Biografía de Concha Varela-Orol
Licenciada en Filoloxía Española e doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.
Pertenceu ao corpo facultativo de arquivos e bibliotecas (sección bibliotecas), ocupando diversos postos, como xefa do Servizo de Bibliotecas da Xunta de Galiza (1984) e directora da Biblioteca Universitaria de Santiago (1993-1999). Durante este período desenvolveu numerosas actividades docentes para a formación inicial e continua de profesionais bibliotecarios e cursos de posgrao da Universidade de Santiago sobre Xestión de Bibliotecas. Tamén impulsou accións cooperativas, coma o nacemento da rede REBIUN, e asociativas, coma o nacemento de ANABAD Galicia.
Na actualidade é profesora honoraria da Universidade da Coruña, onde desenvolve a súa investigación centrada na historia das bibliotecas, historia das ciencias documentais, patrimonio bibliográfico e documentación. Sobre estas liñas de investigación publicou diversos libros, capítulos de libros e artigos de revista, nos últimos anos centrados especialmente en Martín Sarmiento. Participou en distintos proxectos de investigación sobre estes temas. Forma parte da comisión académica do programa de doutoramento “Sociedade do Coñecemento: Novas perspectivas en documentación, comunicación e humanidades” da Universidade da Coruña, en colaboración coa Universidade Complutense de Madrid (2013-).
Participou en distintas comisións e comités, como a comisión de traballo no ámbito social da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia da Xunta de Galicia (2008- 2009) ou a comisión do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña (2009-2012). Coordinou as Recomendacións para o acceso ó patrimonio moble de Galicia, aprobadas polo Consello da Cultura Galega. Foi membro do Pleno do Consello da Cultura Galega (2010-2018) e na actualidade forma parte da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais (2008-).