----

PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOCUMENTAL E FOTOGRÁFICA DA EMIGRACIÓN GALEGA.
Campaña de recollida das coleccións particulares dos nosos emigrantes.

O Arquivo da Emigración Galega pretende ser un espazo de relación permanente, que axude a reconstruír e conservar a memoria colectiva da identidade galega espallada máis alá das nosas fronteiras.
PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOCUMENTAL E FOTOGRÁFICA DA EMIGRACIÓN GALEGA

Para configurar un retrato social da emigración galega desde os seus inicios ata a actualidade, necesitamos a colaboración das persoas que un día decidiron partir da súa terra natal, eles son: os nosos emigrantes. Moitas familias galegas conservan nos seus fogares as fotografías, películas, documentos ou obxectos que dan conta do que foi a súa vida cotiá ou a dos seus familiares, no país de emigración. Dito material representa unha alfaia que aglutina as distintas vivencias e modos de enfrentarse a mundos descoñecidos, contribuíndo a poñer en valor o papel xogado pola emigración en Galicia.

O material que se recolla servirá para a investigación e difusión NON COMERCIAL, polo que non se verán infrinxidos nin os dereitos do autor, nin do propietario das imaxes e documentos que sexan cedidos ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

Dado que somos conscientes do coidado necesario na forma de recoller os testemuños e documentos persoais dos nosos protagonistas e colaboradores neste proxecto, é preciso destacar que todo o material que sexa cedido, ben orixinal ou ben para a súa reprodución ou copia e posterior devolución, será custodiado e conservado respectando as condicións que impoña cada persoa que colabore coas fotos ou documentos da súa colección particular.

A continuación presentamos unhas pequenas instrucións para facilitarlle a achega das persoas que queiran colaborar con nós. Estaremos sumamente agradecidos a todos os doantes que contribúan ou difundan esta campaña.

Instrucións para colaborar