Pandeiro (cadrado)
- Pandeiro cadrado. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.
- Detalle do cosido da pel dun pandeiro. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.
- Detalle a contraluz do pandeiro de María Grande Sobral (Cortellas, Soutomaior, Pontevedra) (35.7 cm de lado, 4.5 cm de grosor) amosando unha peza de madeira en forma de ángulo que se acha no seu interior pegada a ambas peles para impedir a súa resonancia. Fotografía do autor.
- Pandeiro cadrado adornado ao xeito tradicional. Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.
- María Grande Sobral, veciña de Cortellas (Soutomaior, Pontevedra), tocando o pandeiro nun serán en Barciademera (O Covelo, Pontevedra). Fotografía do autor.
- Benito “O Moucho”, tocador de pandeiro de O Cabalo (Amoedo, Pazos de Borbén, Pontevedra). Fotografía por cortesía de Guillerme de “O Tear de Llerena”.
Actualmente as portadoras e portadores de toda a nosa xeografía entenden por pandeiro unicamente o instrumento cadrado, aínda que na zona xa non se conserve o seu uso. Sabemos que outrora isto non foi así e pandeiro podíase referir tamén a instrumentos circulares; reservaremos esta historia para un pouco máis adiante. Por agora baste dicir que moitas das coplas tradicionais que imos empregar poden referirse ao instrumento cadrado ou ao circular.
Para confeccionar un pandeiro emprégase un marco cadrado de madeira duns 3-5 cm de groso, e uns 40-50 cm de lado, redondeado ou biselado, asegurado con puntas e recuberto por ambas caras cunha pelica. O coiro do pandeiro é un tema recorrente na lírica tradicional, moitas coplas mencionan aos animais que se empregaban para facelo como o cabrito, a ovella, o castrón, o corzo e mesmo o can:
Este pandeiro que toco
é de coiro de cabrito,
que foi morrer a Monfero
c’unha carracha n-o bico
[CPG, II, 45]
Este pandeiro que toco
é de pelexo de ovella
que morrió de murriña
que de murriña morrera
[CPGDS, VI, II, 44] Neaño (Cabana, A Coruña)
Este pandeiro que toco
era de coiro d’ovella
que morrera de morriña,
que de morriña morrera
[CPG, II, 44]
Este pandeiro que toco
éche de coiro d’ovella
onte pacía na braña
i hoxe toca que rabea
[CPGDS, VI, II, 44] Cerceda (A Coruña)
Este pandeiro que toco
é de coiro d’ovella
inda onte comeu herba
e hoxe toca que rabéa
[CPG, II, 44]
Este pandeiro que toco
era de coiro d’ovella;
onte pacía no monte,
hoxe toca que rabea.
[PPG, <P 192> <L 0> <A 1863>]
Este pandeiro que toca
é de pelica de castrónhe
inda onte comeu herbas
hoxe toc’a un batallónhe
[CPGDS, VI, II, 44] Mesía (A Coruña)
Iste pandeiro que toco
ten o pelaxe ghastado
que llo quitei on castrón
que andaba no tellado
[CPGDS, VI, II, 45] Vilardevós (Ourense)
Este pandeiro que toco
éche de coiro de can
que o comeron os lobos
no alto de Margalán
[CPPO, I, 156]
Este pandeiro que toco,
este que teño na man
este pandeiro que toco
é de pelexo de can.
[PPG, <P 1411><L 0><A 1877><E DB>]
Este pandeiro que toco
era de coiro de can,
que morreu coa miseria
á porta de meu irmán.
[PPG, <P 191> <L 0> <A 1863>]
Este pandeiro que toco
é de pelica de can
que murríu á túa porta
por un bocado de panhe
[CPGDS, VI, II, 44] Santa Comba (A Coruña)
Este pandeiro que toco
é de pelica de can
inda onte comeu caldo
ihoxe toca no serán
[CPGDS, VI, II, 44] Taboexa (As Neves, Pontevedra)
Este pandeiro que toco
é de pelica de can;
onte ladraba na eira,
hoxe toca no serán
[IMLTG, 115]
Este pandeiro que toco
é de pelico de corzo;
tócano en Pelendreira
e arresona en Arandoxo
[IMLTG, 113]
A pelica para os pandeiros debía ser resistente pois o seu tamaño considerable así o esixía, de aí que en moitas coplas tradicionais se xogue con esta característica para poñer de manifesto a opresión que exercían sobre os labregos algúns elementos do sistema como o escribán, o xuíz, o alcalde ou o cacique:
Repinica no pandeiro,
non rompe que é d’este ano,
polo pelexo n’hai duda,
que é pelexo de escribano
[CG, II, 165]
Este pandeiro que toco
éche de coiro de xuez,
toca pandeiriño toca
que ben duro coiro tés
[CG, II, 168]
Este pandeiro que toco
por moito que o repenique
non teñas medo que rompa
que é de coiro de cacique
[CPLB, 91]
Iste pandeiro que toco
por moito que repinique
non teñas medo que rompe
qu’é de coiro de cacique
[CPGDS, VI, II, 43] Carpazás (Bande, Ourense)
Este pandeiro que toco
é de coiro de cacique;
toca, meu pandeiro, toca,
toca pra que me desquite
[CDC, 45]
A dureza da pelica serviu tamén para satirizar as mulleres vellas:
A miña muller é vella
de vella cayéull’o cóiro
hei de facer un pandeiro
para correr o Antroido
[CPG, I, 44]
A miña muller é vella,
de vella rompeulle o coiro,
hemos faguer un pandeiro
para correlo Antroido
[CPLB, 34]
A miña muller é vella
enterreina no palleiro,
hei de sacarlle o pelexo
para facer un pandeiro
[CFG, I, 124]
A pelica recórtase de xeito rectangular, cunha lonxitude un pouco maior que o dobre do pandeiro e unha largura tamén lixeiramente máis grande que o largo do marco. Deste xeito, dobrándoa sobre o marco e coséndoa en tres dos seus lados, fica recuberto o marco completamente. No seu interior os pandeiros contiñan axóuxeres ou campaíñas, ben pendurados de cordiñas, ben cravados no marco. Tamén se lles introducían, libres no seu interior, outros elementos sonoros como pedriñas redondeadas ou fabas secas. Todos estes corpos sonoros conferíanlle ao pandeiro un son tintineante.
Moi característico dos pandeiros foron dous ou tres finos bordóns de tripa, corda ou incluso cordas de guitarra, denominados cordeles, que contactaban interiormente con ambas pelicas, dando a volta arredor do marco. Estes bordóns apagaban a resonancia das pelicas tensas do pandeiro producindo un son xordo e abordoado. Lence Santar 1 describe o pandeiro cadrado da zona de Mondoñedo así: “O pandeiro de Viloalle era cadrado, tiña d’altor como cousa de tres dedos, tiña drento unha ou dúas campaíñas e duas cordas de guitarra, e taba tamén cuberto de pél d’ovella ou de carneiro”. Casto Sampedro 2 abunda nesta descrición:
«Lo forma un marco de madera biselado por fuera, y por dentro excavado en sus cuatro lados, en cuyos huecos se alojan unos grandes cascabeles llamados arxóuxeles. De un ángulo a otro va una cuerda de tripa o un cordel; y se completa revistiendo este bastidor con una piel de cabra que se dobla sobre uno de los lados y se cose por los otros tres.»
O costume de lles colocar bordóns foi desaparecendo nos pandeiros empregados polas corais e grupos folclóricos, aparecendo así no século XX un pandeiro cadrado de son resoante. A este respecto podemos ler en Lence Santar 3 unha copla que reza:
O beilar homes con homes
e mulleres con mulleres
é com’as gaitas sin foles
e pandeiros sen cordeles
Outra copla tradicional que tamén fai referencia á necesidade dos cordeles:
O pandeiro toca benhe
se lle apretan os cordeles
os rapaces non son homes
mentres non teñen mulleres
[CPGDS, VI, II, 43] Vila da Igrexa Cerceda (A Coruña)
En Cortellas (Soutomaior, Pontevedra) tivemos a oportunidade de ver un antigo pandeiro que pertencera á casa de Louro, tocado aínda por María Grande Sobral, que contiña no seu interior, á parte dos elementos xa citados (axóuxeres e cordeis) unha peza de madeira en forma de ángulo recto, duns 5 mm de grosor e 5 cm de lado, do largo exacto do marco, acolada ás dúas peles e fixa dentro do pandeiro, é dicir, en contacto coa dúas peles, de xeito que impedía totalmente a súa resonancia. Este significativo achado confirma o gusto por un son apagado, seco, das peles do pandeiro galego tradicional.
As beiras dos pandeiros ornábanse normalmente cunha fita de tea encarnada cravada ao marco á que se podían engadir pompóns ou fitas de cores, de tea ou papel, que penduraban por riba das peles. Antigamente parece que tamén levaban pintados nas peles diferentes motivos; no nacemento das Agustinas de Vilagarcía de Arousa (s. XVIII) consérvase unha figuriña cunha tocadora que terma dun pandeiro cadrado fermosamente ornado. Esta copla tradicional dá conta do reberete de tea e da pintura sobre a pel:
O pandeiro de Abelleiro
ten un paxaro pintado.
Ten un rei, ten unha reina,
ten un vivo colorado
[IMLTG, 118]
Felipe Pedrell no seu tratado sobre organografía antiga indica que antigamente os pandeiros cadrados “estaban pintados y adornados con cintas y moños” indicando que daquela (1901) aínda se vían en Cataluña pandeiros decorados con motivos de reminiscencia árabe ou coa imaxe da Virxe 4.
Os pandeiros cadrados fabricábanos os peneireiros. Lence Santar 5 refire que en Mondoñedo, na rúa de Méndez Núñez, moraba a principios do século XX un tal Cesáreo Losada, maior de oitenta anos, que tiña feito centos de pandeiros. Conta Lence Santar que Cesáreo dicía: “En facer pandeiros, pandeiretas e peneiras, naida d’este mundo me puxo o pé por diante”.
Para tocar este instrumento as mulleres sostéñeno de xeito moi semellante ao resto dos tambores de marco circulares: asíndoo coa man esquerda por un dos seus lados, co polgar pola parte posterior e os catro dedos restantes en contacto coa pel que fica diante, o pandeiro sostense en posición case vertical, diante do peito da tocadora, un pouco desprazado cara á esquerda, lixeiramente en ángulo co corpo e cun dos seus ángulos cara abaixo, podendo ou non apoiarse este preto do embigo da tocadora. A man dereita fica así libre para bater na pel dun xeito e cunha técnica moi semellantes á que describiremos ao falar da pandeira. Tamén a lírica popular atende ao xeito de tocar o pandeiro e aos sons que produce. Vexamos algúns exemplos:
Tocadora de pandeiro
dálle máis unha pancada
bátelle coa man dereita
que coa ioutra non val nada
[CMG, I, 101]
Tocadora do pandeiro
dalle que haxa unha cantada
dalle coa man dereita
que a esquerda non é nada
[CPPO, I, 152]
O tocador do pandeiro
ogallá que parta os dedos,
despois cos dedos partidos,
que toque cos cotobelos
[CPLB, 130]
Si non fora por Benito
polo que anda no turreiro
si non fora por Benito
non puña a man no pandeiro
[CMG, I, 100]
Touporroutou por onde vai a noiva
Touporroutou pola corredoira
Touporroutou que a vai á buscar
Touporroutou un ferrado de sal
[CPG, III, 208]
Tamparrantán y as uvas verdes
Tamparrantán que verdes están
Tamparrantán que si están verdes
Tamparrantán xa madurarán
[CPG, III, 208]
Casi ten o pé lixeiro,
como me fai avivar
a miña man no pandeiro
[CDC, 37]
En Galicia o uso principal deste instrumento foi acompañar o canto e por tanto os bailes que se celebraban en fiadas, ruadas, seráns etc. Malia que seu uso tradicional chegou ata os nosos días só no sur da provincia de Pontevedra (Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Ponteareas, Mondariz, O Covelo, As Neves e Salvaterra), noutros lugares lembran aínda o seu recente uso, aínda que xa non se emprega, caso dos Ancares. En todo caso temos recollido novas illadas deste instrumento en moi diversas zonas de Galicia, sobre todo nas zonas máis arcaizantes, o que nos indica que noutrora debeu ser un instrumento moi amplamente empregado. Proba disto é tamén a enorme cantidade de coplas tradicionais que mencionan o instrumento en comparación coas que falan doutros; o estudo de Carlos Rei sobre a frecuencia con que os instrumentos musicais aparecen nas coplas tradicionais indica que o pandeiro é o máis mencionado, diante incluso da gaita de fol e a pandeireta 6, o que proba a súa pasada hexemonía. Como xa dixemos, por pandeiro entenden hoxe as portadoras aquel instrumento de marco cadrado; mais isto non foi sempre así: cando falemos do pandeiro redondo veremos que moitas das coplas que se recollen da lírica popular e que falan do pandeiro inclúen datos, como a presenza de ariños ou que poida rodar, que permiten deducir que están a falar dun instrumento redondo. Deste xeito, cando nunha copla aparece mencionado o pandeiro non podemos saber a que tipo de tambor de marco, cadrado ou circular, se está referindo. Este é o caso da maior parte das coplas que a continuación vertemos:
Casar quería casar
mais eu non teño diñeiro,
heille pedir ao meu sogro
para gañalo, un pandeiro
[CPBL, 59]
Pero esta situación de equívoco non debeu de ser sempre así, xa que en tempos pasados o pandeiro cadrado denominouse adufe ata que este apelativo caeu en desuso e foi substituído polo de pandeiro. As coleccións lexicográficas e dicionarios galegos de Sobreira (1787-1805), Academia (1913-1928), Carré (1928-1931), Ibáñez (1956), Eladio (1958-1961) e Carré (1972) recollen aínda a voz adufe que aparece como sinónimo de pandeiro. Nós xa non puidemos recollela dos portadores e portadoras consultados, de xeito que con seguridade moitas das coplas populares que se refiren ao pandeiro sen máis aclaracións fagan alusión ao instrumento cadrado. Nas coleccións de lírica popular que puidemos consultar non aparece unha soa copla que mencione o adufe, por canto supoñemos que esta palabra perdeuse no pobo antes do século XVIII, momento en que pandeiro debeu pasar a denominar o instrumento cadrado. Por outra parte, as coplas que falan claramente do instrumento cadrado son escasas, seguramente por dúas razóns: unha, porque non debía haber necesidade de distinguilo doutros instrumentos, xa que polo menos durante todo o século XX pandeiro referiuse exclusivamente ao instrumento cadrado; e outra, porque este instrumento foi abandonándose ao longo deste século ata practicamente desaparecer. Vexamos unha destas raras coplas que falan do pandeiro cadrado recollida por Xaquín Lorenzo na Limia Baixa:
O pandeiro toca, toca,
o pandeiro toca ben,
o pandeiro toca, toca,
viva quen amores ten
[CPLB, 125]
Moito tocas, moito cantas
moito tocalo pandeiro,
eses son os becerriños
que che curten o quinteiro
[CPLB, 107]
Anque vou a fiandeira
non vou pra fiar na roca,
vou pra tocalo pandeiro
que esta noite a min me toca
[CFG, III, 27]
O pandeiro é bó
e as cantigas tamén;
sigue con ese xeito,
que a nós gústanos ben
[CG, II, 80]
Comenzade vós primeiro
comenzade vós primeiro
na miña terra comenzan
tocadoras do pandeiro
[CPPO, I, 148]
As rapaciñas da Vila
non as hai que marmurare
saben toca-lo pandeiro
tamén saben traballare
[CPGDS, IV, II, 130]
Mociños de Arcos de Frades,
o pandeiro valvos nada
nos non queremos pandeiro,
nos queremos pandeirada
[CTC, 58]
Daille o pandeiro a Teresa
que volo sabe tocar,
dávoslle aquela voltiña,
sábeo repinicar
[CPLB, 65]
Arriba pandeiro roto;
abaixo manta mollada,
onde estamos os homes
as mulleres non mandan nada
[CTC, 55]
Arriba pandeiro roto,
abaixo manta mollada,
onde estamos as mulleres
os homes non valen nada
[CPLB, 43]
Arriba pandeiro roto,
abaixo manta mollada,
a muller de ruín home,
sempre anda mal amañada
[CPLB, 43]
Para cantar veño eu
para tocar meu irmán
para tocar o pandeiro
¡viva quen o ten na man!
[CTC, 50]
Viva a que toca o pandeiro,
viva quen o ten na mau,
viva quen ha de dormir
á noite con meu irmau.
[PPG, <P 130> <L 0> <A 1843-66>]
As miñas mans son de plata
heinas de ter boas d’ourare
se ben tocan o pandeiro
millor saben traballare
[CPGDS, VI, II, 43] Meder (Salvaterra, Pontevedra)
O pandeiro tén a culpa
o pandeiro tena toda
o pandeiro tén a culpa
que lle dan e non resona
[CPGDS, VI, II, 43] O Pindo (Carnota, A Coruña)
¡Casi ten o pé lixeiro!…
Cómo me fai avivar,
as miñas más no pandeiro.
[PPG, <P 329> <L 0> <A 1865>]
Veña pandeiro, ¡a ruar!
qu’estas son as mazarocas
qu’hoxe teño que fiar
[CPG, II, 283]
Pandeiriño do xuez:
toca, pandeiriño, toca,
toca, que ben rico es.
[PPG, <P 1700> <L 0>]
Tocade ise pandeiriño,
e faceino resoar,
teño os amores lonxe,
faceimos acá chegar.
[PPG, <P 2065> <<L 0> <A ?> <E DB>]
Teño un pandeiriño novo
e con él vou a tocare
pra que as rapazas non digan
que nunca poden bailare
[CG, II, 80]
Toca pandeiriño toca
que te teño de resgare,
i o día da miña boda
non me quixeches tocare
[CG, II, 165]
Veña por onde quixer;
Tóca, pandeiriño, toca,
mas que ch’o coiro rabée
[CPG, II, 285]
Este pandeiro qu’eu toco
non é meu, qu’é de María,
que llo pedín emprestado
para ir á romería.
[PPG, <P 970> <L 0> <A 1869> <E DB>]
Este pandeiro que toco
non é meu que é de María
que m’o prestóu onte â noite
para ir â romaría
[CG, II, 165]
Heille tocar o pandeiro
heillo de repinicar
heille tocar o pandeiro
aos mozos que van bailar
[CPPO, I, 20]
Este pandeiriño que toco
¡zúmballe Marica!
este pandeiriño que toco
como repinica
[CFG, III, 26]
Repinica’l pandarillo
también lo repinicaba
s’yo fuera marinerillo
[CPGDS, VI, II, 43]
O Pindo (Carnota, A Coruña)
Con pandeiro van á festa
mozos e mozas cantando;
eu quedo triste e non vou
por ti non vir ó meu lado.
[PPG, <P 1113><L 0> <A 1869><E DB>]
Vinde mociñas e mozos
con pandeiros a cantar,
i‑ó son alegre da gaita
vinde todas a bailar.
[PPG, <P 1125> <L 0>]
Ujujú María Antonia,
tocadora do pandeiro;
estas son as mazarocas
que traio do fiadeiro.
[PPG, <P 1167> <L 0>]
O pandeiro bate, bate,
eu ben o sinto bater,
por riba do teu tellado:
ben me podes comprender.
[PPG, <P 1172> <L 0>]
As meniñas son de prata,
heinas de saber dourar;
se ben tocan o pandeiro
millor saben traballar.
[PPG, <P 1607> <L 0>]
Tócall’o pito, Farruco,
repenícall’o pandeiro
que vai entrar a bailar
Manoel o custureiro.
[PPG, <P 1739> <L 0>]
Tódolos homes casados
pagan a renda ó cuco;
eu tamén pagei a miña,
toc’o pandeiro, Farruco.
[PPG, <P 1742> <L 0>]
Moito tocas, moito cantas,
moito tóca-lo pandeiro,
ises son os becerriños
que che curten o tinteiro.
[PPG, <P 2321> <<L 0> <A ?> <E DB>]
Iste pandeiro qu’eu toco,
sente com’unha presona,
unhas veces canta e ríe,
outras veces ríe e chora.
[PPG, <P 2432> <<L 0> <A ?>]
Tocadeira do pandeiro,
tócalo mui ben o son,
que xa me vas aliviando
as penas do corazón.
[PPG, <P 2455> <L 0>]
O pandeiro está mollado,
miña nai, ¿quen o mollou?
‑Na costiña do Xurés,
que tod’a noite orballou.
[PPG, <P 2608> <L 0>]
O pandeiro está furado,
decime quen o furou.
Foi a chuvia no Xurés,
que tod’a noite orballou.
[PPG, <P 2609> <L 0>]
As miniñas de Salceda
axuntaron pr’òn pandeiro,
unhas a medio real,
outras a real inteiro,
i agora ¿quen o ha tocar?
A cigalla do cortello,
qu’é a gala do lugar.
(Alongos)
[PPG, <P 2671> <L 0>]
Acolá riba naquel outeiro
está unha vella tocando o pandeiro.
(Pereiro)
[PPG, <P 2707> <L 0>]
Vamos a Belén, amigos,
vamos, que a noite está crara;
Mingos, leva as castañolas,
i o seu pandeiro Pascuala.
(Monterroso)
As rapaciñas de Lugo
andan brincando na eira:
unhas cantas, outras bailan,
e outras tocan o pandeiro.
[PPG,<P 3239> <L 0> <A 1884> <E DB>]
Arriba, pandeiro, arriba,
para Santa Liberata;
levas o pico de ferro,
halo de traer de prata.
[PPG, <P 3270> <L 0> <A 1884> <E DB>]
Miña nai e mais a túa
van na romería en Coles;
a miña toc’o pandeiro
i a túa inchand’os foles.
[PPG, <P 3340> <L 0> <A 1884> <E DB>]
¡Ei!, rapaciños de Eirexafeita,
vide a bailar ó son do gaiteiro,
que xa repica o tamborileiro
i o pandeiro vai comezar
[CTC, 32]
Este pandeiro que toco
non é meu qu’e de Bernarda
que mo prestou esta noite
para ir a fouliada
[CPGDS, VI, II, 43] Mazaricos (A Coruña)
Este pandeiro que toco
non é meu que é de María
que mo prestou onte a nuite
para ir á romería
[CPGDS, VI, II, 43] Vilar, Carnota (A Coruña)
Este pandeiro que toco
este que teño na man
era da miña cuñada
da muller do meu irmánhe
[CPGDS, VI, II, 43] Regüelle (Dumbría)
O pandeiro rabeou,
o pandeiro rabeou,
tamén ha de rabeare
quen a barriga rachou
[CPPO, I, 65] Mangoeiro (Avión, Ourense)
O pandeiro e mais as cunchas
María, miña María,
o pandeiro e mais as cunchas
quitan a melancolía
Pandeiro de catro esquinas
ben pudera ser de seis
ben pudera esta meniña
conmigo cantalos reis
[CPLB, 131]
Nunha nota aclaratoria, dinos o autor da recolla que: “De feito, o pandeiro, con ferriñas ou sen elas, pode ser redondo, triangular, cadrado ou eisagonal, anque o máis corrente é o de catro lados” 7. Non puidemos recoller ningunha información sobre este tipo de pandeiros triangulares ou hexagonais en Galicia, mais tampouco dubidamos das palabras de Xaquín Lorenzo, sobre todo tendo en conta a proximidade da Limia Baixa con Trás-os-Montes, única zona de Portugal onde se documentan este tipo de pandeiros 8. En todo caso, a frase “pandeiro de catro esquinas, ben puideras ser de ….” parece un pé feito que remata na mención dun número que serve para apoiar a rima do cuarto verso da cuarteta:
Pandeiro de catro esquinas
ben pudera ser de nove;
ben puderas ti, meniña,
dar a limosn’ó probe.
[PPG, <P 2981> <L 0> <A 1884> <E DB>]
Respecto do uso do pandeiro na lírica tradicional debemos resaltar unha copla na que aparece relacionada a morte dalgún elemento feminino da casa con este instrumento, as variantes aparecen por toda Galicia:
A miña muller morreume
enterreina no palleiro,
os fillos a chorare,
eu a tocar o pandeiro
[CTC, 58]
A miña muller morreume,
enterreina no palleiro,
deixeille unha mau de fora
pra que tocara o pandeiro
[CTC, 58]
A miña muller morreume
i enterreina nun palleiro,
os meus fillos a chorar
i eu a tocalo pandeiro
[CPLB, 34]
A miña muller morreume
i enterreina nun palleiro,
os cregos a recramala
i eu a tocar o pandeiro
[CPLB, 34]
Miña sogra morreu onte,
enterreina no palleiro;
os seus xenros a rezar
i eu a tocar o pandeiro
[CTC, 58]
Miña sogra morreu onte
i enterreina no palleiro,
os cregos a responsala
i eu a tocalo pandeiro
[CPLB, 103]
Miña sogra morreu onte
Enterreina n-o palleiro
Os cregos a responsala
Y eu a tocar o pandeiro
[CPG, III, 48]
Miña sogra morreu onte
Enterreina n-o palleiro
Meus cuñados a chorar
Y eu a tocar o pandeiro
[CPG, III, 161]
Miña sogra morreu onte,
enterreina no palleiro;
os cregos a anesponsala
i eu a toca‑lo pandeiro.
<P 2910 <L 0>
Non poderiamos asignarlle un significado a este tipo de coplas, pero claramente abundan nun feito constatable: a feminidade do pandeiro en Galicia que nos é lembrada continuamente pola nosa lírica tradicional. Esta outra copla fala do mesmo:
¿Quen che tocará o pandeiro,
quen cho tocará María?
Tocaraio miña abuela,
tocaraio miña tía
[CG, II, 165]
Con todo, nalgunhas zonas tamén os homes tocaron o pandeiro, o que tamén ficou reflectido nunhas poucas coplas tradicionais:
Eu quero un mozo
que sea forte como un castiñeiro,
que sea bo baillador,
saiba tocalo pandeiro
[CPLB, 83]
Baila astra demiñán
ó tocador do pandeiro
non ll’ha de cansa-la man
[CPGDS, VI, II, 65] Carnota (A Coruña)
Que nós saibamos, actualmente só nos Ancares (Lugo) e na comarca da Paradanta (Pontevedra) se conserva a lembranza do uso do pandeiro entre os homes. Na Paradanta ambos os sexos tocan o instrumento pero, curiosamente, os homes sostéñeno dun xeito diferente: sentados agarran o pandeiro cos xeonllos, mantéñeno case horizontal ao chan entre as dúas pernas e baten nel cos cotelos dos dedos de ambas as mans. A este respecto, tamén no Bierzo temos novas, a través da bistía de Tomás Rodríguez, Sagrario (Folgoso), dun xeito diferente de empuñar a pandeira homes e mulleres. Nos Ancares os homes sostiñan o pandeiro exactamente igual que as mulleres.
Como se pode deducir facilmente da cantidade de coplas tradicionais que falan do pandeiro (fose redondo ou cadrado) este instrumento foi moi importante nas ruadas, fiadeiros e seraos, pero tanto da lírica tradicional como das informacións das portadoras dedúcese outro feito: o pandeiro poucas veces tocaba só, normalmente facíao en compaña doutros instrumentos musicais diferentes que fornecían sons tintineantes. Aínda que temos novas do uso de tixolas e ferriños, durante o século XX estes instrumentos foron principalmente as cunchas e as pandeiretas. Así o indica, por exemplo, Nicolás Tenorio ao falar dos fiadeiros nocturnos que se organizan nas aldeas da comarca de Viana (Ourense) a principios do século XX: “El domingo, aun cuando asisten al hilandero, no es día de hilar, van a pasar la noche divertidos, juegan a las prendas, dicen parrafeos, relatan cuentos o bailan al son del pandero cuadrado de piel amarilla o ennegrecida por el humo y de los conchos, balbas [sic] de molusco que frotan unas contra otras, produciendo un ruido monótono y desagradable. Con los atoruxos de los mozos termina la reunión, marchando cada cual a su casa” 9.
A seguinte composición tradicional fálanos do ambiente destes fiadeiros e seraos e lémbranos, de paso, que en tempos pretéritos foron as ferreñas as que ocuparon o lugar principal a carón do pandeiro, como xa vimos ao falar delas. Cando falemos da historia dos tambores de marco galegos veremos a relevancia deste feito.
Veña o pandeiro a ruar,
qu’estas son as mazarocas
qu’hoxe teño de fiar.
O pandeiro toca ben,
as ferreñas fanlle o son:
vivan os qu’amores ten.
Vivan as mozas gallegas,
vivan as bonitas mozas
i os galáns da nosa terra.
Mociñas, a bailar todas;
mociños, ¡arriba!, ¡arriba!
ti tamén, meu Índice.
Non t’asanes, non, rapaz,
qu’as nenas, son para ver,
os galáns, para mirar.
Cada un é pr’o que é:
o pan está pra a fouciña…
¡Antoniño, saca o pé!
A ruada vaise armando:
tiza, Pepe, ese candil,
qu’están á porta chamando.
Virán chuscos (Dio‑lo queira)
pro ese chama no quinteiro,
i os chuscos vén pola eira.
Veña por onde quixer,
toca, pandeiriño, toca,
mais que ch’o coiro rabee.
Estira a cofia, Maruxa,
dobra as mangas da camisa,
e qu’o denguiño se luza.
Inés sacude o mantelo,
puntea ben, que ti ben sabes,
dálle ó brazo e xunta os dedos.
Entra, meigo, non atruxes;
garda, Xan, as castañetas,
e cóntame ónd’hoxe fuches.
[PPG, <P 332> <L 0> <A 1865>]
Pese a que este costume se acha hoxe en desuso, se facemos caso da lírica tradicional, parece que o pandeiro ocupou tamén o seu lugar a carón gaita de fol:
…
Casa c’un Conde galán,
cas c’un rico señor,
e gaitas e pandeiriños
repican na procesión
[CMG, I, 129] (parte do romance lírico “La Boda”)
Vide, vide, galeguiños
con pandeiros e gaitas
a ve-lo noso Xuxiño
que dorme naquelas pallas
…
[CPT, 87] (parte dunha panxoliña)
…
En Belén hai moitas festas
son de pandeiros e gaitas,
vamos alá pastorciños
a tocar as nosas flautas
…
[CPT, 88] (parte dunha panxoliña)
Durante todo século XX o pandeiro cadrado foi moi empregado nas corais folclóricas que xurdiron por toda Galicia a imaxe e semellanza de Aires da Terra, o primeiro grupo folclórico, malia que este instrumento sufriu nestas agrupacións algunhas transformacións que o afastaron do patrón tradicional: construíuse con dúas peles grampadas ao marco e cubríronse os lados con taboíñas de madeira para disimular as grampas; perdeu os bordóns e en moitos casos tamén axóuxeres e campaíñas, co que gañou un son retumbante ata entón descoñecido e, por fin, mudouse o xeito de sostelo, pendurándoo agora dunha correa do pescozo e aporreándoo cos dous puños pechados, normalmente por un home. Sobre todo durante a segunda metade do século XX estes trocos acabaron por estenderse ao resto de pandeiros cadrados empregados polos músicos galegos. A día de hoxe xa volven verse pandeiros con bordóns, coa pel cosida e sostidos de xeito correcto.
Como ben se pode supoñer despois do escrito, no noso sistema de cultura tradicional o pandeiro é considerado como un instrumento musical propiamente dito. Nos lugares onde se conserva o seu uso a súa consideración como útil é superior á das pandeiretas, seguramente porque os pandeiros eran máis caros e duraban moito máis que aquelas. Tamén as boas tocadoras eran e son tidas en grande estima, pois é un instrumento do que se poden arrincar fermosos sons. Os pandeiros pasaban moitas veces de nais a fillas, caso no que as tocadoras os consideran obxectos de alto valor sentimental.
O pandeiro cadrado é o único tambor de marco bimembranófono que puidemos documentar en Galicia, pertencendo ao grupo 211.312 “Membranófonos de marco sen mango bimembranófonos” da clasificación de Hornbostel e Sachs.
Ver notas- [1] Lence Santar, E. [Mondoñedo, 1876-1960]. Etnografía Mindoniense. Ed. de Armando Requeixo, Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000. [Recompilación de escritos etnográficos do autor], p. 100. ↩
- [2] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, p.205. ↩
- [3] Lence Santar, E. Op. cit. p. 100. ↩
- [4] Pedrell, F. Emporio científico e histórico de organografía musical antigua española. Ed. Juan Gili. Barcelona, 1901, p. 57. ↩
- [5] Lence Santar, E. [Mondoñedo, 1876-1960]. Etnografía Mindoniense. Ed. de Armando Requeixo, Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000. [Recompilación de escritos etnográficos do autor], p. 100. ↩
- [6] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa, p. 86 do orixinal. ↩
- [7] Lorenzo Fernández, X. Cantigueiro popular da Limia Baixa. Ed. Deputación Provincial de Ourense e Museo do Pobo Galego. Ourense, 2004, p. 131 nota 610. ↩
- [8] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, pp. 266- 279. ↩
- [9] Tenorio, N. La aldea gallega. Ed. Xerais de Galicia. Madrid, 1982, p. 145. ↩