María Yáñez

----

María Yáñez

1978 Lugo
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de María Yáñez

1978- Lugo
Leva dúas décadas traballando como xornalista en medios dixitais, desenvolvendo contidos audiovisuais para Internet e deseñando estratexias de comunicación en liña para diversos proxectos culturais. É licenciada en Xornalismo e Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela.
Na actualidade dirixe VINTE, unha revista en liña de sociedade, cultura e tendencias vinculada ao xornal Praza.gal e traballa como xornalista e consultora de comunicación para organizacións vinculadas ao audiovisual, como a produtora Portocabo ou a Academia Galega do Audiovisual, para a que coordina a publicación Papeis da Academia. Fai traballos de comisariado en distintos proxectos relacionados coa cultura dixital audiovisual, como o festival Carballo Interplay ou o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), impulsado polo programa Coruña Dixital. Colabora coa European Cultural Foundation no desenvolvemento de MediActivism, unha plataforma de arquivo e difusión en liña de pezas documentais creadas por mozas e mozos activistas de toda Europa.
A súa carreira profesional estivo ligada a empresas como a produtora Continental Producciones, onde foi axudante de desenvolvemento de proxectos de cine entre 2002 e 2005; o diario Vieiros, do que foi directora entre 2005 e 2006; A Navalla Suíza, empresa de comunicación web da que foi cofundadora e socia entre 2008 e 2018; Screenly, plataforma de distribución de cine en salas baixo demanda, da que coordinou desenvolvemento e comunicación entre 2013 e 2017, e a numerosos medios de comunicación como Televisión de Galicia, Radio Galega, El País Galicia, 20 minutos ou Praza Pública. Dirixiu para TVG o documental Linguas Cruzadas (2007) e o programa O país dos ananos (2008). Nos últimos anos foi responsable de marketing e comunicación de películas galegas como Vilamor, Encallados, Os días afogados ou Eroski Paraíso. Tamén colaborou con festivais de audiovisual e/ou tecnoloxía como o TEK-FEST, o Festival de Cans ou o Festival ZEMOS98.
Como investigadora participou en varios proxectos de investigación da USC relacionados con narrativas dixitais e foi coeditora de EMBED, publicación sobre o audiovisual integrado. Impartiu docencia en varios mestrados e posgraos de distintas universidades, e deu numerosas conferencias e talleres sobre novos medios por distintos países. Na actualidade é docente na materia de Desenvolvemento de narrativas audiovisuais en contextos dixitais do Máster Universitario en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais da Universidade de Vigo.