Consideracións finais
Vista a grande variedade de instrumentos musicais que conservamos en Galicia, só quereriamos facer un derradeiro apuntamento. Como xa deixamos dito en varios lugares, o noso instrumentario garda, por chamarlle así, cadeas evolutivas completas; por exemplo, no caso das frautas conservamos desde a máis sinxela ata a máis complicada que coñece a humanidade, e o mesmo sucede cos clarinetes e cos óboes, así como cos tambores de marco e as gaitas de fol. Esta característica, que moi poucos instrumentarios tradicionais posúen, representa un gran valor engadido para os nosos instrumentos musicais pois, dalgún xeito, os galegos fomos quen de ir gardando ata hoxe unha gran cantidade dos instrumentos musicais que empregamos ao longo da nosa historia. Por suposto, non queremos dicir que estas cadeas evolutivas expliquen paso a paso a orixe dun determinado instrumento musical, senón simplemente que reflicten a historia dun grupo, pois diversos espécimes poden aparecer ben por evolución lineal in situ, ben por aportacións desde outras culturas; haberá que estudar cada caso en particular para dilucidar a historia de cada un dos instrumentos. En todo caso, esta curiosa característica converte o noso acervo de instrumentos musicais nun raro conxunto digno de se conservar e de se documentar como merece. Escrutando nel poderemos, sen dúbida, comprender mellor o desenvolvemento da música e dos útiles empregados para facela.