Os tambores en xeral

Reprodución dun tambor de principios do século XX realizada polo autor. Diámetro 41 cm. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Tecnicamente calquera instrumento musical composto por unha cavidade recuberta dunha pel tensa que se pon en vibración batendo nela coa man ou con calquera outro tipo de obxecto recibe o nome de tambor. Falando en xeral, a cavidade pode estar formada directamente na terra ou fabricarse de barro, madeira, metal etc. Esta cavidade acada moi diversas formas: de marco, de cunca, de barril, de reloxo de area, cilíndrica etc., e a pel que a recobre pode ser amarrada e tensada de mil e un xeitos diferentes. Cada cultura desenvolveu o seu tambor ou tambores característicos, así como un uso e función particulares para eles.

Dentro dos tambores achamos dous tipos bastante ben diferenciados:

-Os tambores tubulares, nos que a cavidade ten forma aproximada de cilindro. Grupo 211.2 da clasificación de Hornbostel e Sachs.

-Os tambores de marco, nos que a membrana se tende sobre un estreito marco circular ou poligonal. Grupo 211.3.

Evolutivamente ambos os grupos teñen orixes diferentes que se reflicten claramente na súa filiación sexual. Falando en xeral, e no caso galego en particular, os tambores cilíndricos foron tradicionalmente instrumentos masculinos: tambores propiamente ditos, caixas, bombos, bombos de mallada e tambores de folión de antroido.

Pola súa banda, os tambores de marco son xeralmente, e no caso galego en particular, instrumentos fundamentalmente femininos: pandeiros redondos, pandeiras, pandeiretas e pandeiros cadrados.

Dentro do noso sistema de cultura tradicional todos estes tambores son considerados como instrumentos musicais propiamente ditos, cun elevado grao de consideración tanto dos instrumentos como dos instrumentistas. Os masculinos acompañan en xeral á música feita por instrumentos melódicos masculinos (gaitas de fol, requintas, clarinetes, etc.) e os femininos empréganse para acompañar o canto que é fundamentalmente feminino.

A excepción da caixa de metal e parafusos, o tipo de tambor máis recente, todos os tambores galegos que imos ir describindo se confeccionan cun cilindro ou marco de madeira, fabricado de diferentes xeitos segundo o tambor, no que se tende unha pel curtida de carneiro ou cabra.

Por último, antes de comezarmos coa descrición dos nosos tambores, debemos sobrancear que na evolución de moitos dos instrumentos musicais dentro dunha cultura é frecuente observar un curioso fenómeno que xa foi documentado por Curt Sachs: a redución do tamaño co paso do tempo. Pronto teremos a oportunidade de comprobar como nos tambores galegos, aparentemente, se observa este fenómeno con bastante claridade, tanto entre tipos diferentes de tambores como dentro do mesmo tipo en particular.

Patrocinadores e colaboradores