Proxecto Sarmiento

mesa_sarmiento.jpg

Nesta mesa, Martín Sarmiento (1695-1772) forxou un dos máis importantes e orixinais legados intelectuais da Ilustración española, ao tempo que sentaba os alicerces para o desenvolvemento do galeguismo contemporáneo. Sarmiento investigou e reflexionou sobre case todos os ámbitos de coñecemento do momento: botánica, xeografía, filoloxía, historia, economía, antropoloxía, nada escapaba á curiosidade do erudito. Pero a súa maior obsesión foi o estudo de Galicia nos seus distintos aspectos, cun afán abertamente revindicativo a con miras ao seu progreso material e espiritual. Unha boa parte da obra de Sarmiento permanece inédita ou é escasamente coñecida. Desde os mesmos finais do século XVIII a intelectualidade galega, e con forza crecente tamén os estudosos da Ilustración hispánica, vén reclamando a divulgación do legado sarmentino.

O Consello da Cultura Galega, co patrocinio da Xunta de Galicia (Dirección Xeral de I + D + i, Consellaría de Industria), en colaboración co Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e co concurso doutras institucións culturais galegas e españolas, está tentando dar resposta a esta demanda mediante o proxecto ‘Obras de Martín Sarmiento’, ao que se acolle o sitio web que aquí abrimos.