Laura Borrás

----

Laura Borrás

1970 Barcelona
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Laura Borrás

1970- Barcelona
Licenciada en Filoloxía Catalá (1993) e doutora cum laude en Filoloxía Románica pola Universitat de Barcelona (1997) pola tese Formas de la locura en la Edad Media. Estudio comparado de textos literarios y representaciones iconográficas (publicada como ensaio en Més enllà de la raó, Barcelona, Quaderns Crema, 1999), con título de Doutor Europeo (1997) e Premio Extraordinario de Doutoramento (1998) da División de Ciencias Humanas e Sociais da UB.
Desde hai 22 anos é profesora na Universitat de Barcelona, onde ensina Teoría da Literatura e Literatura Comparada no Mestrado de Formación do Profesorado do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura. Desde 1997, combinou esta docencia presencial coa docencia de literatura en contornos virtuais como profesora agregada dos Estudos de Linguas e Culturas e de Humanidades e Filoloxía da Universitat Oberta de Catalunya, onde foi directora da Área Académica de Postgrado dos mesmos estudos. Desde 2007, é a directora académica do Mestrado en Literatura na Era Dixital da Universitat de Barcelona/Grup 62: http://www.il3.ub.edu/es/master/master-literatura-era-digital.html. En xaneiro de 2013 foi nomeada directora da Institució de les Lletres Catalanes (ILC), onde impulsou a creación do portal trilingüe www.lletrescatalanes.cat.
É membro do Literary Advisory Board da Electronic Literature Organisation (ELO) e editora do Vol. II da antoloxía Electronic Literature Collection, xunto con Rita Rayley, Talan Memmott e Brian Kim Stefans. Tamén é membro do Internacional Literary Advisory Board da Electronic Literature Organization (ELO), membro e profesora do Programa de Doutoramento Europeo Cultural Studies in Literary Interzones, Erasmus MundusJointDoctorate (EMJD/University of Bergamo), do Erasmus Intensive Program on European Digital Literatures que coordina a Université Paris 8. Durante os cursos 2010-2011 e 2011-2012 foi Visiting Professor da Kingston University, Londres.
Os seus campos de interese son múltiples e variados, desde a literatura medieval á máis recente literatura electrónica. Publicou numerosos libros, artigos e traballos que versan sobre temas como a loucura medieval, a música, o cine, o teatro e a literatura, incluíndo dun modo destacado a reflexión sobre escritura e lectura na era dixital e o estudo das novas textualidades electrónicas. Especializouse na difusión da literatura en contornas dixitais, particularmente nas redes 2.0. Leva a cabo programas de formación de docentes no ámbito nacional e internacional e é requirida para participar como experta en comisións de alcance mundial (USA, Canadá, México, Italia, Bélxica, Francia, Inglaterra, Noruega, Finlandia, Brasil, etc.).
Foi galardoada coa prestixiosa distinción para a investigación da Generalitat de Catalunya (2001-2005) e, desde o ano 2000, dirixe o grupo de investigación internacional HERMENEIA (Estudios literarios e tecnoloxías dixitais www.hermeneia.net), pioneiro en España e Europa, que acolle a un grupo de 20 profesores de distintas universidades españolas, europeas e americanas, recoñecido pola Generalitat de Catalunya (SGR 2009-529, 2005-00332). É directora académica de OFELIA (Organización Filológica de Estudios Literarios y Artísticos, www.ofelia.cat ). Foi a presidenta do e-poetry 2009, que tivo lugar en Barcelona (http://www.e-poetry2009.com/) en maio de 2009, o festival-congreso internacional de poesía electrónica de maior prestixio, que lle foi encargado ao finalizar a edición de París 2007. Este festival, con carácter bianual, celebrouse tamén en Buffalo (NY), Virginia, Londres, París e, por primeira vez tras 10 anos de historia, chegou a España.