María Mercedes Vega Cerqueiro

----

María Mercedes Vega Cerqueiro


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de María Mercedes Vega Cerqueiro


Técnica superior en Fotografía pola EASD Mestre Mateo. Licenciada en Xornalismo pola USC.
Fotógrafa profesional con estudo propio en Cabaleiros (concello de Tordoia) dende 1974 até 1990 e entre 1990 e 2005 en Santiago de Compostela.
Colaboración co diario El Correo Gallego, ano 1990.
Nacín o 25 de abril de 1962, nunha pequena aldea da parroquia de Cabaleiros, do concello de Tordoia, rodeada de cor e natureza.
Realicei o meu primeiro traballo fotográfico remunerado aos doce anos, reportaxe para o Concello de Tordoia: "Inauguración do centro médico polo Gobernador Civil D. Miguel Vázquez Salort", en maio de 1974. Comecei de xeito autodidacta e iniciei os estudos de Fotografía na Escola Superior de Artes e Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, onde imparto clases na actualidade. Nesta época tivo lugar a miña primeira exposición fotográfica, nun bar da miña aldea, sobre animais maltratados, titulada Non maltrates.
En 1996, obtiven o terceiro premio no I Concurso de Fotografía Deportiva, organizado polo Concello de Santiago. No ano 2001, fun presentadora e moderadora na conferencia "A fotografía en femenino", organizada pola Concellaría da Muller de Santiago de Compostela, dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller.
A miña traxectoria vén marcada polo simbolismo, moitas veces empregado para a denuncia social, como a exposición Parémola-xa!, ano 2006 na Asociación Teenses pola igualdade, en 2007 no Concello de Teo, na que a protagonista é a muller maltratada, denunciando a violencia machista.
Publicación dun estudo histórico e etnográfico sobre o oficio de lavar, recompilando fotografías antigas, titulado Lendas e imaxes das donas do río: as lavandeiras. Este traballo foi galardoado en 1997 co Premio de investigación Xohana Torres, que convocaba anualmente o Concello de Santiago de Compostela con motivo do Día da Muller Traballadora, e publicado pola editorial A Nosa Terra.
En 2005 participei na elaboración da reportaxe Tradición oral do contar no proxecto multimedia O Camiño antigo/The Ancient Way sobre a cultura galega, realizado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, en colaboración coa Universidade dos Andes de Santiago de Chile e coa de Carolina do Norte-Chapel Hill en EE.UU. Este traballo recibiu o Premio Malofiej de Infografía en reportaxe no ano 2006.
En 2006, relacionado tamén coa cultura oral galega, publiquei o conto xuvenil O camiño a Tibiáns, na editorial Sotelo Blanco.
No ano 2008 participei na presentación do libro de poemas de Yolanda Castaño Profundidade de Campo, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela, coa proxección de fotografías de interpretación libre sobre o seu poemario.
En 2014 colaborei con fotografías no proxecto documental muller(es)muller, que mostra tres xeracións de mulleres (tríades familiares formadas por unha avoa, nai e filla/neta), tres mundos, tres vidas, coas súas coincidencias e as súas discrepancias.

María Mercedes Vega Cerqueiro nas actividades do CCG