Prólogo
Pablo Carpintero Arias e Xoán Ramón Marín Martínez recollen, como eles mesmos din, a nosa riqueza de instrumentos musicais e aproxímannos á súa historia.
Trátase dun traballo minucioso de descrición dunha realidade que, coma tantas outras, permaneceu ao longo dos anos no uso, no presente da vida das persoas e do xeito de se relacionar. A necesidade, hoxe en día, de aprehendela en forma de saber dá conta da posibilidade de transformarse nun pasado, nunha cuestión museística. Por iso, ademais da referida minuciosidade, este libro escribiuse nunhas coordenadas cualitativas que me gustaría analizar.
I/ SABERES
En ocasións abondas pretendemos que as nosas aproximacións á realidade a describan con fidelidade, como se se tratase de fotografías perfectas, coas cores perfectas e o encadramento ideal. Este tipo de aproximacións, ás veces, escúdanse na aridez do método científico para evitar outras funcións necesarias.
Umberto Eco nas súas pesquisas semióticas estableceu as diferenzas entre un coñecemento de tipo dicionario e un coñecemento de tipo enciclopedia. O dicionario proporciona unha definición precisa da palabra, mentres que a enciclopedia se constrúe como unha rede no que o relevante son as relacións entre todos os termos.
L´Encyclopedie é o referente deste tipo de saber. Un dos seus aspectos máis relevantes foi a súa ambición totalizadora, de xeito que na súa redacción participaron máis de cento cincuenta persoas. Diderot, dixo ao respecto: «…ocupado cada un da súa parte e unidos só polo interese xeral do xénero humano por un sentimento de recíproca benevolencia…».
Temos así unha nova necesidade en toda descrición da realidade: a converxencia de saberes a fin de proporcionar unha visión totalizadora do que nos rodea. Os autores dedican parte dos seus esforzos a deseñar e xustificar unha clasificación dos instrumentos musicais, toman referencias da musicoloxía, de estudos doutros países e doutras culturas, axúdanse da antropoloxía etc., ata acadar un espírito enciclopedista en que cada un dos obxectos que describen non son unha fotografía tipo dicionario, senón que se poñen en relación cunha historia, cunha cultura, cunha psicoloxía.
II/ CULTURAS
O libro sitúa o seu proxecto no seo dunha cultura. Deste xeito, aproxímase ao segundo dos aspectos cualitativos. A Enciclopedia contribúe a explicar un tipo de saber que se pode contrapoñer ao proporcionado polo dicionario. Porén, é coñecida a dificultade dos conceptos civilización e cultura, en especial cando se nos presentan como unha dicotomía. Os antropólogos clásicos, inmersos nunha ideoloxía “progresista”, pensaban que no desenvolvemento das culturas primitivas se acadaría un punto de confluencia nunha cultura única, planetaria, universal, de xeito que a civilización consistiría nesta fase final e madura das diversas culturas.
Clifford Geertz sostivo que a función da cultura consiste en dotar de sentido ao mundo e facelo comprensible. A súa metodoloxía de traballo no campo da antropoloxía foi denominado “descrición densa”, e a súa pretensión consistía en analizar os trazos culturais nas contornas onde se producen, sobre todo os que constitúen identidade, dando conta da diversidade, das posibilidades. Criticaba a observación distante do antropólogo cando analizaba as cousas dende fóra, defendendo a inmersión no ambiente, o descubrimento, a través das vivencias, das redes de significación tecidas polos que pertencen a unha cultura. A definición que fixo de cultura é a dunha construción dos individuos dun tempo e dun espazo determinados, pero que ademais comunican a súa aproximación á realidade, a súa estrutura simbólica á xeración que os sucede.
É a luz do pensamento de Geertz onde acho outra cualidade do libro, a de facer cultura, no sentido de proporcionar unha análise de determinados signos da linguaxe musical e no de poder transmitir no tempo moitos símbolos compartidos polos galegos.
III/ TRANSFORMACIÓNS
Os libros de ensaio nunha perspectiva tradicional tenderon a entenderse dun xeito similar aos museos. Estes definían o seu impacto a partir da súa capacidade de conservación e mostra de obras de arte ou outros obxectos de interese histórico. As dúas finalidades principais consistían en aumentar os coñecementos ou incrementar a experiencia sensible.
Esta cosmovisión dun ensaio que recupera aspectos tradicionais en risco de desaparición debe repensarse e pasar a constituírse como un obxecto de forte contido social, con responsabilidades importantes cara á cultura que pretende describir.
Cando se fala de transformación é porque algo necesita ser transformado. Por iso, a lectura que o libro fai da contorna non é un discurso baleiro, gratuíto, senón que detectou necesidades e carencias na sociedade, nas que se fai preciso intervir.
A teoría do cambio ten establecido unha serie etapas neste. Na precontemplación non existe conciencia de problema. Na contemplación adquírese conciencia do problema. Na preparación ensáianse as diferentes posibilidades de actuación. Na acción desenvólvense algunhas das intervencións pensadas. O desenvolvemento do libro segue os procesos do cambio: elixe un tema que pode ser definido como o risco de amnesia; reflexiona detidamente unha metodoloxía para o seu estudo; toma decisións sobre aspectos técnicos a través da ciencia; cataloga e describe dun xeito que permite a pasaxe dende a teoría á praxe cada un dos instrumentos, tanto na construción coma na execución destes; e, finalmente, consegue unha comprensión do tema que aborda totalizadora, profunda, incluíndo aspectos históricos, técnicos, antropolóxicos e psicolóxicos.
E este tipo de comprensións son dunha forza que sempre conducen á transformación da realidade que describen.
Decembro de 2009
Roberto Varela
Conselleiro de Cultura e Turismo
Xunta de Galicia