Proxecto Sarmiento » Obra de 660 pregos: a edición do CCG

Obra de 660 pregos: a edición do CCG

des_sarmiento_lanzada.jpg
Mapa da Península da Lanzada nos manuscritos da Colección Medina Sidonia

Na entrada correspondente ao ano 1762 do Catálogo de los Pliegos, especie de inventario dos seus escritos que Sarmiento rematou ca. 1768, o autor ofrece a seguinte información:

Sobre los foros, por novembro. Papel lixeiro porque instaba a prontitude (cinco folios).
Por decembro [de 1762], ata agosto de 1766, ocupei todo ese tempo en continuar o asunto dos foros, sinalando a súa orixe e antigüidade. Con esta ocasión explícanse os principios da agricultura en España, o modo de promovela, non con propietarios precarios, mais con labregos que por si mesmos cultiven as terras, de modo que entre eses e os do directo e verdadeiro dominio non haxa lacazáns e lambóns intermediarios […] Propoño o modo de desalgar a auga mariña e explico os métodos de observar a lonxitude sen as inconstancias do imán. Manifesto novos métodos dunha Xeografía de España e un método manual de cronoloxía, nun caxato. Propoño o método de ensinar a mocidade a ler, escribir e contar, e a tomar uns principios de Matemática e Música. Engado e retoco moitos pregos dos que escribira, como sobre a poesía do ano de 1741. En toda esta prolixa obra, sempre atendín a observar a Historia Natural e Botánica e a probabilizar as etimoloxías dalgunhas voces vivas e frases castelás e galegas, reducíndoas ao latín. […] Toda esta multitude de pregos chegou ao número de seiscentos setenta, 2.648 páxinas e a 7.870 números marxinais; vinte dos pregos últimos tratan de Pontevedra.”

Por tanto, Sarmiento traballou na Obra de 660 pregos durante case catro anos, e de aí resultou un texto dunha extensión descomunal, en que toca practicamente todos os moitos asuntos de que se ocupara ao longo da súa vida. O autor non seguiu un plan pre-establecido, senón que, no seu típico estilo discursivo, foi tratando unha grande variedade de asuntos conforme lle acudían á punta da pluma, sen orde nin designio particular. De feito, ao final produciu unha especie de compendio da súa obra, onde volve sobre grande parte dos temas que tocara en escritos previos, repetindo, revisando e rectificando ¬ora resumindo ora ampliando¬ informacións e puntos de vista previamente expresados. O resultado é unha especie de enciclopedia sarmentina, unha suma de saberes revolta e inacabada.

Táboas de contidos dos primeiros volumes que se van publicar
Vol. I
Vol. II
Vol. IV

Da Obra de 660 pregos extractáronse algunhas partes que circularon de forma independente e ás veces incluso chegaron aos prelos, ás veces con títulos propios, como “Jardín medicinal de pobres” ou “La educación de los niños”. Os estudosos de Sarmiento citan con frecuencia os 660 Pregos, de onde teñen obtido información preciosa sobre a súa vida, obra e pensamento. Non obstante, o conxunto da obra permanece inédita, cousa explicable dada a súa magnitude e as dificultades de edición que presenta. Por iso, e tendo en conta a súa importancia, o proxecto ‘Obras de Martín Sarmiento’ decidiu comezar as súas publicacións precisamente por este escrito.

A copia da Obra de 660 pregos ocupa cinco grosos volumes in folio na Colección Medina Sidonia, que corresponden aos seus tomos XIII a XVII. A edición que preparamos, que irá aparecendo ao longo do ano 2008, está baseada nesta copia, que polo que sabemos é a máis próxima ao orixinal sarmentino (en paradoiro descoñecido). Eses volumes irán completados por outro de índices (temáticos, onomásticos e léxicos) e estudos. Ofrecemos como adianto as táboas de contidos dos volumes I, II e IV, que son os que se atopan nun estado máis avanzado no proceso de edición. No seu día, ofreceremos reprodución dixital da edición impresa e do manuscrito da Medina Sidonia.