Rosalía Fernández Rial

----

Rosalía Fernández Rial


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Rosalía Fernández Rial


Rosalía Fernández Rial (Costa da Morte, 1988), concibiuse a través da palabra, ideando unha xénese inicial desde a literatura escrita e a linguaxe escénica. Na súa fase filolóxica indaga sobre teatro clásico e realiza diferentes traballos académicos vinculados ao Grupo de investigación Calderón de la Barca. Tras licenciarse inicia un período de mutación cara a didáctica das linguas, da literatura e da expresión dramática; primeiro no Traballo Fin de Máster e logo na súa Tese de doutoramento. Nese proceso de transformación intelectual, mantivo sempre unha intensa preparación física e actoral, mediante as que intenta interpretarse. Ademais cursou estudos de música coa especialidade de acordeón no Conservatorio de Carballo e actualmente exerce como profesora de ensino secundario.
Como creadora, sobre todo de poesía, Rosalía rexenérase en cada un dos seus libros, entre os que destacan: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Vinte en escena (2012), Un mar de sensacións (2012), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) ou Sacar a bailar (2016). Títulos que cos que se metamorfosea en presentacións performánticas e musicais e que tamén foron levadas ao ámbito audiovisual.
Aulas sen paredes (libro-DVD, 2016) é a súa obra de ensaio máis relevante, que deriva da Tese Doutoral defendida na USC o e inclúe un documental audiovisual coa intervención didáctica na que usa a expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas. Este proxecto recibiu o premio á mellor iniciativa bibliográfica na Gala do Libro Galego 2017.
En canto á estrea narrativa da autora, produciuse con Bonus track (Ed. Galaxia, 2018); un libro de relatos curtos tecidos con letras de cancións coñecidas e derradeiras esperanzas. Na mesma editorial publica o seu último poemario, Árbores no deserto, un traballo escrito desde códigos propios das artes vivas e as artes plásticas contemporáneas.
No que atinxe ao xénero dramático, destaca a escrita de "A lúa, válvula de spray", unha ficción sonora a través das rúas de Carballo dirixida por Quico Cadaval, interpretada por Melania Cruz, María Roja e Santi Romay, editada por Marcos PTT e producida por LIDISS para o FIOT (Festival Internacional de Outono de Teatro).
Unha vez personificada, Rosalía pasa da grafía á acción e actualmente está a desenvolver diversos proxectos nos que fusiona, evolucionadas, as dimensións literaria, corporal, escénica e experimental. Amálgama que lle permite aliar os seus seres baixo a sólida existencia dunha peza artística; única identidade importante.
Podes atopar máis información na páxina web da autora: https://rosaliafernandezrial.com/gl/
E tamén nos diferentes vídeos da súa canle de youtube: https://www.youtube.com/channel/UCkR3hF21li2IcEQnUbJkweg
Ou a través das redes sociais: https://www.instagram.com/rosaliafernandezrial/ e https://www.facebook.com/rosalia.fdzrial

Publicacións nas que participou Rosalía Fernández Rial

Portada de O equilibrio dos extremos
LIBRO

O equilibrio dos extremos

: Xela Arias en 12 voces
Portada de  Poetes itinerants
LIBRO

Poetes itinerants

= Poetas itinerantes

Onde aplaque a marea

Que lugar