Xesús Palmou Lorenzo

----

Xesús Palmou Lorenzo

1949 Rodeiro
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Xesús Palmou Lorenzo

1949- Rodeiro
Licenciado en Dereito e doutor pola Universidade da Coruña coa tese Parcería Agraria e a súa evolución de cara a unha relación laboral. É tamén titulado superior en Dereito Civil de Galicia pola Universidade de Santiago de Compostela e en Dereito Medioambiental pola Universidade de Alcalá de Henares.

Ten unha ampla traxectoria profesional que comeza como funcionario da Administración Civil do Estado e asesor xurídico de numerosas empresas e secretario en diferentes entidades como a Semana Verde de Galicia ou a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada.

Como político ten diferentes cargos dentro do Partido Popular. Tamén foi concelleiro no Concello da Estrada e, posteriormente, Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, cargo desde o que deseña e pon en marcha o Plan de Infraestruturas e Modernización de Medios ao Servizo da Administración de Xustiza, o Plan Galego para Parques Comarcais de Bombeiros e o Plan de Casas Consistoriais para os concellos galegos 1999-2003, ademais de dar un impulso definitivo ó funcionamento da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). Como deputado tivo unha intensa actividade lexislativa, xa que foi relator nas leis de Fundacións, Coordinación de Policías Locais, creación da Academia Galega de Seguridade, Recurso de Casación de Galicia, Protección Ambiental, Dereito Civil de Galicia, Camiño de Santiago, entre outras. Exerceu a presidencia da Comisión de Estatuto dos Deputados e da Comisión Especial para o Estudo das Repercusións Socioeconómicas e Sanitarias do Narcotráfico en Galicia.

É académico de número da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación cun discurso sobre Dereito, poder e ética. Está en posesión de numerosas distincións, entre as que destaca a Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort, a medalla ao Mérito da Abogacía do Consejo General de la Abogacía Español ou a Insignia de ouro da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA).