----

O Consello da Cultura e a Secretaría Xeral de Emigración inician a elaboración do Plan Director do Patrimonio Documental no exterior

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a realización de actividades encamiñadas á promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural da emigración galega. Entre elas, destaca a elaboración do Plan Director para a conservación do patrimonio documental das sociedades de emigrantes. O importe do convenio é de 42 500 euros.
O Consello da Cultura e a Secretaría Xeral de Emigración inician a elaboración do Plan Director do Patrimonio Documental no exterior

A sinatura do convenio supón un exemplo da colaboración entre ambas as entidades e que se concreta en varias liñas de traballo. En primeiro lugar, a execución da primeira fase da elaboración do Plan Director para a conservación do patrimonio das sociedades de emigrantes. “Nós imos facer as bases sobre os modos de conservación de todo material que existen nas sociedades de emigrantes, como son fotografías, cartas, actas… e outros documentos” explicou Ramón Villares no transcurso da sinatura. Foi o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen destacou “que se trata da primeira fase dun plan que ha de ter continuidade no futuro e que se enmarca na Lei de Galeguidade que entrou en vigor o pasado 1 de xullo”. En segundo lugar, outra das actividades que se realizarán ao abeiro deste convenio son as xornadas “Emigración e Cidadanía”, encamiñadas a revisar o concepto de cidadanía no Exterior. Ademais, tamén inclúe a edición do libro biográfico sobre Eliseo Pulpeiro, editor da revista Céltiga, publicada en Bos Aires entre 1924 e 1932. Por último, no marco deste convenio procederase á dixitalización da documentación relacionada coa emigración depositada en arquivos consulares en Brasil e Cuba.

Para o desenvolvemento destas actividades, o convenio consigna 42 500 €, dos que a Secretaría Xeral da Emigración achega 32 500 e 10 000 o Consello da Cultura Galega. Correspóndelle ao CCG acometer as actividades, para as que contará cun equipo de especialistas de recoñecido prestixio na materia. O material que xere esta actividade estará dispoñible na rede.

O Plan Director do Patrimonio Documental no exterior
A elaboración Plan Director do Patrimonio Documental no exterior é unha acción que se insire dentro do decálogo de actuación do Consello da Cultura Galega para o vindeiro cuadrienio 2014-2018. Esta liña de traballo permitirá coñecer o patrimonio depositado nos centros e institucións galegas da emigración e elaborar liñas de actuación para velar pola súa protección e posta en valor. Esta acción é o resultado do cumprimento do fixado na nova Lei de Galeguidade.

Outros convenios entre ambas as entidades
A colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración é unha constante que leva varios anos producíndose. No marco desta fórmula administrativa realizáronse proxectos de recuperación, ordenación e estudo do patrimonio legado polos nosos emigrantes, entre eles destaca a catalogación das construcións escolares financiadas polos emigrantes nas catro provincias galegas ea exposición Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia.

O Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.

Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.