----

"Luces de Alén Mar" visita Ares

En 1904 un grupo de emigrantes aresáns residentes na Habana reúnense coa finalidade de construír unha escola na súa terra natal e potenciar a educación entre os seus paisanos. Fundan a asociación “Alianza Aresana de Instrucción”, unha das primeiras sociedades instrutivas da nosa emigración e en 1909 inauguran cunha gran festa o magnífico edificio escolar que leva o seu nome e que aínda hoxe desfrutan os seus veciños.

Non é a única mostra da beneficencia dos emigrantes aresáns para cos seus paisanos: a “Agrupación Instructiva de Redes y Caamouco” (creada en 1911) logra construír e manter a escola da Tenencia, en Redes, inaugurada en 1915 ou a escola de Cervás, construída en 1925 grazas ao labor do “Centro de Instrucción, Protección y Recreo de Cervás”. Tamén a parroquia de Seselle, pola filantropía dun destacado indiano, Gaspar Vizoso Cartelle, logrou ter un centro educativo no que estudaron varias xeracións de nenos.

Se queres coñecer máis datos sobre estas escolas e o gran labor benéfico dos emigrantes aresáns podes consultar a web do Arquivo da Emigración Galega ou visitar a súa exposición “Luces de Alén Mar” que estará na vila de Ares do 17 ao 19 de agosto, como unha das actividades culturais durante a celebración do Ares Indiano. No Casino Aresano poderase desfrutar da mostra de grande formato. Tamén estará dispoñible no local social de Caamouco, nunha versión máis reducida. Deixamos aquí un enlace directo que achega máis información sobre esta festa: Ares Indiano