Proxecto Sarmiento » Biografía de Martín Sarmiento

Biografía de Martín Sarmiento

Por Henrique Monteagudo

bio_sarmiento.jpg

Martín Sarmiento naceu en Vilafranca do Berzo o seis de marzo de 1695, e finou en Madrid o sete de decembro de 1772. A súa singradura vital abranxe, pois, unha boa parte do século XVIII, un período de grandes mudanzas históricas en Europa (Ilustración e florecemento da ciencia e o pensamento modernos), España (dinastía borbónica) e Galicia (primeiras tentativas de desenvolvemento económico).
Ofrecemos aquí unha apretada síntese da súa vida, que presentamos, por mor da clareza, en cinco etapas: 1) crianza en Pontevedra (-1710), 2) formación escolástica (-1726), 3) carreira profesional (-1745), 4) abrollar do galeguismo (-1755), e 5) retiro activo (-1772).
A información biográfica contida nesta sección complétase coa que se ofrece sobre a obra de Sarmiento no apartado [Introdución], e coa bibliografía que se presenta en [Orientación bibliográfica].

1.- Crianza en Pontevedra (1695-1710)

Martín Sarmiento foi fillo de Alonso García Gosende, procedente dunha familia con raíces en Cerdedo (Pontevedra), e de Clara Balboa Sarmiento, dunha xinea afincada nos arredores de Samos (Casarío de Perros, fegresía de Pascais). Os seus pais deberon coñecerse durante a breve estadía de Alonso en Samos (c. 1680) para traballar en obras de reparación da igrexa do mosteiro. Pouco despois, foi requirido como mestre de obras en Vilafranca do Bierzo, onde contraeu matrimonio con Clara (1682), e onde o casal tivo os seus primeiros catro fillos: Joseph Antonio (1683), Alonso Antonio (1686), María Bernarda (1693) e Pedro Joseph (nome de pía de Martín Sarmiento). Aos poucos meses do nacemento deste último, o pai obtivo o cargo de Correo Maior en Pontevedra, e a famila estableceuse na vila do Lérez, onde viñeron ao mundo dous fillos máis: Francisco Xavier (1700) e Ana Rosa (1706).

De primeiras, a familia García Balboa instalouse nunha casa da rúa da Palma, veciña do pazo dos Mosquera Sotomayor (Marqueses de Aranda); tamén foron veciños dos Condes de Maceda. Posteriormente, trasladaríanse ao barrio de Mourente, para residir na casa-pazo de Santa Margarida, erixida polo propio Alonso García. Décadas máis tarde, Sarmiento manterá trato en Madrid con varios veciños pontevedreses que fixeron carreira na política española, como Luís Mosquera (Marqués de Aranda) e Antonio de Lanzós e Taboada, Conde de Maceda. Pedro Joseph comezou os seus estudos elementais en 1702 no colexio da Compañía de Xesús, e contra 1709 pasa como novicio ao convento benedictino de Lérez. Ao ano seguinte, en maio, abandona Pontevedra con destino ao convento bieito de San Martín de Madrid. Por razóns de conveniencia e conforme o uso na súa orde, Pedro Joseph García Balboa tivo que mudar de nome: na súa acta de profesión aparece como Martín García Sarmiento, a partir de 1717 adoptará o definitivo Martín Sarmiento.

2.-Formación escolástica e maxisterio decisivo de Feixoo (1710-1725)

O convento de San Martín de Madrid, no que profesa en 1711, acollerao intermitentemente ata 1727; endalí tornarase o seu domicilio fixo e definitivo ata a súa morte. Nese intervalo de dezaseis anos sucédense as mudanzas de residencia, ao compás dos sucesivos chanzos que vai percorrendo na carreira na Orde de san Bieito. O curriculum escolástico estaba organizado en tres trienios, o primeiro dos cales (1711-14) transcorre no colexio de Irache, en Navarra, onde cursa Artes e Filosofía. No seguinte trienio (1714-17), vai a Salamanca, onde cursa Teoloxía nun colexio bieito (non na Universidade), ata completar os estudos superiores. Pasa outro trienio máis (1717-1720), en Exlonza (León), a cumprir as prácticas de docencia (‘pasantía de artes’). Os cinco anos seguintes bótaos en Asturias como escolante e predicador, nos conventos de Celorio en Llanes (como ‘pasante de teoloxía’) e S. Vicente de Oviedo (a partir de 1723, como ‘lector de artes’). Deste último convento era abade o seu paisano Benito Jerónimo Feixoo, con quen traba unha estreita relación que o marcará de por vida.

bio_feijoo.jpg Feixoo, case vinte anos maior ca Sarmiento, atopábase naquela altura nun momento crucial do que sería unha brillante carreira literaria, entregado de cheo á redacción dos ‘discursos’ que aparecerían reunidos no primeiro tomo do Teatro Crítico Universal (1726). O vencello de Sarmiento con Feixoo non cesará ata o pasamento do Mestre (1764), prolongándose por tantos anos coma os que enchen as sucesivas entregas da copiosa obra deste: os oito volumes do Teatro Crítico Universal (1726-1739), máis a Ilustración crítico apologética (1729), e os cinco volumes das Cartas eruditas (1742-1760). Nesa relación, primeiro de discípulo e posteriormente de corresponsal e colaborador, áchase a clave principal para entender a traxectoria intelectual de Sarmiento. O Mestre parou toda a vida en Oviedo, mentres que a edición dos seus libros se realizaba en Madrid. Pero o acceso á bibliografía, e sobre todo ás novidades que viñan do estranxeiro, era moito máis doado na capital do que en Oviedo. Sarmiento traballou na sombra para Feixoo fornecéndolle libros e ideas, arranxando os seus textos e xestionando as edicións (revisión de orixinais e probas de imprenta, elaboración de índices, permisos dos superiores e autorización da censura, cobros e pagamentos….).

Os ensaios de Feixóo tiveron un enorme impacto na cultura española do tempo, pois foi o autor máis lido, discutido e influente da España setecentesca. O criticismo feixoano, moderado pero incisivo, ergueu unha xigantesca revoeira no ambiente cultural clausurado e inmobilista da España coetánea, apreixado con man de ferro por un catolicismo dogmático e ferozmente intransixente. A reacción do establecemento retrógrado foi virulenta, de manera que inzaron as presións, as impugnacións e os anatemas contra o benedictino. Endebén, o sentido xeral do proxecto intelectual feixoano sintonizaba coa orientación das minorías rectoras da política española, en particular cos círculos reformistas dos gobernos dos sucesivos borbóns (Filipe V, Fernando VI, Carlos III). Por parte, Feixóo sentíase respaldado pola elite dirixente da súa propia confesión monástica, dotada dunha sólida formación intelectual (cando menos no terreo das humanidades), notablemente posta ao día Coa primeira Ilustración, tratábase de resituar España na corrente xeral da cultura europea, invertindo a tendencia a un progresivo aillamento. Sarmiento comprométese de por vida con ese proxecto renovador.(grazas aos contactos cos benedictinos mauristas franceses, incluído o maxisterio de Mabillon) e moderadamente aperturista –sempre que non se tocasen materias dogmáticas nin a posición social ou os intereses da propia Orde.

Feixoo era, sen dúbida, un intelectual moi capaz, pero foron as condicións do seu contorno sociocultural as que posibilitaron que se tornase no voceiro da denominada ‘primeira Ilustración’, un movemento tímido e difuso, pero efectivo, de renovación da vida intelectual española, baixo o signo do cultivo do método científico no terreo físico-natural, cuxa autonomía se afirmaba fronte ao dogma (contra o aristotelismo ritual das Universidades e a doutrina da subordinación da ‘filosofía natural’ á teoloxía, isto é, da razón ao dogma) e da aplicación do método crítico e documental no eido das humanidades, en particular das disciplinas históricas (que viñan toldadas de fantasías tendenciosas e imposturas interesadas); sempre no marco de obediencia á disciplina e o maxisterio da Igrexa, e de respecto polos poderes constituídos e pola orde social vixente. Nunha palabra, tratábase de resituar España na corrente xeral da cultura europea, invertindo a tendencia a un progresivo aillamento (co consecuente retraso económico e social) que se viña impoñendo desde a segunda metade do século XVI, xusto no período en que en Europa se comezaban a xestar a ciencia e o pensamento modernos, desenvolvidos ao longo do século XVII (desde Roger Bacon a Newton, pasando por Galileo, Descartes ou John Locke).

Pois ben, a partir do contacto con Feixoo, Sarmiento comprométese de por vida con ese proxecto renovador, ao que entregará o mellor das súas superiores capacidades intelectuais e no que investirá unha laboriosidade hercúlea. Secomasí, a primeira Ilustración non constituíu un grupo compacto e artellado, cun programa definido e coherente, mais unha simple tendencia cultural de fondo. Sarmiento militou nunha corrente intelectual xenericamente modernizadora, pero atravesada de contradicións, e fíxoo ademais desde un posición e cuns puntos de vista moi particulares. De aí que a súa achega, incluso coas súas limitacións, resultase sumamente orixinal. E, sen dúbida, o galeguismo constituíu un dos trazos máis novidosos e imprevisibles dese contributo.

3.-Carreira profesional e participación na vida pública (1726-1745)

exposicion_inventos.jpgRematada a súa estadía en Asturias e antes de regresar a Madrid, Sarmiento emprende en 1725 a primeira das tres visitas que xiraría a Galicia ao longo da súa vida adulta. Antes de instalarse en Madrid, é destinado a Toledo (ferebreiro de 1726), onde se lle encarga a catalogación dos riquísimos fondos da Biblioteca e do arquivo da Catedral, tarefa que o ocupa durante quince meses. O cumprimento desta misión redundou no plano persoal na ampliación dos seus horizontes intelectuais, e no plano institucional no afianzamento da súa sona como erudito. Das varias descubertas importantes que realizou salienta a lectura do códice toledano das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, que lle causou a desconcertante sorpresa de desvelar o cultivo literario do galego medieval, unha descuberta que o intrigaría especialmente e o levaría a concentrar a súa atención na historia da lingua galega.

O ano 1726 marca un fito na singradura histórica e cultural de España, pois vén a lume o primeiro tomo do Teatro Crítico Universal de Feixoo, ao tempo que comeza a carreira ministerial de José Patiño, a figura principal do goberno de Filipe V neses anos, impulsor da reforma da administración. Como dixemos, o Teatro Crítico provoca unha enorme revoada, e comeza a ser albo das diatribas dos sectores máis retardatarios. Nos primeiros anos de debate público das ideas de Feixoo, Sarmiento non refuga as polémicas, ata tornarse un dos apoloxetas máis ardidos da obra do Mestre. Xa no propio 1726 responde a un folleto dun tal Martín Lesaca cun escrito virulentamente satírico, que intitula Martinus contra Martinum. En 1728, sinala no seu Catálogo de los pliegos, “quiso el Ilustrísimo Feixoo que yo corrigiese sus tomos. Corregí todos sus tomos hasta su muerte, y formé 14 índices. Con esa ocasión mantuve correspondencia epistolar, y por el cajón que conservo de sus cartas, se conocerá cuantos pliegos le habré escrito yo en mis cartas por tantos años”. Infelizmente, esta correspondencia perdeuse.

O mesmo Sarmiento engade:

“Por 1726 salió a la luz impreso en Madrid el Tomo 1º del Teatro crítico del Rvmo. P. Mro. Feyxoo. El año de ’29 salió su Ilustración Apologética, y en ella puse yo mi ‘Aprobación’. El año, o el agosto, de 1731, salió la Réplica satisfactoria de un tal Don Salvador Mañer, contra el Teatro, Ilustración y mi ‘Aprobación’. No quise ver ni comprar los dos tomos, en 4º, hasta que el público los leyese y cacarease. Al 1º de Ocubre, los compré yo, vi y leí, y hice apuntes para ridiculizarlos e impugnarlos. A primeros de marzo de 1732, ya presenté al Rvmo. General para la Licencia de la Demonstración Critico Apologética“.

Esta defensa de Feixoo foi a única obra que publicou co seu nome. Aínda en relación coa obra do Mestre, en 1731 redactou o escrito Al crítico astro de las glorias de España D. Carlos de Montoya y Unzueta, “Papel Jocoso-irónico” asinado co pseudónimo D. Sancho Revulgo Cantalapiedra. En todos estes textos, o autor dá renda solta a unha veta polémica en que combina a súa erudición inapelable cunha ironía vitriólica.

Da aureola que comezaba a rodear a súa figura, cando menos no estreito círculo dos seus coñecidos, dá idea a acesa gabanza que Feixóo lle estampou no tomo IV do Teatro Crítico (1730):

“Ten a miña orde un suxeito que, na idade de 35 anos, é un milagre de erudición en todo xénero de letras divinas e humanas. En calquera materia que se toque dá tan prontas, tan particulares noticias, que non semella que saian da súa boca, mais que se len nos mesmos autores onde el as bebeu. É de tan feliz memoria como de áxil e penetrante discurso, polo que as moitas especies que verque en tódolos asuntos saen escorreitas dunha sutil e xuizosa crítica. É suxeito tan admirable que só peca de modestia moi esaxerada ou moi delicada. É tan inimigo de que o aplaudan que refuga que o coñezan”.

Nótese a amistosa censura de Feixóo en relación á actitude refractaria de frei Martín cara á publicidade. É certo que a teimosa recusa a dar ao prelo os seus escritos, que o condenou ao ostracismo e limitou drasticamente a repercusión da súa obra (e por tanto a súa eficacia), constitúe un dos aspectos máis discutibles da súa traxectoria. Adóitase ofrecer unha interpretación desta decisión (coma doutras actitudes de Sarmiento) en clave psicoloxista, un tipo de explicación que o mesmo frade abonou en obras como El porque si y el porque no. O ineditismo de Sarmiento privou Galicia e España do aproveitamento dunha obra incitante e arrequentadora. Pero ese ineditismo deulle a Sarmiento azos para abordar a escrita como unha aventura intelectual libérrima, e esa frescura de espírito é precisamente o que deu pulo ao seu galeguismo insumiso.Gregorio Marañón chegou a imputarlle timidez invencible e mesmo complexo de inferioridade, e José L. Pensado sempre cargou as tintas no seu carácter presuntamente excéntrico, brosmo e insociable.

Disentimos desas explicacións. Ao noso parecer, Sarmiento entendeu que a obra de Feixoo satisfacía a necesidade de divulgación do pensamento renovador, e que esta tarefa impuña limitacións (unhas derivadas do control férreo da censura e da Inquisición, outras das convencións estéticas e da mentalidade colectiva da época) das que tanto o Mestre coma el eran moi conscientes. Se un escribía para si mesmo ou para os seus amigos íntimos, podía permitirse expresar o seu pensamento sen tantos empeitizos; por parte, se un non escribía para o prelo liberábase dos pesados labores de arranxo e revisión editorial dos textos, que roubaban unha enorme cantidade de tempo. Sarmiento sabíao moi ben pola súa experiencia cos libros de Feixoo e, respecto da súa propia obra, preferiu deixar esas tarefas aos seus futuros editores. De aí que os seus textos ‘privados’ se desenvolven con singular soltura, sexa na escolla e no tratamento dos temas, sexa no estilo (directo, coloquial e desenfadado), talmente como exploracións pracenteiras, escasamente convencionais, e sempre abertas á digresión.

Polo mesmo, os seus escritos posúen un atractivo moi especial, como testemuñas sinceras e espontáneas dun pensamento inquisitivo, crítico e aínda heterodoxo, non entalado polas presións esmagadoras que impuñan as rigorosas constricións político-culturais e estético-literarias da época. Así, é certo que o ineditismo de Sarmiento privou Galicia (no que atinxe os seus ensaios ‘galeguistas’) e España (no resto da súa obra), do aproveitamento, no seu debido tempo e forma, dunha obra extraordinariamente incitante e arrequentadora. Pero non o menos que a Sarmiento ese ineditismo lle deu azos para abordar a escrita como unha aventura intelectual libérrima, e esa frescura de espírito é precisamente o que deu pulo ao seu galeguismo insumiso.

En 1729 Sarmiento dá un chanzo definitivo na súa carreira eclesiástica, ao concéderselle voto no Capítulo xeral da Congregación de Valladolid (a sección española da orde benedictina), co que adquire o dereito a deter os cargos máis importantes, coma o de abade, e a exercer a docencia universitaria. A súa preocupación pola temática educativa, constante na súa obra, faise patente xa nun dos seus primeiros escritos, dirixido ao xeral da Congregación: Planta Curiosa para el Adelantamiento de la Congregación benedictina de España (1729). No primeiro capítulo xeral en que participa como membro de pleno dereito (1733) recibe a perpetuidade o cargo de Cronista xeral da Congregación. Isto colócao á fronte dos arquivos dos conventos bieitos de España, dos cales debía extraer non só información histórica con finalidades eruditas, canto documentos que esteasen os bdereitos da súa orde fronte ás pretensións regalistas dos gobernos da época, impulsores dunha política de reforzamento do poder político a custa dos privilexios e patrimonios eclesiásticos.

O cargo de cronista obrígao a realizar unha serie de traballos por encargo dos seus superiores, que constituirán o groso do seu labor nos dez anos seguintes. Coma tal, Apuntamientos para el pleito con el Rey sobre presentación de abadías (1735), e a que será a súa segunda obra impresa, publicada como anónima e só recentemente atribuída a Sarmiento –Motivos legales que reverentemente expone a la alta censura la congregación benedictina de estos reynos [...] en respuesta a la Real Cedula de ocho de noviembre de 1735– un groso volume de 614 páxinas impreso en 1736.

O anonimato da obra explícase porque se debeu de considerar como documento ‘oficial’ da orde e non como empresa persoal, e sobre todo porque se presenta en polémica cun libro asinado polo mesmísmo Secretario de Estado, José Patiño, a prol do padroado rexio: Propugnaculo histórico canonico politico i legal (1735). Outro exemplo dese tipo de Sarmiento participa nos cenáculos intelectuais da capital, e así mantén estreito contacto co círculo callado arredor da Biblioteca Real, e segue de cerca iniciativas coma a publicación do Diario de los literatos de España ou a fundación da Real Academia de la Historia.
escritos, agora referido ao aspecto tributario, é Sobre el 8% que debía pagar la religión benedictina (1743).

Pero Sarmiento non se limita a redactar traballos para a orde. Nos finais dos anos trinta e comezos da década seguinte comeza a recibir encargos de institucións civís, e nomeadamente, do goberno: desde o ditame sobre as empresas da Academia Médica Matritense (1734) ata a censura de libros (coma a da España primitiva, de Francisco X. Huerta y Vega, 1738), pasando por informes como o elaborado para a Junta sobre caudales de la América (1737). Ao tempo, participa nos cenáculos intelectuais da capital, e así mantén estreito contacto co círculo callado arredor da Biblioteca Real, e segue de cerca iniciativas coma a publicación do Diario de los literatos de España ou a fundación da Real Academia de la Historia (1738). Por volta de 1736, pon a súa man na edición da Vida de Santo Domingo de Silos, pimeira obra de Gonzalo de Berceo publicada modernamente, que no entanto aparece asinada polo seu compañeiro de hábito Sebastián de Vergara.

Nos comezos da década dos ’40, as solicitacións que lle chegan de fóra da confesión cobran maior importancia, apuntando cara a un horizonte cultural máis vasto. Sirvan de mostra a encomenda do cardeal Valentí Gonzaga para que redacte unhas Memorias para la poesía y poetas españoles (escritas en 1741-44, publicadas en 1775) –o primeiro ensaio de historia literaria ‘nacional’ española, en que exhuma a “Carta-Proemio” do Marqués de Santillana, onde se dá noticia da lírica trobadoresca galego-portuguesa, descoñecida daquela–, e o encargo do propio monarca de que ditamine sobre o sistema de adornos escultóricos e pictóricos do novo Palacio Real en construción (1743).

Pero a obra máis representativa do cada vez maior grao de implicación de Sarmiento nos proxectos reformistas é, sen dúbida, o escrito Reflexiones literarias para una Biblioteca Real (1743), en que deseña todo un programa non só bibliotecario, mais tamén de impulso e renovación da imprenta e da industria editorial. Por tanto, na primeira década dos ’40 constátase un notable despregamento da actividade intelectual de Sarmiento, pero coidamos que o fito que mellor serve para sinalar a mudanza de rumbo que se verifica neses anos é a súa segunda viaxe a Galicia, que dura só sete meses (xuño de 1745 a xaneiro de 1746), pero que el mesmo considerou un punto e aparte na súa singradura vital e intelectual. Entre esa segunda e a terceira viaxe a Galicia (realizada en 1754-55) discorre o período de plenitude da biografía sarmentina.

4. Influencia na corte e abrollar do galeguismo (1746-1755)

pazo_real.jpg
Obras de edificación do Pazo Real de Madrid

Falamos de ‘plenitude’ de Sarmiento en tres planos. No vital, no só pola idade (nesa década percorre o treito da cincuentena) mais tamén polo reencontro co seu país (a Galicia coa que se identifica radicalmente), a súa vila natal (a súa añorada Pontevedra), e a súa familia (en especial o seu irmán pequeno, Francisco Xavier). No intelectual, polo renovado entusiasmo por un feixe de asuntos que lle levaban tempo bulindo nos miolos: o estudo da lingua galega e en xeral as súas investigacións filolóxicas (sobre todo no terreo da etimoloxía), a historia natural dos tres reinos, con especial atención á botánica, os remedios e arbitrios para a agricultura e a economía galegas e españolas. Estas preocupacións veñen arrequentar os temas máis antigos, que nunca abandonou de todo. En particular, o seu interese pola educación e a pedagoxía, a diplomática e a historia non devece, mais gaña en intensidade. E no fondo, sempre a súa curiosidade pola nova ‘filosofía natural’, isto é, polas ciencias naturais e exactas en pleno proceso de emerxencia.

bio_pazo.jpgO terceiro plano en que falamos da ‘plenitude’ de Sarmiento durante estes anos é o da vida pública. Este vén condicionado por unha circunstancia política determinante: o reinado de Fernando VI, que se inicia en 1746, inmediatamente despois do falecemento de Filipe V (feitos que dan ensexo ao Coloquio en coplas galegas). Un mandato que implica unha viraxe da política española, que dunha banda se encamiña cara a unha ‘nacionalización’ progresiva, de maneira que os intereses xerais do país se sitúan por riba das ambicións dinásticas dos monarcas –e esta viraxe ‘nacional’ ten repercusións palpables no ámbito da cultura–; e doutra banda, no xogo das potencias europeas, inclínase pola neutralidade e o pacifismo; e todo o devandito inserido nun proxecto reformista.

Destarte, durante o reinado de Fernando IV (que dura ata 1759), ponse en marcha un primeiro programa de modernización de España, ambicioso, aínda que rudimentario e incompleto, pero en todo caso exemplo inequívoco para o futuro (de feito, moitas realizacións ilustradas que logo darán lustre ao reinado de Carlos III foron concibidas neste período). Sarmiento, coma a maioría dos intelectuais renovadores do seu tempo, apoia decididamente esa orientación: non hai máis ca ler as liñas do Coloquio para decatarse ata que punto o goberno de Fernando VI suscitaba a súa adhesión esperanzada.

Da proximidade do grupo feixoano ao círculo gobernante dá testemuño o feito de que, ante o incansable ruxir dos dicterios reaccionarios contra a obra do sabio bieito, en 1750 o rei decretase a prohibición de polemizar sobre os seus escritos. Unha medida que algúns autores teñen criticado polo seu carácter dirixista, esquecendo que o que pretendían as vougas censuras dos anti-críticos era amordazar os reformistas forzando a inervención da Inquisición. A influencia persoal de Sarmiento sobre a ‘política cultural’ do goberno naquel tempo veu garantida pola súa amizade cun frade xesuíta que non era galego pero que estivera destinado no Colexio de Pontevedra, onde gañara unha grande afección ao noso país: Francisco de Rávago, a quen está dedicado o Coloquio en coplas galegas.

Rávago foi o confesor do rei desde 1747 a 1755, un cargo delicadísimo no plano da política gobernamental e de importancia decisiva no terreo da política cultural e relixiosa. Por iso, o cesamento no cargo de Francisco de Rávago (setembro de 1755), último chanzo na disolución do primeiro equipo gobernante de Fernando VI significou para Sarmiento outra inflexión no curso da súa vida, que arestora o apartou dos círculos de poder. Un distanciamento que puido presentir cando en maio de 1754, nas vésperas da crise política, emprendeu a que sería a terceira e última viaxe a Galicia. Desta volta, Sarmiento prolongou a súa estadía no país durante dezasete meses (ata outubro do 55), e fixo propósito, que nunca chegaría a materializarse, de se establecer definitivamente aquí.

Tamén moi significativas a cercanía de Sarmiento aos círculos do poder neste período son conexións coma as que o unía ao Conde de Maceda e ao Duque de Medina Sidonia. Ao primeiro, persoeiro de grande relevo político, para o que Sarmiento escribe algún informe, dedícanselle acesas gabanzas no Coloquio. O segundo, Pedro Alcántara Guzmán, de quen sería unha especie de mentor espiritual, deparoulle admiración, protección e afecto. A relación con Medina Sidonia perduraría ata o pasamento do frade, e un froito trascendental dela foi a decisión de compilar, á súa custa, toda a obra inédita de Sarmiento, empresa que se levou a cabo entre 1770 e 1780. Destarte naceu a Colección Medina Sidonia, e, a partir desta, as coleccións Dávila e Los Heros, que conxuntamente constituíron as fontes máis importantes de coñecemento da obra do noso sabio.

Sinalaremos outros dous feitos salientables do rumbo da vida pública de Sarmiento durante este período. En primeiro lugar, o preito da abadía do convento de San Martín de Madrid, para a que foi electo en 1749, pero da que se viu privado pola presión dun sector da Congregación que non debía terlle moita lei. Este revés causoulle un profundo disgusto. En segundo lugar, e se cadra para compensar aquel contratempo, o nomeamento, por decisión do rei, como Cronista de Indias, un cargo de moito lustre e excelentemente remunerado, para o cal (a dicir verdade) Sarmiento non tiña o perfil máis acaído.

Os traballos máis importantes deste período viran arredor de tres temas: filoloxía galega, arquivos e bibliotecas, e botánica. En primeiro lugar, salientamos os relacionados coa recolla de materiais lingüísticos galegos fundamentalmente galegos (vocábulos antigos e modernos, topónimos, antropónimos), tanto da documentación medieval (tirada de arquivos de mosteiros como Samos, Celanova ou Poio) como, sobre todo, das enquisas sobre o terreo realizadas nas súas dúas viaxes. Deses materiais derivan: o Coloquio en coplas gallegas (1746-47) –fito histórico na recuperación do galego Sarmiento considérase o fundador da Filoloxía galega e un dos lingüistas máis orixinais e importantes da Europa do século XVIII, precusor esclarecido da Lingüística románica. escrito–, co correspondente Comento ou Glosario (no que traballou saltuariamente ata 1770); o Catálogo de Voces y frases de la lengua gallega e o Catálogo de voces vulgares, y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables. Estes traballos, aparte do imponderable valor intrínseco das informacións que atesouran, abondarían para que Sarmiento fose considerado non só o fundador da Filoloxía galega (mérito que ninguén discute), senón un dos lingüistas máis orixinais e importantes da Europa do século XVIII, precusor esclarecido da Lingüística románica.

Canto a bibliotecas e arquivos, salientamos: o Catálogo de libros curiosos y selectos (composto para o Marqués de Aranda, o seu veciño de Pontevedra, en 1748), Sobre el Archivo de Samos y Archiveros (coñecido tamén, entre outros, baixo o título Privilegio gótico del rey Ordoño II y reflexiones sobre archivos, e onde tamén trata de temas educativos), e Sobre el Archivo de Celanova (ambos escritos son de 1752). Con respecto á botánica, ciencia punteira na Europa coetánea (pénsese na importancia da obra de Linneo, que el coñeceu), ademais das achegas contidas nos seus cadernos recollidos en Galicia, salienta o escrito Pensamientos crítico-botánicos (comezado en 1753). Finalmente, debemos facer mención do escrito sobre Sistema de adornos del Palacio Real (1747-48), composto co gallo da encomenda de Fernando VI para que dirixise o deseño do programa decorativo do Palacio Real, que xa viña asesorando desde 1743.

5.-Retiro activo e final aberto (1756-1772)

charlatan_aldea.jpg

Se acreditamos no que el mesmo afirma, en 1755 Sarmiento estaba decidido a retirarse da vida pública e establecerse en Galicia, aínda que isto o obrigaba a desprenderse do seu único patrimonio persoal, a súa agarimada biblioteca, que fora arrequentando ata atesourar máis de cinco milleiros de volumes. Nestas, chegoulle comunicación conforme o monarca o preconizara para unha das abadías máis importantes de España, a do mosteiro de Ripoll en Cataluña. Segundo o propio interesado, tratábase dunha enxeñosa xogada dos seus amigos na corte para arrincalo de Pontevedra; segundo rumores maliciosos, a intención da manobra era afastar o frade do monarca. Sarmiento viuse obrigado a aceptar a contragusto, e regresou a Madrid, só para enteirarse de que Rávago acababa de decaer como confesor rexio. A seguir, por causa do seu desinterese polo cargo, e visto que a súa designación topaba con fortes resistencias en Ripoll, Sarmiento desistiu da ‘maula da abadía’ (son palabras súas), renuncia que foi aceptada.

Ao seu regreso á capital, tralas mudanzas políticas, Sarmiento atopou unha nova situación, en que se sentiu menos obrigado a comprometerse. Seguía conservando o aprecio de personaxes moi poderosos do goberno (ademais de Medina Sidonia, políticos coma o Conde de Aranda ou Campomanes) e un grande prestixio intelectual, pero a sua figura pública comezaba a toldarse: daquela comezou a forxarse a imaxe distorcida de monxe sabichondo e lunático. Isto reafirmouno na súa querenza polo traballo retirado na súa cela, e permitiulle concentrarse nos seus asuntos predilectos, sempre mantendo unha correspondencia fluída e a tertulia diaria con algúns dos personaxes máis interesantes da cultura coetánea, desde o botanista Quer ata o historiador Henrique Flórez, pasando polo bibliotecario Juan de Iriarte ou o libreiro Mena.

O seu distanciamento da política centralizadora de Carlos III (por caso, no campo educativo) e o lento pero imparable deterioro da súa saúde tamén contribuíron a acentuar o seu aillamento. Durante quince anos, ata o seu falecemento en 1772, case non se moveu xa da súa cela. Daquela, o relato da súa biografía a partir de 1756 practicamente vén confundirse co inventario dos seus escritos.

Despois de 1755, Sarmiento aínda tivo que atender algunha encomenda que lle chegaba da corte, de aí textos como o que escribiu a instancia do Conde de Aranda Sobre caminos reales de toda España (1756). Pero os seus esforzos reconcentráronse, coa paixón intelectual renovada, na filololoxía e as ciencias naturais, con incursións puntuais nos seus terreos habituais, e cunha longa excursión divagatoria por unha serie de asuntos en boa parte relacionados coa súa terra, a cal tornouse cada vez dun xeito máis absorbente o centro das súas inquedanzas (Obra de 660 pliegos).

Comezaremos polo máis coñecido, os escritos de tema filolóxico: Onomástico etimológico de la lengua gallega (1758), Elementos Etimológicos según el método de Euclides (1766), e Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares (1770). Ademais dos materiais que ofrece e comenta, e das cuestións metodolóxicas que discute (nomeadamente co gallo da elucidación de etimoloxías), é de salientar nestas obras o pulo reivindicativo con respecto ao idioma galego, devorcado nunha circia defensa da súa dignidade. Un fervor que o leva a denunciar enerxicamente a súa marxinación e a combater os prexuízos antigalegos que xa daquela circulaban tanto en Galicia coma en España.

Pero, e isto é máis abraiante, o mesmo pulo tamén o apuxa a deseñar un programa para a restauración do idioma, que pasa polo seu cultivo literario, e sobre todo, tratado_home_descartes.jpgpolo seu emprego normal no ensino e na igrexa. O devandito abonda para que Sarmiento se convertese no primeiro e principal impulsor dunha consciencia galeguista que só un século máis tarde comezará a xermolar.

Á botánica e á historia natural (con derivacións cara á farmacopea, a agricultura e a industria), dedicouse especialmente entre 1756 e 1762. Salientan, pola súa extensión, tres traballos: o titulado Pregunta: si nacen en Galicia, en qué sitios y en qué cantidad, de qué calidad los vegetables kali, sosa y barrilla (1756), os ensaios sobre a carqueixa (Descripción, efectos y virtudes del vegetable carqueixa, de 1761) e o Papel curioso sobre la planta que en Galicia es muy común y se llama seixebra (1762). Pero tamén se interesa pola zooloxía, á que contribúe con escritos como Sobre el phenicóptero o pájaro flamenco (1757), Sobre los atunes o almadrabas (1759), Sobre el lobo cerval (1760), ou a longa disertación Noticia de un cuerno de Rinoceronte (1762).

Xa no apartado das incursións puntuais noutros terreos, podemos salientar El porque sí y el porque no (1768), en que xustifica a súa opción abstencionista a respecto dos debates públicos e a negativa a editar os seus escritos; a Noticia de la verdadera patria (Alcalá) de el Miguel de Cervantes (1761), onde defende o seu descubrimento da orixe alcalaína do autor de El Quixote, ou o importante tratado didáctico titulado La educación de la Juventud (1768), onde, nunha liña que mantén con coherencia desde décadas atrás, fustiga a pedagoxía tradicional e defende un método de ensino máis empírico, racional e amable. O ideario pedagóxico de Sarmiento é sorprendentemente avanzado, e constituíu un dos aspectos do seu pensamento máis interesantes e influíntes, xa desde o propio século XVIII.

Durante case catro anos (de setembro de 1762 a agosto de 1766), Sarmiento dedicouse case en exclusiva á redacción do seu tratado máis extenso: Obra de 660 pliegos. De historia natural y de todo género de erudición. Trátase dunha especie de compilación miscelánea, desorganizada e incompleta, de dimensións case enciclopédicas (máis de cinco mil páxinas), das súas exploracións nos terreos máis diversos: a historia, a educación, a etnografía, a xeografía pero A Obra de 660 pregos é unha especie de compilación miscelánea, desorganizada e incompleta, de dimensións case enciclopédicas (máis de cinco mil páxinas), das súas exploracións nos terreos máis diversos: a historia, a educación, a etnografía, a xeografía pero tamén as matemáticas e a natureza tamén as matemáticas e a natureza, con atención especial á problemática socio-económica de Galicia, en particular da agricultura galega. Deste importantísimo tratado só están publicados algúns fragmentos soltos.

Sarmiento construíu deliberadamente unha imaxe de si mesmo que fixo fortuna entre os seus contemporáneos e que impresionou aos seus biógrafos. Por sinal, a través das referencias á súa persoa espalladas a eito nos seus escritos, case sempre anecdóticas, o frade recréase no seu auto-retrato de erudito alleo ao mundo, excéntrico e solitario, enclaustrado na súa cela, enviso nos seus papeis e desentendido da realidade circundante. Unha imaxe fabricada non quere dicir necesariamente unha imaxe falsa, pero quen se achega criticamente a un personaxe histórico non pode conformarse só coa súa máscara.

Queremos subliñar que Sarmiento non foi un simple espectador –perspicaz pero distante– do tempo histórico que lle tocou vivir; pola contra, mergullouse de resollo nos máis acuciantes debates intelectuais da súa época. Aliás, é certo que a súa é unha obra moi persoal e afouta, produto dun talento independente e dunha mente insolitamente lúcida, con arroutos visionarios. Pero dificilmente se pode avaliar con xustiza esa obra considerándoa á marxe do seu contexto, a risco de que afinal o noso frade apareza como un capricho inexplicable da historia e a súa obra resulte unha especie de curiosidade, interesante e ata admirable, pero desprovista de trascendencia.

Martín Sarmiento foi, de certo, unha luminaria da Ilustración española, pero sobre todo foi o primeiro vindicador do idioma galego, o primeiro desvelador da identidade diferenciada do pobo galego e o primeiro interpelador da consciencia histórica de Galicia.