Pilar Citoler

----

Pilar Citoler

1937 Zaragoza
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Pilar Citoler

1937- Zaragoza
Estudou Medicina e Estomatoloxía nas universidades de Madrid e Zaragoza. Premio Nacional de Estomatoloxía da Universidad Complutense de Madrid. Impartiu a docencia na Cátedra de Estomatoloxía Médica.
Residente en Madrid desde os anos sesenta, o seu primeiro contacto coa arte contemporánea nace inspirado no modelo “conquense”. Os seus frecuentes contactos con esta cidade, nas datas inmediatamente posteriores á creación por Zóbel do Museo de Arte Abstracto Español de Cuenca (1966), móvena a adquirir a casa que fora de Eusebio Sempere. É neste lugar, con vistas ao meandro do Xúcar, onde comeza a súa colección de arte contemporánea.
Coleccionista desde hai corenta anos, o seu primeiro cadro adquíreo na Galería Juana Mordó en 1972, vinculándose tamén á Galería Ynguanzo. A partir desa data, vindica a importancia da pintura española, coleccionando tanto os artistas de “El Paso” como os do chamado “grupo de Cuenca”. Posteriormente, permaneceu moi atenta aos movementos artísticos que sucederon durante a chamada “movida madrileña”, coleccionando, como segue facendo agora, numerosos artistas novos. Non obstante, a súa colección non se detén neste punto. Visitante asidua das feiras internacionais de arte, entra en contacto cos autores do Pop norteamericano, dos que adquire relevantes pezas.
A súa colección, coñecida como Circa XX, composta por máis dun millar de obras, componse de obras de arte contemporánea, tanto nacionais como internacionais, e de moi diversos xéneros: pintura, escultura, bibliofilia contemporánea e gráfica. Na última década tivo cabida na súa colección o vídeo e a fotografía contemporáneas. Paris Photo acolle cada ano o Premio Bienal Internacional de Fotografía Contemporánea Pilar Citoler, que convocan a Universidad de Córdoba e a Junta de Andalucía e que edita a colección de ensaios fotográficos El Ojo que Ves, o último dedicado ao fotógrafo galego Vari Caramés. Ademais, é membro do Padroado da Alliance Française, fundando o seu Concurso Internacional de Fotografía.
Membro de Honra do Padroado do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) desde xaneiro de 2005. Recibiu ese ano o Premio ARCO ao coleccionismo privado en España. En 2006, a Universidad de Córdoba premiou tamén a traxectoria e, un ano despois, foille outorgada a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2007). En setembro dese ano foi nomeada presidenta do Padroado do MNCARS.
Premio Santo Tomás de Aquino da Universidad de Córdoba (2006) e Cordobesa do Ano (2008). É presidenta de honra da Asociación de Coleccionistas Privados de Arte Contemporáneo de España. En 2013 foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidad de Córdoba. Recibiu o Premio Arte y Mecenazgo de La Caixa ao coleccionismo privado. Ese mesmo ano alcanzou un acordo co Goberno de Aragón polo que integraba boa parte da súa Colección Circa XX.

Pilar Citoler nas actividades do CCG

Arte + Coleccionismo