José Luís Mira

----

José Luís Mira

1954 Cabana de Bergantiños
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de José Luís Mira

1954- Cabana de Bergantiños
Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa en 2009. Científico, técnico en administración educativa e político galego.

Licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1972 -1977), foi profesor de Física e Química no corpo de profesores de Formación Profesional, con destino no Centro de Formación Profesional de Monte Alto, na Coruña (hoxe CIFP Ánxel Casal). Tras o proceso de fusión dos corpos de profesores de Bacharelato e de Formación Profesional, é Catedrático de Física e Química de Educación Secundaria

Foi Coordinador de Formación Profesional e da Reforma de Ensinanzas Medias en Galicia (1985 -1988). Na actualidade pertence ao Corpo de Inspectores de Educación.

En xuño de 1996 foi nomeado Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e, despois, Director Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional na mesma Consellería, até xuño de 2000, cando se incorpora ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España, como Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, cargo que desempeñou até 2004.

Participou na planificación e implantación da oferta de ensinanzas dos Bacharelatos e dos Ciclos Formativos de FP en Galicia, a coñecida como "Rede de Centros". Impulsou a implantación dos Ciclos Formativos da Formación Profesional. Participou no deseño e implantación do Plan de Orientación Educativa e Profesional en Galicia, do Plan de Formación do Profesorado, do da Atención á Diversidade, do de Formación de Persopas Adultas do de "Formción ao longo da vida", da promoción e desenvolvemento de Programas Europeos, e no deseño do Plan de Potenciación de Idiomas.

No Ministerio de Educación participou no deseño e coordinación do debate sobre o ''Memorándum da Aprendizaxe Permanente'' en España, e da elaboración do Informe Nacional, resultado do debate, que se presentou diante da Comisión Europea, e na elaboración da Lei orgánica das Cualificacións e da Formación Profesional (Lei orgánica 5/2002, de 19 de xuño), e dos Reais Decretos de desenvolvemento desta.
Participou activamente no proceso de Bruxas de mellora da transparencia e o recoñecemento das cualificacións a través dunha maior cooperación en materia de Formación Profesional, así como no proceso de Copenhague de reforzo da cooperación en materia de ensino e formación profesional en Europa; na elaboración do Programa de Traballo dos Futuros Obxectivos dos Sistemas Educativos Europeos, promovido pola Unión Europea.

Coordinou en España os Grupos de Traballo creados para o desenvolvemento do Programa de Traballo dos Futuros Obxectivos dos Sistemas Educativos Europeos e; promoveu e coordinou a participación de España nos Programas Europeos Sócrates e Leonardo da Vinci. Tamén participou en Accións de Cooperación de España con varios países iberoamericanos en materia de alfabetización, educación especial e formación técnico profesional. Coordinou o Informe da OCDE sobre a educación de adultos en España.

Coa volta do Partido Popular de Galicia ao goberno da Xunta, o novo conselleiro de Educación,Xesús Vázquez Abad,propono novamente como Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, cargo do que toma posesión o 26 de abril de 2009, e que segue a desempeñar na actualidade.

José Luís Mira nas actividades do CCG