Paula Carballeira

----

Paula Carballeira

1972 Maniños, Fene
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Paula Carballeira

1972- Maniños, Fene
Dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1992. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais (Brasil, Chile, Ecuador, Perú, Colombia, Cabo Verde, Portugal...). Participou en diversos programas da TVG (“O clan dos impostores”, “Libro de familia”, “Apaga a luz”, “A noite en branco”, “Pequeno Hotel”, “O rei da comedia”, “Rías Baixas”, “Máxima Audiencia”, “Contando estrelas”, “Pepe o inglés”) e colaborou en diferentes programas da Radio Galega (“Xamón, xamón”, “A taberna da galega”). Membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612, que se desenvolveu na Sala Nasa de Santiago de Compostela e no concello de Ferrol. Ademais dun traballo continuado en Berrobambán, traballa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Por exemplo, dirixiu os espectáculos de Talía Teatro "Mundos contados", “Pequena” e “Rosa Caramelo e outras historias”; dirixiu e interpretou a proposta do Centro Dramático Galego para público infantil: “A cabana de Babaiagá” (estreada en marzo do 2006) e participou como actriz no espectáculo "Desde a sombra/Bufóns e Pallasos", da compañía Magrinyana. Percorre os escenarios galegos con Berrobambán e co colectivo de creación A Claque.
É autora de varios títulos de literatura infantil e xuvenil: A percura (Edicións do Cumio, 1990), Robin e a Boa Xente (EDB-Rodeira, 1993, traducido ao castelán, catalán e éuscaro), Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (EDB-Rodeira, 1996, traducido ao castelán, catalán e éuscaro), Olo-iepu-iepu (Galaxia, 1999), Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais, 1999), Mateo (Kalandraka, 1999 traducido ao castelán, catalán, éuscaro e coreano), Paco (Kalandraka, 2000 traducido ao castelán, catalán, éuscaro, inglés e portugués, Premio Lecturas 2001), Correo Urxente (EDB-Rodeira, 2002, traducido ao castelán, Premio Lecturas 2003), O ganso pardo (Edelvives, 2002; Palabras del Candil, 2013), A era de Lázaro (Galaxia, 2004), Contatrás (Edicións Positivas, 2006), Smara (Kalandraka, 2006, White Raven e Premio Isaac Díaz Pardo), O lobisome (Planeta Oxford, 2007), Boas Noites (Edicións Xerais, 2007, Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, finalista dos premios AELGA 2008 na categoría de libro de literatura infantil e xuvenil, nominado aos premios María Casares do teatro galego como texto orixinal no ano 2008), A casa redonda (Baía, 2008), O lobishome de Candeán (Galaxia, 2009), As outras historias (Galaxia, 2011), Contatrás II-I (Edicións Positivas, 2012), O principio (Kalandraka, 2012), Casas (Tambre, 2012), O refugallo (Xerais, 2013, Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2011 e finalista como mellor texto de teatro nos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no ano 2014), Chímpate, Pepa! (Triqueta Verde, 2013), A burra Ramona (Baía, 2013), ¡Vuela! (La Fragatina, 2015), Misterios (ASSITEJ, 2015, finalista do Premio ASSITEJ [Asociación Internacional de Teatro Infantil e Xuvenil] de Textos Dramáticos).
Ademais dos libros escolares de lecturas: Alicia sabe voar e O asubío do vento do norte (Anaya, 2006), A Illa das morsas e A casa encantada de Vilachá (Anaya, 2007), Voces no sumidoiro e A maldición do dente de gato (Anaya, 2008) e Aldara na lúa e O barco pantasma (Anaya, 2012).

Paula Carballeira nas actividades do CCG