Pandeira

Un xeito de tocar a pandeira. Man colocada para tocar a muiñeira e a jota. Deseños de Ramón Marín.

Nas montañas dos Ancares denominan pandeira 1 a uns pandeiros redondos (duns 40-50 cm de diámetro e 8-12 cm de alto) que levan algunhas ferreñas inseridas no marco. Fabrícanse curvando unha táboa duns 5-6 mm de grosor, e cubríndoa por un lado cunha pelica de cabra ou corzo. Esta pel suxéitase ao marco pasándoa entre este e un aro duns 2 cm de largo que é cravado a aquel. A pel que sobresae é cosida formando un reberete visible na parte superior deste aro. Tamén na parte oposta do marco se crava outro aro semellante, de xeito que entre os dous é posible pasar uns arames onde se ensartarán as ferreñas. Para suxeitar o instrumento, o marco posúe un furado circular duns 3 cm de diámetro para introducir o polgar da man esquerda, practicado onde un extremo da táboa curvada se monta e crava no outro.

A diferenza dos pandeiros redondos dos que vimos de falar, as pandeiras levan varios grupos de ferreñas inseridos en furados rectangulares e alongados que se distribúen arredor do seu marco. En cada un destes furados áchanse normalmente tres ferreñas, dúas máis grandes, rizadas de arredor e, no medio delas, unha máis pequena con forma de disco plano. Tampouco faltan exemplares onde aparecen un maior número de ferreñas en cada furado.

Nas montañas dos Ancares, de onde recollemos a denominación de pandeira 2, consérvase aínda o uso destes instrumentos, intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino, aínda que tamén os homes as empregaban. Alí aparecen varios tipos de pandeiras conforme á distribución dos furados que o marco leva para as ferreñas: poden ser cinco e equidistar arredor do marco, contendo ferreñas bastante grandes (uns 8 cm de diámetro); poden ser dez ou doce, conter ferreñas máis pequenas e estar distribuídos todo de arredor pero enfrontados por parellas; ou ben poden aparecer nun número de sete ou oito que, alternados, ocupan só unha parte do marco, deixando a outra libre de ferreñas para poder apoiar o instrumento lateralmente contra o peito, tipoloxía moi adecuada para a execución do redobre cos cotelos do que logo falaremos.

Moncho Marín comentounos que en Piornedo de Ancares (Lugo) un home que fora construtor de pandeiras díxolle que lles pintaba na pel un círculo vermello, como dun centímetro de grosor, na parte máis achegada ao ariño. Este costume de pintar na pel áchase tamén nos pandeiros cadrados que, como xa comentamos, podían conter debuxos nas peles e levaban decote un reberete de tea colorada arredor do marco.

Ata finais do século XIX ou principios do XX estes instrumentos deberon ser abundantes tamén noutros lugares de Galicia, lembremos senón a cita de Lence Santar (pandeiro redondo con arrechouchos ao redor) que acabamos de ver, ou mesmo a fotografía do gaiteiro de Guillarei (Baixo Miño, Pontevedra) onde se pode ver unha muller cun instrumento que, polo seu tamaño, podemos asimilar ao que aquí estamos a denominar pandeira.

Nos dicionarios galegos só aparece esta voz en dous, no de Eladio Rodríguez (1958-1961): “s. f. Pandera, instrumento músico más pequeño que el PANDEIRO y parecido a él.”, e no de Franco Grande 2ª ed. (1972): “s. f. Pandera”. O apelativo pandera existe tamén no resto de España para referirse ao pandeiro redondo con ferreñas no marco.

A denominación pandeira herdouna, en moitos lugares de Galicia, a máis pequena pandeireta, sen que isto signifique que a pandeireta apareceu en Galicia como unha evolución da pandeira froito dunha diminución no seu tamaño. Como veremos ao falar da historia destes instrumentos, nós inclinámonos a pensar que a pandeireta desprazou, en época non moi afastada, tanto ao pandeiro redondo sen ferreñas, como á grande pandeira con ferreñas no marco e ás propias ferreñas. Posto que a pequena pandeireta actual comparte denominación nalgunhas zonas coa pandeira, é difícil saber cando as coplas tradicionais se refiren a un ou outro instrumento.

Catuxa, miña Catuxa,

Catuxiña, meu amor,

merquéiche xa unha pandeira,

heiche mercar un tambor

[CPBL, 59]

A pandeira e nai-las cunchas,

as cunchas nai-la pandeira

están sempre preparadas

para calquer brincadeira

[IMLTG, 124]

As mociñas de Carnota

todas xuntas nunhas eira,

unhas cantan outras bailan,

outras tocan na pandeira

[CFG, III, 156]

Para tocalas, as pandeiras sostéñense coa man esquerda en posición case vertical, co polgar introducido no furado do marco e o resto dos dedos en contacto coa pel, ficando a man esquerda na parte baixa do instrumento. Esta copla tradicional deixou rexistrado este xeito de tocar:

Tocadora d’a pandeira

dalle máis unha pancada

dálle co’a man dereita

que co’a outra non val nada 3

[CPG, I, 151]

O son prodúcese fundamentalmente batendo na pel cos dedos da man dereita, aínda que tamén os dedos libres da esquerda poden axudar nalgúns ritmos. A man dereita mantense en posición lixeiramente arqueada para poder alternar os golpes entre o polgar e a punta dos outros catro dedos; tamén se dan golpes fortes coa palma da man, ou se alternan os golpes entre os dedos da man dereita o os da esquerda. Os redobres acádanse normalmente con alternancias rápidas entre as puntas dos dedos e o polgar. Nas partes de volta das xotas realízase outro tipo de redobre moi característico no que se empregan os cotelos da man dereita, movendo esta rapidamente arriba e abaixo, oscilando sobre o pulso. A execución deste toque precisa que a pandeira se sosteña momentaneamente de xeito diferente, perpendicular ao corpo, apertándoa entre o peito e a man esquerda.

Ambos os xeitos de tocar revelan claramente que o peso da execución rítmica recae nos golpes propinados coa man dereita sobre a pel, actuando o son das ferreñas simplemente como un complemento destes. A este respecto, as tocadoras de pandeira que puidemos consultar insisten en que a súa pel debe estar ben tensa, razón pola que era habitual quentalas no lume antes de tocar. Este detalle ten a súa importancia e veremos o porqué ao falar da clasificación das pequenas pandeiretas, o instrumento xeograficamente máis estendido no século XX en Galicia para acompañar o canto feminino.

Polo seu número escaso de ferreñas e polo seu tamaño, é moi posible que as pandeiras representen un dos tipos máis antigos de tambores circulares con ferreñas que se conservan en Galicia, moi semellantes, por certo, a moitos instrumentos do norte de África.

Ver notas
  1. [1] Nos lugares de Galicia onde non se conservan as grandes pandeiras, as pequenas pandeiretas, que trataremos no apartado seguinte, reciben en ocasións este mesmo nome.
  2. [2] Sobre a denominación dos tambores circulares existe unha notable confusión de termos en Galicia, de xeito que o instrumento que aquí denominamos pandeira aparece referido como pandeiro redondo noutras zonas. Tamén é moi frecuente achar pandeira como sinónimo de pandeireta. En todo caso, neste traballo empregaremos pandeira unicamente para referirnos a tambores de marco circulares, grandes, e con ferreñas no marco.
  3. [3] Dicir que darlle coa outra man non vale nada implicaría que xa había xente que a tocaba así, ou sexa, que esta copla fala dun tempo no que comezaba a introducirse este novo xeito de tocar que só aparece asociado ás pandeiretas como pronto veremos. Esta sería unha desas coplas nas que pandeira se refire á pandeireta.
Patrocinadores e colaboradores