----

A 26 Conferencia Anual da AEMI conclúe coa reivindicación das migracións como elemento clave da Historia da Humanidade

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e Maddalena Tirabassi, vipresidenta da AEMI, clausuraron o encontro no que destacaron a necesidade de preservar o legado das migracións e a importancia da existencia de institucións que conserven a súa memoria histórica para entender mellor a sociedade contemporánea.
A 26 Conferencia Anual da AEMI conclúe coa reivindicación das migracións como elemento clave da Historia da Humanidade

A 26 Conferencia Anual da Asociación de Institucións Europeas de Migración, organizada polo Consello da Cultura Galega, reuniu por primeira vez en Galicia a medio cento de representantes de museos da emigración de toda Europa. José Moya (Barnard College/Columbia University) foi o encargado de impartir a conferencia de clausura cunha reivindicación da migración como parte central na Historia da Humanidade, dende a propia evolución biolóxica do ser humano ata os actuais fluxos migratorios. Baixo o título de Diásporas e identidades culturais nunha perspectiva global, o experto realizou un percorrido polos principais fitos históricos directamente vinculados ao fenómeno migratorio. A evolución biolóxica da especie humana que lle permitiu a ocupación do planeta, o nacemento da agricultura ou a gran diáspora europea son exemplos de migracións que construíron o que hoxe somos. Por tanto, reivindicou, as migracións deben estudarse como parte central e non como elemento secundario da historia. Na actualidade, sinala Moya, os fluxos migratorios mudaron e caracterízanse por un aumento considerable dos fluxos de refuxiados, polas restricións legais aos desprazamentos, polo incremento dos fluxos laborais iniciados por mulleres (particularmente caso de Latinoamérica e Europa do Leste) e pola polarización económica dos fluxos con, por un lado, refuxiados moi pobres e, polo outro, emigrados con recursos e alto nivel de cualificación.

As novas migracións globais

Durante o xoves 29 e o venres 30 expuxéronse un total de 35 comunicacións repartidas en sete sesións que analizaron as novas emigracións en Europa; novas migracións globais; diásporas; identidade e relixión, patróns de comportamento colectivo; transculturalismo e hibridación; museos de emigración e, finalmente, unha sesión dedicada á actual crise europea na emigración, con especial atención á crise dos refuxiados. O encontro reuniu por primeira vez en Galicia a representantes de museos migratorios de Bélxica, Croacia, Alemaña, Inglaterra, Finlandia, Francia, Dinamarca, República de Irlanda, Letonia, Luxemburgo, Holanda, Noruega, Portugal, Polonia, España, Norte de Irlanda, San Marino, Escocia, Eslovenia, Suecia, Australia, Grecia, Estados Unidos, Canadá e Brasil.

O Arquivo da Emigración do Nordfriisk Instituut situado na cidade de Bredstedt (Alemaña) collerá o relevo de Santiago para a celebración da 27 Conferencia Anual da AEMI durante a última semana de setembro de 2017.

O Arquivo da Emigración Galega

O Consello da Cultura Galega forma parte da AEMI dende o ano 2010 co fin de integrar o seu Arquivo da Emigración Galega (http://www.consellodacultura.gal/aeg) nesta rede de traballo para establecer un diálogo cos seus homólogos internacionais e poñer de relevo o extraordinario legado da emigración galega. O Arquivo da Emigración Galega, nacido en 1992 ao abeiro da Sección de Cultura Galega no Exterior, ten entre os seus obxectivos conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial e, finalmente, difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.