello

i-onde martes e xoves toca o frauteiro

cal tocara decote a non ser careiro,

ou se as píaras novas, máis dadiveiras,

máis cadelas tiveran nas faldriqueiras.

(…)

Buliron logo os pandeiros

e da frauta os salouquiños

romedaban garoleiros

cantares dos paxariños

ó amañecer nos loureiros.

Que o frauteiro de Zoñán,

aunque viste cirigolas

en tendo a frauta na man

acaba por volver tolas

ás nenas que a fía van.

En todo caso, estas referencias pertencen a unha época tardía e, á vista da ausencia do conxunto pandeireta-pandeiro na lírica popular, dá a impresión de que o pandeiro e a pandeireta pertencen a épocas moi diferentes e por iso non aparecen xuntos nas composicións tradicionais; quizais a pandeireta sexa unha incorporación bastante moderna ao noso instrumentario, quizais incluso sexa a responsable do declive do pandeiro e as ferreñas. Casto Sampedro é claro a este respecto: as ferreñas xa non se ven a finais do XIX e o pandeiro cadrado comeza a esmorecer porque a pandeireta xunta nun mesmo instrumento as virtudes de ambos. Este fenómeno ben se puido deber a unha mudanza no gusto, que fixo preferir o son máis escandaloso, vivo e agudo das pandeiretas, máis adecuado para os novos e rápidos ritmos (muiñeira nova e jota), ao son reservado, grave e lixeiramente tintineante dos pandeiros, redondos ou cadrados, quizais máis axeitados aos antigos bailes cadenciosos e pausados como a muiñeira vella. Sexa como for, o pandeiro xa estaba en franco retroceso en moitas zonas, incluso nas máis arcaizantes, a finais do XIX e principios do XX. Lence Santar 4, que escribe sobre a zona de Mondoñedo nesta época, relata os últimos días do pandeiro en varios lugares:

«Xa n-hay ningún pandeiro n-a terra de Mondañedo. A derradeira vez que se tocóu foi en Pena Moura, en Viloalle, o día d’a festa de Nosa Señora, d’o ano 1929.

Tocouno o tío Xan d’o Vivá, d’aquela parroquia, quen dí que o pandeiro era d’il e fora feito pol-o Berbés, de Viloalle.

En Zoñán, a derradeira vez que se tocou o pandeiro foi n-a casa de Lois Rubiños Ledo –ond’o tiñan– conque d’unha reba, o ano 1919.

En Montouto tocóuse tamén o derradeiro día d’unha reba, d’o ano 1921, xunt’a casa de Minguiños en Rego Cabado, por derradeira vez.»

Nesta mesma época Casto Sampedro refire un proceso semellante en Pontevedra 5: “El pandero ya merece algunas líneas, por cuanto va desapareciendo hacia la montaña, que es donde se refugian y guardan muchos elementos de nuestro pasado”

Estas observacións casan moi ben cos nosos datos de campo, pois en moitas zonas de Galicia, portadoras de idade moi avanzada xa non usaron o instrumento, pero lembran como as súas nais ou avoas si o facían.

Vexamos agora se podemos desentrañar a historia da pandeireta en Galicia e comprobar se realmente é un instrumento tan moderno como estes datos indican.

Xa vimos como as primeiras representacións que coñecemos de pandeiros redondos con ferreñas no marco aparecen no Cancioneiro de Ajuda (finais do s. XIII). O seu tamaño é tan grande como o das actuais e antigas pandeiras, e polo tanto non se pode asimilar estes instrumentos ás modernas pandeiretas. Pouco despois, no século XIV, aparece en Castela un diminutivo da voz pandero en El libro del Buen Amor: o panderetecon sonajas de azófar” que obviamente fai referencia a un instrumento máis pequeno que o pandeiro redondo e tamén con ferreñas no marco.

1232 Dulce caño entero sal con el panderete,

con sonajas de azófar facen dulce sonete,

los órganos y dicen chanzones e motete,

la adedura albardana entre ellos se entromete.

Estamos asistindo sen dúbida ao nacemento dun novo tambor de marco, unimembranófono, pequeno e con bastantes ferreñas no marco que aparece, no século XV, nun cadro anónimo castelán, o Cristo Triunfante conservado no museo del Prado, onde se amosa un anxo cunha pandeireta de múltiples ferreñas enfrontadas por pares no marco, golpeada coa man dereita. Tamén neste século Berruguete (1450-1504) pinta unha pandeireta na Aparición da Virxe a unha comunidade. A partir de aquí as iconografías son moi variadas, por exemplo no século XVI aparece, xunto cos ferriños, a arpa, a frauta recta, os címbalos e o violín, nunha porta pintada por un artista anónimo que se conserva no Museo del Prado. A finais deste século Cervantes fala aínda do panderete 6. Pero a súa existencia en Castela non implica baixo ningún concepto que fose empregado en Galicia, onde as coplas tradicionais deixan entrever un fenómeno de recente introdución. Vexamos o que podemos deducir delas. En primeiro lugar, é moi curioso observar como entre as que mencionan a pandeireta unha grande proporción o fai coa denominación castelá pandereta (sinónimo de panderete), mesmo cando todo o resto da copla aparece en galego:

A pandereta que toco

ten os aros de madeira

fáltame aiquí o amor

e máis o da compañeira

[CPPO, I, 132]

Pandereta de sanguiño

tócana en Ribadavia

resona no Carballiño

[CPGDS, IV, II, 157]

A Estrada (Pontevedra)

A tocar a pandereta

gañei unha saia nova,

e mais un riberetiño

para lle botar a roda.

[PPG, <P 2398> <<L 0> <A ?> <E DB>]

O tocar da pandereta

deprendeumo miña nai

cando me tirou a teta.

[PPG, <P 1656> <L 0>]

Sei bailar a ribeiriña

e tamén o ribeirán;

sei bailar a ribeiriña

ca pandereta na man.

[PPG, <P 1722> <L 0>]

La pandereta é de coiro

i as ferreñas de latón

i as niñas que a tocan

son de Orense natural

[CPGDS, VI, II, 48] Carballedo (Lugo)

Señor cura, señor cura

que ben ll’está a chaqueta

xa tén os cóbados rotos

de toca-la pandereta

[CPGDS, IV, II, 183] Courel (Lugo)

Vai tirando de chaqueta

vai tirando de chaqueta

tamén eu vou a tirare

coa miña pandareta

[CPGDS, VI, II, 45] Liñares (Avión, Ourense)

Esta miña pandereta

ten o pelico de ovella

inda onte comeu herba

e hoxe toca que rabea

[CPPO, I, 156]

Sei toca-la pandereta

ensinoume miña nai

cando me sacou a teta

[CPGDS, VI, II, 47] Serra de Outes (A Coruña)

A toca-la pandereta

toca-la panderetiña

ghanei un pano de seda

que me dou miña madriña

[CPGDS, VI, II, 43] Forcarei (Pontevedra)

A pandereta non toca

seica lle doi a barriga

hai que lle dar chocolate

como á muller parida

[CPTO, 49]

Esta vai por despedida,

esta vai para marchar,

para da-la pandereta

a quen a queira tocar

[CPTO, 52]

Como se entende isto se supoñemos que a voz pandeireta é un diminutivo da voz pandeira ou pandeiro? Como comprender que o pobo fale das panderetas se nunca fala de panderas ou panderos? Pensamos que esta circunstancia podería indicar que o nome de pandereta está importado directamente de Castela (non do castelán, pois o diminutivo -eta é de orixe catalá ou occitana 7) e que despois se galeguizou a pandeireta; sendo así, mesmo o instrumento sería importado. É posible que a pandeira galega fose, en moitas zonas, ata o XIX un instrumento redondo, grande como unha peneira e só cunhas poucas ferreñas, tal e como se conserva aínda nas montañas dos Ancares, como a que sostén a muller que acompaña ao gaiteiro de Guillarei (Tui, Pontevedra), como a que refire Lence Santar en terras de Mondoñedo ou mesmo como as que aparecen no Cancioneiro de Ajuda en mans de soldadeiras. Pensamos que esta pandeira, e tamén o pandeiro e as ferreñas, puideron ser desprazados con gran rapidez pola “pandereta”, malia que esta aínda tardou un tempo en galeguizar o seu nome. Para resolver o enigma habería que intentar datar as coplas e ver se as máis antigas conteñen pandereta ou pandeireta, cousa bastante dificultosa na maioría dos casos. Non podemos demostrar que nas coplas máis antigas apareza pandereta, pero pola contra, si que temos exemplos de coplas relativamente recentes nas que aparece a voz pandeireta ou esta se alterna con pandereta. Nas seguintes dúas cuartetas o instrumento custa cinco reais 8, o que significa, se facemos caso dos prezos indicados polas portadoras consultadas, que estas coplas datan aproximadamente de mediados ou finais do XIX. Nas dúas aparece a voz panderetiña, diminutivo de pandereta, pero na segunda esta forma alterna coa de pandeireta:

Esta miña panderetiña

costoume cinco raiás

as malas lenguas do mundo

din que ma dou un rapás

[CPGDS, VI, II, 48] Ordes (A Coruña)

Esta miña panderetiña

cinco raes me costou

pandeireta coma iesta

en Parada non entrou

[CPGDS, VI, II, 48] Ordes (A Coruña)

Tres fenómenos diferentes permiten datar as seguintes coplas a mediados do XIX ou máis tarde: nunha noméase a peseta 9, dúas falan da emigración ás Américas, unha está en castelán e dúas nunha mestura entre o galego e este, un idioma que penetrou no mundo rural galego hai pouco tempo. As tres conteñen a voz pandeireta e nótese que, pese a estar dúas en castelán, o instrumento aparece nomeado en galego:

Á porta desta taberna

encontrei unha peseta:

axudádeme a cantar,

se non rompo a pandeireta

[CFG, III, 17]

Toca pandeireta toca

non te rías de mis manos

que viengo de Buenos Aires

de ver los americanos

[CPGDS, IV, II, 165] Ordes (A Coruña)

Toca, miña pandeireta,

no te vayas de mis manos,

vamos a Montevideo

a ve-los americanos

[IMLTG, 128]

Pandeireta pandeireta

yo te tengo de romper

porqu’el día de mi boda

no quesiste parecer

pandeireta pandeireta

yo te tengo de romper

[CPGDS, VI, II, 46] Pereira, Candín.

Esta última copla provén directamente da castelá: “Pandereta pandereta/ te tengo de reventar/ ia la puerta de mi novio/ no me has querido tocar” [CPGDS, VI, II, 46] documentada en Meder (Salvaterra, Pontevedra).

Tamén debemos observar, en apoio da nosa hipótese, que a denominación pandeiro, desde logo moi antiga, nunca aparece na lírica popular baixo a forma pandero. Pola contra, si que se observa este fenómeno de oscilación entre o nome castelán e o galego no caso doutro instrumento de implantación relativamente recente: as frautas traveseiras de varias seccións. Raramente aparecen nas coplas baixo a forma de frauta, sendo moito máis frecuente a de flauta. A este respecto, lembremos que as frautas tradicionais, rectas ou traveseiras, feitas polos propios músicos de óso, cana ou sabugueiro, teñen outra denominación tradicional máis antiga, pitos, que si aparece nas coplas (tal e como sucede con pandeira) e que Casto Sampedro verte tamén pito como sinónimo de frauta de catro (sic) furados. Deste xeito, o apelativo flauta quizais penetrase coas primeiras traveseiras de madeira de tres seccións, sendo a súa galeguización, frauta, un préstamo recente do portugués 10.

Quizais outro indicador da recente incorporación ao galego do termo pandeireta estea nos sinónimos ou usos desta palabra. Poñamos un exemplo. Como xa vimos, pandeiro pode referirse a dous instrumentos, o redondo e o cadrado, mais en sentido figurado alude tamén ao cu, e mesmo se usa como sinónimo de cousa maltratada, quizais polos golpes que leva:

-Dís que son poliñas novas

as que están no fiadeiro,

mais maus tenras ten que ser

as que toquen meu pandeiro

-Nós non queremos tocar

no pandeiro de ninguén,

pra tocar están os homes

no pandeiro da muller

[CPLB, 179]

De solteiriños os mozos

todos son garatuxeiros,

e dende que están casados

fan das mulleres pandeiros

[CPLB, 69]

Pola contra, a voz pandeireta carece destes usos diversos e só significa o instrumento redondo e pequeno con ferreñas no marco probablemente porque non repousou o suficiente tempo na lingua como para rexistrar diferentes acepcións.

Outro indicativo da recente incorporación da pandeireta ao noso instrumentario, que quizais pode permitinos unha aproximación á datación deste suceso, é a extinción das ferreñas. Xa vimos que hai moitas coplas que indican que as ferreñas foi un instrumento moi empregado, mesmo indispensable a carón do pandeiro. O primeiro que chama a atención é a gran cantidade de coplas que o refiren aínda sendo hoxe un instrumento extinto, o que indica claramente que a súa desaparición total está preto no tempo; de feito Casto Sampedro cando fala das ferreñas a finais do XIX di: “Las ferreñas son una pandereta sin piel, es lo mismo que se llama sonajas en Castilla. Apenas se ven, hasta el punto de que los constructores de panderetas de la provincia [Pontevedra] no las conocen. Producen más alegría y ruido que el pandero, pero tiene menos valor que la pandereta que reúne las condiciones de ambos.” 11 Á vista destas palabras, parece que a causa da extinción das ferreñas e do retroceso do pandeiro está clara: o empuxe da pandeireta. En relación con isto, debemos observar que nas coplas onde aparecen mencionadas as ferreñas como instrumentos nunca o fan as pandeiretas, dando a sensación de que nunca existiron xuntas, algo semellante sucede co pandeiro que aparece mencionado en moi poucas ocasións xunto co pandeireta, malia que esta nunca conseguiu desprazalo totalmente.

Dando unha volta, aínda podemos obter unha peza máis deste crebacabezas doutra palabra: Con “jota” denomínamos os galegos un baile ben coñecido e presente en toda a península ibérica. Federico Olmeda refírese a el na súa obra Cancionero Popular de Burgos e explica que: “Sin documentos feacientes y autorizados yo no la achacaría jamás al pueblo y a lo sumo no la dejaría remontarse más allá de fines del siglo XVIII” 12. Miguel Manzano, nun senlleiro estudo sobre este xénero musical 13, considera certeiro este xuízo e só engade que sendo seguramente orixinaria dalgún lugar do noroeste peninsular, sen indicar exactamente de onde, un área de distribución tan grande precisa de polo menos algúns séculos para facerse efectiva, dando tamén por boa a afirmación de Miguel Arnaudas: “La construcción musical de la jota [...] es absolutamente moderna; y no sólo no contiene ningún rasgo de los que caracterizan a la música árabe o religiosa de los siglos medios, sino que tampoco los tiene de la época del renacimiento; rasgos éstos últimos que perduraron en España hasta la mitad del siglo XVIII” 14. Anxo Martínez na súa Historia e evolución da danza en Galicia 15 explica que a cita máis antiga a este baile aparece no sainete La junta de los Payos de Ramón de la Cruz, do 1761, e opina que, non aparecendo nas recompilacións de músicas e bailes populares dos séculos XVI-XVIII, a jota debeu de popularizarse en Galicia ao longo do século XIX 16. A cita máis antiga que nós puidemos achar recollémola de Adolfo Salazar 17 e áchase no Libro de diferentes cifras de guitarra escogidas de los mejores autores, manuscrito anónimo datado no 1705. Aínda que a palabra jota aparecía xa en España naquel século, non significa que o nome deste baile se popularizase daquela en Galicia, o que seguramente aconteceu máis tarde.

Esta denominación, que por certo aparece poucas veces nas coplas tradicionais, aínda hoxe non foi galeguizada entre os portadores: este fragmento de “Marchemos rapaces” 18, onde se enumeran os tres bailes interpretados antes de finais do XIX nunha foliada (despois xa se incluíron os agarrados), recolle á perfección este feito:

Beilade mociños

esta muiñeira

que tamén nosoutros

queremos beilar,

unha jotiña

e unha ribeirana

e logo xuntiños

ir a parolar

[CPTO, 81-82]

Outros exemplos de coplas que conteñen esta mesma denominación:

Mándasme tocala jota,

eu a jota non a sei

por dar gusto ós que bailan

eu a jota tocarei

Válgame Dior de los cielos

xa non hai viño na bota,

acabamos a muiñeira

empezaremos a jota

[CPGDS, VI, II, 60]

Poderiamos supoñer que, sendo a jota no século XX tan popular entre os bailes soltos galegos como a pandeireta entre os instrumentos, o seu nome non se galeguizou porque non tivo tempo, de xeito que tamén podemos supoñer que a popularización das pandeiretas debeu ser algo anterior á da palabra jota; e dicimos palabra porque quizais o baile xa existise con anterioridade e só se lle trocase o nome (fandango?, vira?) polo de jota, fenómeno que moi posiblemente, tendo en conta todo o dito, aconteceu nun período difícil de precisar entre mediados ou finais do século XVIII e principios ou mediados do XIX. En todo caso, a pandeireta semella algo máis antiga que a denominación jota, malia que, polas razóns expostas, non parece precedela moito no tempo.

Outra proba da recente incorporación da pandeireta vén da iconografía, pois que nós saibamos, non temos referencias iconográficas á pequena pandeireta en Galicia máis atrás de finais do século XIX 19, mentres que en Castela, como xa vimos, achámolas xa desde o século XV. Por outra parte, a primeira referencia escrita á pandeireta en Galicia non aparece ata principios do XIX cando Castro Neira inclúe o instrumento nas letras dos Vilancicos da catedral de Mondoñedo 20:

Despois de fazerlle a vénia

a gaita podes sacar

e nosoutros pandeiretas

pra foliada começar

Os dicionarios galegos tamén indican que a voz pandeireta é moderna, pois non aparece ata o de Valladares (1884): “Pandereta, instrumento usado en las fiestas y bailes de la gente del campo”. Os dicionarios e coleccións lexicográficas anteriores non a mencionan pero si o pandeiro, como sucede por exemplo nos escritos de Sarmiento. Por outra parte, nunha das compilacións de coplas tradicionais galegas máis antigas que coñecemos, feita por Marcial Valladares (1821-1903) ao longo do século XIX 21, non aparece mencionada a pandeireta, pero si o pandeiro, as ferreñas, as cunchas, a gaita e o tambor entre outros instrumentos.

Baixo o noso punto de vista, todos os datos que vimos de expoñer indican que a pandeireta non se coñecía desde moi antigo en Galicia, ou polo menos o seu uso non foi extensivo. Como o seu período de auxe progresivo parece coincidir no tempo co declive das ferreñas, é probable que fose introducida nalgún momento entre mediados e finais do XVIII, mantendo entre o pobo a súa denominación orixinal, pandereta, ata aproximadamente mediados do XIX, momento no que seguramente comezou a cobrar auxe de verdade. Este novo instrumento desprazou con rapidez ás ferreñas, ocupando literalmente o seu lugar nas mans das tocadoras o que fixo que as galegas desenvolvesen ese xeito particular de soster a pandeireta coa man dereita; poderiamos dicir entón que as pandeiretas galegas non son máis que unhas ferreñas con pel. Esta recén chegada prendeu tan ben na nosa música e colmou de xeito tan notorio as nosas necesidades rítmicas e sonoras que desprazou tamén aos pandeiros redondos e cadrados.

Por outra parte, non nos estraña en absoluto que durante o século XIX este novo instrumento desprazase pouco a pouco aos pandeiros e ás ferreñas, pois é un momento de grandes mudanzas na nosa cultura tradicional. Algúns cambios seguramente fosen consubstanciais co cambio progresivo que todos os sistemas culturais van sufrindo, pero outros foron sen dúbida propiciados e/ou acelerados por diversos feitos históricos que Carlos Rei analiza sabiamente na súa obra Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega 22; entre os máis salientables: chega, ou quizais vén de volta, a jota; desaparecen as danzas gremiais polo decreto do oito de xuño de 1813 das Cortes de Cádiz liberalizando a industria; comezan a implantarse as bandas de música, a primeira foi “La Lira” de Ribadavia (Ourense) fundada no 1840, introdúcense varios instrumentos e ven a luz os “cuartetos tradicionais” e as murgas; desaparecen as comparsas de xigantes e xigantiños; chegan un feixe de ritmos novos como a mazurca, o valse ou o pasodoble e con eles o xeito de bailar agarrado, que a finais do XIX xa estarán plenamente arraigados; chega o acordeón diatónico e decaen a zanfona e o pandeiro, cobra puxanza a pandeireta e, en fin, suceden unha morea de trocos socioculturais que condicionan o comezo dun rápido declive do sistema de cultura tradicional galego.

Xa para rematar con esta historia dos tambores de marco galegos, simplemente sinalemos que se enxergan claramente dous procesos de mudanza: por unha banda a redución paulatina do seu tamaño, e por outra, o incremento no número de elementos sonoros metálicos (ferreñas) inseridos no seu marco. Pese a que as teses evolucionistas de Curt Sachs foron superadas, non nos deixa de chamar a atención como algúns dos seus postulados, como a redución paulatina do tamaño dos instrumentos musicais co pasar do tempo, se seguen a cumprir dentro da evolución dunha cultura en particular. Parece como se as culturas estivesen condenadas a revivir procesos de cambio semellantes; a este respecto lembramos agora o moi curioso paralelismo entre a evolución dos tambores de marco galegos e os do antigo Exipto ocorrida hai máis de tres mil anos; en palabras do profesor Henry. G. Farmer 23: “Ao mesmo tempo que as vellas danzas do Imperio Antigo foron substituídas por outras de estilo máis oriental, rápidas e licenciosas, o gran tambor de marco, de grave ton e forma rectangular, foi substituído por un pequeno instrumento circular, que cun ton máis agudo concorda mellor coas castañolas con que se acompañaban os bailadores dos derradeiros tempos do Exipto dos faraóns”.

Ver notas
  1. [1] Lorenzo Fernández, X. Cantigueiro popular da Limia Baixa. Ed. Deputación Provincial de Ourense e Museo do Pobo Galego. Ourense, 2004, p. 131 nota 610.
  2. [2] Referencia amablemente cedida por Félix e Cástor Castrovicente.
  3. [3] Referencia amablemente cedida por Félix e Cástor Castrovicente.
  4. [4] Lence Santar, E. [Mondoñedo, 1876-1960]. Etnografía Mindoniense. Ed. de Armando Requeixo, Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000. [Recompilación de escritos etnográficos do autor], p. 100.
  5. [5] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, p.205.
  6. [6] Salazar, A. La Música en Cervantes y otros ensayos. Ed. Insula. Madrid, 1961.
  7. [7] Comunicación persoal de Xosé-Henrique Costas e Tomás Rodríguez.
  8. [8] O real era unha moeda de prata de 3,35 gramos que comezou a circular en Castela no século XIV. Foi a base do sistema monetario español ata mediados do século XIX cando unha peseta equivalía a catro reais.
  9. [9] O Diccionario de Autoridades de 1737 define a peseta como «la pieza que vale dos reales de plata de moneda provincial, formada de figura redonda. Es voz modernamente introducida». No 1868 implantouse a peseta como unidade monetaria de España, esta peseta equivalía a 4 reais daquela época.
  10. [10] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 161.
  11. [11] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña 1982, p. 205.
  12. [12] Olmeda, F. Folk-lore de Castilla. Cancionero popular de Burgos. Ed. Diputación Provinvial de Burgos. Burgos, 1902. Reed. facsimil: Ed. Maxtot. Valladolid, 2001.
  13. [13] Manzano Alonso, M. La jota como género musical. Un estudio musicológico acerca del género más difundido en el repertorio tradicional español de la música popular. Ed. Alpuerto. Madrid, 1995, p. 437.
  14. [14] Citado en: Manzano Alonso, M. La jota como género musical. Un estudio musicológico acerca del género más difundido en el repertorio tradicional español de la música popular. Ed. Alpuerto. Madrid, 1995, p. 445.
  15. [15] Martínez San Martín, A. “Historia e Evolución da Danza en Galicia”. En: Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego, II: Música e Danza. Ed. Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela, 1997; pp. 126-127.
  16. [16] Vistas as semellanzas musicais entre o vira portugués e a “jota” galega, ademais da existencia dunha copla estendida por toda Galicia que reza: E volta e vira/ e volve a virar/ as voltas do vira/ son malas de dar; Anxo Martínez formula unha interesante pregunta: Chamouse a “jota” algunha vez vira en Galicia? Tendo en conta a orixe setentrional proposta por Miguel Manzano para a “jota”, pensamos nós aínda: é posible que a orixe da “jota” estea precisamente no vira portugués?, que de alí pasase a Galicia (co nome de vira) e a España onde recibiu o nome de “jota”, e que esta denominación volvese máis tarde a Galicia? A este respecto, debemos salientar que Miguel Manzano acha as variantes máis antigas da jota case exclusivamente no noroeste, na Alta Estremadura e na submeseta norte [Miguel Manzano, Op. cit. p. 440]. Non rodean, curiosamente, todos estes territorios a Portugal?.
  17. [17] Salazar, A. La Música en Cervantes y otros ensayos. Ed. Insula. Madrid, 1961, p. 241.
  18. [18] Meixome Quinteiro, L., Lamela Villaravid, C., Páramos Viñas, E.M. e Díaz Muñiz, S. Coordina: Afonso Vázquez-Monxardín. A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade. Unha experiencia de recollida en centros de Ourense, Santiago, Tui e Viveiro. Ed. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela, 1992, p. 81-82.
  19. [19] Ollo coa muller que toca a pandeireta no nacemento das Agustinas de Vilagarcía de Arousa, datado no século XVIII, pois esta figuriña é notablemente diferente das outras e podería ser, con bastante seguridade, un engadido posterior. Compárense senón as caras e detalles como os pendentes, pasamanerías, bordados, etc. das figuriñas da tocadora do pandeiro e da pandeireta que aquí achegamos. Ver tamén a do tamboriteiro e a do gaiteiro
  20. [20] Pinheiro Almuinha, R. Tambores de mão na Galicia: pandeiros, adufes e pandeiretas galegas. En: Etnofolk. Revista galega de etnomusicoloxía. Nº 8, xuño 2007, p. 23.
  21. [21] Fernández Salgado, X. A. Marcial Valladares (1821-1903). Lingua, literatura e folklore. Tese de doutoramento dirixida pola Dra. Rosario Alvarez Blanco, defendida no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela en 2002. Os apéndices (pp. 851-963) conteñen unha boa parte das coplas e refráns compilados por Marcial Valladares.
  22. [22] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa, p. 12-14 no orixinal.
  23. [23] Farmer, H. G. New Oxford History of Music. The Music of Ancient Egypt. Ed. Egon Wellesz. Oxford, New York, 1991; p. 266.
Patrocinadores e colaboradores