Reclamo ou couselo

Na obriña Xoguetes e sons da natureza, coordinada por Jaime López Picallo 1, aparece referido un instrumento baseado no mesmo sistema que as flores de toxo ou xesta. Fabrícase cunha folla de couselo (Umbilicus pendulinus) partida á metade ou en sector. Na parte superior da folla, apertando coa uña do polgar márcase un arco e extraese a parte carnosa que hai dentro, procurando non danar a finiña pel que a recobre e que formará a membrana cantadora. Introducindo este instrumento sobre a lingua e apoiándoo xunto aos alvéolos, a membraniña fica libre cara adiante e, conducindo un sopro de aire cara a ela arqueando a lingua, conséguese que se poña en vibración, emitindo un son semellante ao dalgúns paxaros.

Temos visto xa en varias feiras homes que venden un trebello moi semellante, en forma de semicírculo, no que a parte posterior da folla é substituída por un groso cartón, que ao mollarse se adhire ao ceo da boca a altura dos alvéolos, mentres que a membrana está formada por un anaco de plástico flexible moi semellante ao celofán. O reclamo para a súa venda era, por suposto, un manexo extraordinario e sorprendente do instrumento.

Pese a que ben manexado pode emitir unha sorprendente melodía, en Galicia estas membranas cantadoras áchanse na mesma situación que as flores de xesta e toxo: son xoguetes de nenos ou mozos.

Ver notas
  1. [1] López Picallo, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; p. 61.
Patrocinadores e colaboradores