Proxecto Sarmiento » Obras de Martín Sarmiento

Obras de Martín Sarmiento

des_sinatura.jpg

A seguir, ofrecemos unha introdución xeral á obra de Martín Sarmiento, prestando atención aos problemas da súa tradición manuscrita e á súa irregular difusión impresa. Para completar a información, véxase [Biografía] [Inventario] [Orientación bibliográfica]

1. Características xerais da produción sarmentina

Martín Sarmiento pasa por ser unha figura fundamental no proceso de configuración dun saber e unha conciencia especificamente galegos (non só no terreo idiomático, que é o que máis se adoita salientar) e, asemade, por ser un persoeiro da maior importancia no que se deu en chamar ‘Ilustración’ española, isto é, na cultura hispánica do século XVIII. Tal sona gañouna Sarmiento sobre todo pola vía do ‘boca a boca’, en vida a partir das poucas persoas que o trataron directamente ou coñecían algún dos seus escritos, e despois do seu pasamento a partir dos escasos eruditos que frecuentaron, e nalgún caso copiaron ou recopiaron (ou máis raramente, editaron) estes. É que o groso da obra do erudito permaneceu inédita, por vontade propia mentres el viviu, após a súa morte por distintos motivos que á derradeira reenvían ás precariedades que pexaron o progreso cultural de España e particularmente de Galicia.

De toda maneira, os traballos de Sarmiento que paseniñamente foron vindo a lume non só non desmentiron a súa fama, senón que viñeron alicerzala, pois son exemplo soberbio da súa portentosa capacidade e inmenso saber, do atinado do seu criterio, da agudeza da súa crítica e da súa rotunda orixinalidade. A pesar de que máis as tres cuartas partes da produción do noso autor están sen publicar, os máis importantes especialistas do século XVIII español están contestes en que é unha das ‘lumieiras do século’ (Aguilar Piñal).

Poligrafía, grafomanía e ineditismo
A obra do noso frade presenta unhas características moi peculiares, nas que cómpre reparar á hora de achegármonos a ela. En primeiro lugar, trátase dunha produción moi copiosa. Por acaso, pode calcularse que a Colección Medina Sidonia, que nos seus actuais dezaoito volumes acolle a maior parte da producción sarmentina, contén uns quince mil folios, cun total de vintecinco a trinta mil páxinas. En segundo lugar, os escritos de Sarmiento forman un conxunto moi heteroxéneo, tanto pola variedade temática coma pola diversidade de formatos e tipos de texto. Como trazos xerais, pode dicirse que, salvo contadas excepcións, o noso autor cultivou unicamente a prosa non ficcional. Outro risco común a boa parte dos escritos é que non están acabados, senón en estado de rascuño, e non foron arranxados para a súa publicación.

Os tipos de texto son moi variados: cartas, informes técnicos, cadernos de viaxe, catálogos, apuntamentos de distinto tipo e esbozos ou fragmentos de tratados de variable extensión. Os temas principais son: filoloxía, crítica e historia literaria; diplomática, arquivística, biblioteconomía e historia coas súas ciencias auxiliares (numismática, epigrafía e arqueoloxía); pedagoxía e educación; historia natural en xeral, en particular botánica, farmacopea, medicina, zooloxía, xeografía, xeoloxía e mineraloxía; matemáticas e física; belas artes; obras públicas e outros asuntos de interese xeral.

A anterior lista dá unha idea de vastidade dos seus intereses. Nalgúns casos, é doado tracexar a liña divisoria entre os escritos pola súa temática, en moitos outros non é tan sinxelo. O mesmo se pode dicir a respecto dos escritos de tema galego e aqueloutros de temática non especificamente tal.

En terceiro lugar, hai que ter en conta que a divulgación da obra sarmentina non seguiu a canle usual na idade contemporánea, quer dicir, a imprensa, mais a copia manuscrita, sendo que algúns escritos chegaron a gozar dunha considerable difusión. A teimuda decisión de Sarmiento de refugar os prelos implica, entre outras cousas, o seguinte:

(a) Ao non seren concibidos para a súa publicación, unha boa parte dos textos non responden a unha planificación rigorosa canto a estrutura, finalidade e contidos, non presentan unha redacción e presentación coidadosas, nin foron sometidos a revisión. Isto agrávase polo seu xeito de traballar simultaneando a redacción saltuaria de varios traballos de propósito diverso, e por un estilo caracterizado pola deriva cara á digresión, que converte calquera dos seus escritos nunha miscelánea heteróclita, cando curiosa e ata divertida, cando fatigosa e desconcertante. Por parte, o autor prefería comezar unha nova redacción antes de corrixir un texto que xulgaba defectuoso ou retomar outro que deixara sen rematar. Noutros casos, simplemente aproveitaba partes de escritos anteriores na redacción dun novo, co resultado de que a súa obra semella ás veces un enorme e labiríntico mosaico.

(b) Determinar a tradición manuscrita dos escritos máis espallados é unha tarefa abondo complexa, dada a dispersión de fondos e as dificultades para a súa localización ou o acceso a algúns deles, outramente, á falla dunha investigación básica que poña a dispor do estudoso a totalidade das copias relevantes de cada escrito. As edicións existentes, que tiveron que enfrontarse con esa situación, non sempre deron superado ou esquivado os problemas derivados dela.

Por que non publicou Sarmiento os seus escritos?
O ineditismo de noso erudito foi explicado de diversas maneiras. Está moi estendida a idea de que a clave é psicolóxica, pois radica no xorne esquivo do autor. Coñécese que Sarmiento se empeñou en labrar unha imaxe de si mesmo que lle servise de escudo fronte ao medio que o arrodeaba. Por iso, esa imaxe non é especialmente positiva, pois nos seus escritos preséntasenos como un individuo solitario e arisco, pouco amigo da publicidade e totalmente refractario ao trato social. Esa figura quedou fixada para a posteridade, e ten engadado algúns estudosos, mesmo a expertos tan avisados como José L. Pensado (seguramente o sarmientista máis importante ata a data), que pola súa vez contribuíron a reforzala.

Naturalmente, Sarmiento foi sobre todo un sabio insaciable, apaixonadamente entregado ás súas pescudas intelectuais, e ao que amolaban as servidumes sociais e os encargos que tiña que atender, que lle impedían concentrarse nas súas pescudas e o desviaban dos seus asuntos preferidos.

Endebén, a pouco que escaravellamos na biografía do noso autor, descubrimos un personaxe que aborrece a parola pero adora o parrafeo, que mantén durante anos na súa cela unha faladoiro do máis selecto no Madrid do seu tempo, que conta, en fin, coa confianza dos persoeiros máis encarapitados da sociedade, a política e a cultura españolas coetáneas, persoeiros que lle encargan pareceres e informes, que lle consultan proxectos, e cos que sostén unha copiosísima correspondencia. Pero que tamén mantén trato cos humildes e aprende moito deles, como testemuña o propio Coloquio en coplas galegas e como o propio autor recoñece de forma explícita:

“Nenos e nenas, vellos e vellas, rústicos e pailáns, iliteratos e ignorantes, etc., que sen pensar en aldraxarvos chamarei aquí a escoura, restroballo e esterco da racionalidade! … Destes teño tirado, tiro e tirarei o máis puro ouro da verdade que procuro. A calquera destes, cando hai ocasión, lles pregunto e repregunto que me digan o que viron, para saciar a miña curiosidade” (Obra de 660 pregos).

Sarmiento foi moi lucidamente consciente de que, tendo en conta as cousas que escribía e tal e como as escribía, constituía unha pura temeridade dar ao prelo os seus textos. Coñecía moi ben os problemas da ríxida censura e a estreita vixilancia que exercían os cérberos dunha resesa ortodoxia contra todo o que cheirase a novidade, pois experimentara todo iso en lombo alleo, especialmente no de Benito Feixoo.

Por parte, nalgúns puntos concretos mantiña posicións rotundamente críticas con respecto ás decisións das autoridades políticas: pensemos por acaso na súa opinión sobre o emprego do galego nos centros de ensino, expresada nos mesmos anos en que Carlos III daba pasos para impoñer o uso exclusivo do castelán. Nesas condicións, como ía ousar publicar un autor que, como di de si mesmo, non sabía “escribir con sonda”, senón “como falo e como penso”?

Sarmiento, divulgador da man de Feixoo
Sarmiento seguiu, sen dúbida, o vieiro marcado polo seu venerado mestre, paisano e amigo Feixoo, con quen estableceu unha relación privilexiada que se delongou por corenta anos, e de quen se converteu en principal colaborador. Defendeu publicamente o outro gran galego do século das luces contra os seus numerosos e ruidosos impugnadores, forneceu decote a súa libraría coas últimas novidades, fortificou o soporte erudito dos seus escritos, e serviulle de axente literario en Madrid (o Padre Mestre residía en Oviedo), negociando cos censores inquisitoriais e coidando da edición das súas obras. Feixoo abriulle a Sarmiento o camiño da ilustración, unha ilustración moi peculiar (moito menos radical cá francesa e a inglesa, obviamente) pero á derradeira ilustración.

O noso frade, polo que sabemos, non perdeu un intre nas interminables e revirichadas controversias teolóxicas, metafísicas ou académicas que constituían o pasatempo predilecto da maior parte dos clérigos e profesores coetáneos. Limitouse a mostrar a súa adhesión aproblemática e sen fendas á Igrexa católica, a súa disciplina, a súa doutrina e os seus dogmas e mantívose discretamente á marxe das intrigas políticas para poder debruzarse de cheo nas cuestións que lle interesaban.

Para o tratamento dos asuntos que tocou fundouse no abasto de datos, a ser posible mediante observación directa e debidamente contrastados, na análise concienciuda e crítica destes, e na aplicación en todo momento da súa razón natural, espida ata onde lle foi posible de preconceptos tradicionais. Por parte, inclinouse cada vez máis por un saber que non se esgotaba en si mesmo, mais orientado cara á utilidade inmediata, á aplicación en beneficio da sociedade. Así, foi esvarando da erudición anticuaria e os saberes históricos cara á pedagoxía e a historia natural.

Orixinalidade de pensamento e actitude. Galeguismo
Con todo o dito, Sarmiento é un autor profundamente orixinal. A súa abraiante orixinalidade nacía dunha radical liberdade de espírito da que procurou non renegar nunca; unha liberdade que, certo é, non pregoou aos catro ventos, mais reservou en boa parte para si mesmo. Quizais a manifestación máis notable desa orixinalidade sexa o seu interese polos asuntos galegos, inseparable da súa atención e aprecio cara ao popular, verdadeiramente insólitos no seu tempo e no seu medio.

A afección de Sarmiento por Galicia non pode explicarse por causa dunha especie de estrafalaria excentricidade, pero é innegable que se precisaban grandes doses de orixinalidade e unha afouteza moi pouco convencional (nun medio dominado por un ríxido formalismo) para levar esa afección ao punto ao que el a levou.

Efectivamente, se o noso autor pode considerarse un auténtico fundador da tradición galeguista, non será soa nin principalmente porque concentrase os seus extraordinarios dotes intelectuais nunha serie de aspectos da realidade galega, como ninguén fixera antes, mais precisamente polo seu descubrimento de Galicia canto tal. Sarmiento abordou múltiples aspectos do país (a historia, a natureza, a lingua, a economía, a etnografía, a xeografía…) pero o máis novo é que estes aspectos aparecen enmarcados nunha idea xeral da especificidade galega.

Non contento con esa innovación, Sarmiento adoptou outra: o ton, ou mellor a perspectiva reivindicativa. Se Galicia padecía de subordinación e minusvaloración (allea e propia), había que sacudirse complexos, restaurar a auto-estima e darse a valer fronte os demais. Pero, lonxe do vitimismo e a autocompracencia, había tamén que superar vellas inercias (Sarmiento aborrece unha frase con que se rexeitaban os experimentos e as innovacións, e que cita con frecuencia: “acá non é costume facer iso”) e esforzarse para facer progresar o país.

2. Copia e circulación manuscrita da obra de Sarmiento

A difusión da obra de Sarmiento, sobre todo na súa vida e nas décadas posteriores ao seu pasamento, seguiu vieiros máis propios dos tempos medievais ca dos contemporáneos. Fóra casos excepcionais, e deixando á parte o esforzo do editor galego (afincado en Madrid) Antonio Valladares de Sotomayor no Semanario Erudito, Sarmiento permaneceu case totalmente inédito ata a segunda metade do século XIX, cando xorden iniciativas importantes, sobre todo en Galicia, por dar ao prelo algúns dos seus escritos.

Ofreceremos a seguir unhas notas sobre a evolución da bibliografía impresa, que se complementan coa idea xeral do estado da tradición manuscrita que ofrecemos no apartado ‘Inventario’. Pretendemos, pois, sinxelamente dar unha idea da evolución da bibliografía sarmentina e ofrecer algúns puntos de referencia para orientarse nela.

Destino da biblioteca particular de Sarmiento. A correspondencia
A cela do convento en que Sarmiento pasou a maior parte das horas da súa vida adulta debía ser moito máis ca un cuarto, e desde logo non era un simple dormitorio. Nela tiña que haber lugar para acoller, entre outras cousas, os parladoiros que convocaba arredor do noso autor o escollido da sociedade culta madrileña, unha gran mesa de traballo, instrumental científico de diverso tipo (telescopio, microscopio, astrolabio), moitas plantas vivas e secas, infinidade de obxectos variegados (cunchas, pedras, animais disecados), o seu gato e… a súa venerada biblioteca, célebre non tanto polo seu considerable tamaño (chegou aos sete mil cincocentos volumes) como polo raro e selecto do seu contido, que coñecemos gracias ao coidadoso catálogo elaborado polo mesmo Sarmiento ( co título de Autores de quien yo tengo obras).

Nesa biblioteca, como é natural, tamén figuraban os escritos do autor. Cómpre reparar que unha parte importante destes responden a consultas ou encargos que recibía, e loxicamente, despois de redactados, eran remitidos ao comitente. Habitualmente tratábase dun persoeiro público: o cardeal Valentí Gonzaga para as Memorias para la historia de la poesía (véxase ‘Libraría selecta’ > obra recuperada), o bibliotecario do Rei Juan de Iriarte para as Reflexiones literarias para una biblioteca real (véxase ‘Libraría selecta’ > obra recuperada), ministros e altos cargos da administración como o marqués de Ensenada, Campomanes, o Conde de Maceda, o Duque de Medina Sidonia, o confesor de Fernando VI padre Rávago, etc. Sarmiento manifesta non ter un empeño particular en coleccionar os seus traballos, pero temos indicios de que cando enviaba a alguén un orixinal autógrafo, procuraba que llo devolvesen ou lle fixesen unha copia para uso particular.

Infelizmente, a biblioteca de Sarmiento e os escritos de seu que figuraban nela atópanse en boa parte extraviados (seguramente, o groso está definitivamente perdido) e na outra parte estrados por diversas bibliotecas e arquivos. Ao seu pasamento, algúns dos manuscritos e libros da súa biblioteca particular repartíronse entre os monxes, pero a maioría pasarían á biblioteca do convento onde residira durante case cincuenta anos, San Martín de Madrid. Cinco anos despois do seu finamento, en 1777, o frade galego Juan Sobreira é trasladado ao dito convento, onde se encarga de arrombar os papeis do noso autor. Segundo Sobreira, destes, “os máis eran cartas escritas ao Reverendísimo Sarmiento, desbotadas por desleixo ou desprezo ao curruncho menos limpo do convento”. Entre burlas dos frades do convento, di,

“un ano enteiro estiven lendo cartas, gardando unhas, rachando outras nocivas e arredando outras inútiles. Destas últimas axuntei dúas arrobas de papel vello. Das nocivas rachei innumerables e das que eu chamo útiles axuntei quince tomos”.

A nós soamente nos chegaron dous deses quince tomos do epistolario sarmentino escolmado e encadernado por Sobreira, doados en 1786 por este á Real Academia de la Historia de Madrid ao ser admitido como membro da mesma institución. Sobreira intitulounos Cartas originales escritas al P. Sarmiento (1733-1771) de personajes y literatos, e fíxoos preceder un proemio do que están extraídas as citas que acabamos de reproducir. O mal fado da correspondencia de Sarmiento é indicativa da do conxunto da súa produción.

Restan moi poucos escritos autógrafos, polo que a maior parte dos seus textos só podemos coñecelos a través de copias e recopias, algunhas realizadas en vida e a maior parte despois do seu falecemento. O arquivo do mosteiro de Silos (casa matriz do convento de San Martín de Madrid) e a biblioteca da Universidade de Oviedo serviron de praias onde probablemente foron dar as crebas máis importantes do naufraxio da colección particular de escritos do autor.

As copias de conxunto. A Colección Medina Sidonia
A fonte globalmente máis importante para o coñecemento do legado de Sarmiento é a denominada Colección Medina Sidonia, copia en dezasete volumes encetada contra 1770 e rematada en 1778 por encargo do duque de Medina Sidonia, Pedro Alcántara Alonso Pérez de Guzmán, persoeiro de gran relevo na época, e íntimo amigo do noso frade. Pouco despois de 1778, finado xa o duque, a Colección foi acrecentada cun novo volume e outros materiais, entre os cales, a correspondencia do frade co duque. Na actualidade, o groso desta Colección (quince volumes) custódiase no Arquivo da Casa Medina Sidona, en Sanlúcar de Barrameda; tres volumes (o II, o XII e o XVII) atópanse no Museo de Pontevedra.

A Colección Medina Sidonia é, á súa vez, a fonte de dúas copias máis do conxunto dos escritos de Sarmiento: a denominada Colección Dávila (disposta por Pedro Franco Dávila), actualmente na Biblioteca Nacional de Madrid, copiada en 23 volumes entre 1784 e 1785, e a coñecida como Colección Los Heros (disposta por Juan Francisco de los Heros), trasladada ca. 1787, e na actualidade custodiada na biblioteca da Real Academia de la Historia, tamén en Madrid (desta consérvanse soamente doce dos dezaoito tomos de que orixinalmente constaba).

Fóra destas coleccións, restan algúns escritos soltos de Sarmiento, e, sobre todo, unha parte substancial da súa correspondencia privada, que como dixemos foi verdadeiramente avultada. As cartas que chegaron a nós, que son relativamente numerosas (algo máis de trescentas), testemuñan o extraordinario interese deste epistolario.

Hai que subliñar que a Colección Medina Sidonia foi trasladada con grande esmero por dous competentes escribáns (o propio secretario do duque, Santiago Sáez, e o que despois sería soado matemático e enxeñeiro, Pedro Alonso de Salanova y Guilarte), mentres que as coleccións Los Heros, e especialmente a Dávila, non poden gabarse do mesmo. Endebén, a Colección Medina Sidonia atopouse inaccesible desde a metade do século XIX, de maneira que a maioría das edicións de textos de Sarmiento –que, como deixamos sinalado, son case todas elas posteriores a esa data– non puideron beneficiarse do seu manexo, e baseáronse ou ben na Colección Dávila (a máis accesible), ou ben noutras pezas particulares da tradición manuscrita.

En efecto, á parte desa rama principal da tradición manuscrita da obra de Sarmiento existen outras ramas colaterais, algunhas das cales parten de exemplares autógrafos. Dado que aínda non dispoñemos dun catálogo exhaustivo e sistemático dos fondos correspondentes (que o proxecto Sarmiento ten en avanzado estado de elaboración), non podemos facernos unha idea detallada do conxunto desa tradición. Si podemos dicir que é considerablemente vizosa e sen dúbida moi complexa, pois, como dixemos, a obra de Sarmiento, malia as protestas do autor, que temía pola fidelidade das copias (véxase outra volta a carta-presentación do Coloquio), espallouse con profusión mediante copia manuscrita.

En estudos especializados sobre diferentes arquivos (véxase Inventario e Guía de fondos) e nas edicións de diferentes escritos do noso autor, podemos atopar abundante información sobre aspectos parciais desa tradición manuscrita, e en concreto sobre os orixinais autógrafos que se conservan.

3. Obra impresa. Edición dos textos de Sarmiento

Sinalamos anteriormente que os escritos de Sarmiento foron máis coñecidos de oídas, ou en todo caso a través de traslados manuais, do que a través de copias impresas. En efecto, durante a súa vida, o noso frade practicamente só publicou a Demonstracion Critico Apologetica del Teatro Critico Universal, aparecida practicamente aos comezos da súa carreira intelectual e que gozou dun considerable suceso editorial, con cinco edicións durante o século dezaoito (1ª ed. 1732; 2ª ed. 1749; 3ª 1751; 4ª 1757; 5ª 1779). Postumamente, apareceu o volume Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles (1775).

O século XVIII. Edicións póstumas
Antes de que rematase o século XVIII, viñeron a lume algúns escritos ben en folleto (sobre a Carqueixa, sobre as Bubas e sobre o Meco), ben, e sobre todo, en revistas como El Correo Literario de la Europa (1782) ou o Semanario Erudito (entre 1787 e 1789). Entre outros escritos de menor importancia, no Correo Literario publicouse –como se mostra no apartado ‘Inventario’– o índice da Colección Medina Sidonia, no Semanario saíron o Catálogo de algunos libros curiosos y selectos (véxase ‘Libraría selecta’ > obra recuperada), El porque sí y el porque no del P. Sarmiento, La Educación de la Juventud, Apuntamientos para un discurso sobre la necesidad que hay en España de unos buenos caminos reales e Reflexiones Literarias para una Biblioteca Real y otras bibliotecas públicas.

O século XIX. O contributo de Antolín López Peláez
Polo que sabemos, ata a metade do século XIX hai un lapso de aproximadamente cincuenta anos en que apenas se publica ningún escrito do noso autor. A partir de ca. 1850 renóvase o interese por Sarmiento, agora con especial atención por parte da erudición galega, dirixida preferentemente aos escritos que teñen que ver co noso país. Entre outros, aparecen: Nacimiento y crianza de San Fernando en Galicia (editado por Juan Manuel Bedoya en Ourense, 1849), Recopilación de muchas palabras, voces y frases de la lengua gallega (Juan Manuel Pintos en Pontevedra, 1859), cartas ao seu irmán Francisco Xavier (en Galicia. Revista Universal de este Reino, 1860-61), carta a Esteban Terreros sobre a orixe da lingua galega (López de la Vega na Revista contepomporánea de Madrid, 1878; Murguía en La Ilustración Gallega y Asturiana, 1880); Manifiesto del recibo de rentas de los Monasterios de la Religión de San Benito (Santiago de Compostela, 1879).

No tránsito entre o século antepasado e o seguinte salienta polo seu labor editor e divulgador Antolín Sánchez Peláez, un dos maiores e máis descoñecidos estudosos do noso autor. A el débense, ademais doutras obras menores, as monografías El gran gallego. Fray Martín Sarmiento (1895; (véxase ‘Libraría selecta’ > estudos sobre Sarmiento) e Los escritos de Sarmiento y el siglo de Feijoo (1901); e as edicións de textos do noso autor contidas nos volumes (citamos só os textos máis importantes) Origen del nombre y casa de San Julián de Samos (1894), De la región gallega. Párrafos de un manuscrito inédito del Padre Sarmiento (1897, contén fragmentos da Obra de 660 pliegos, en particular “Sobre la voz Valdeorras”), e Las poesías de Feijoo (1899, contén o Coloquio de los 24 gallegos rústicos).

Nas dúas décadas finais do século antepasado aparecen, entre outras que testemuñan o crecente interese pola figura do ‘gran galego’, dúas achegas fundamentais para o rescate da súa obra do esquecemento e súa entrada no mausoleo erudito: a biobibliografía de E. Álvarez Giménez (1884) e o índice-catálogo de M. Gesta y Leceta (1888).

Século XX, ata 1970. Interese pola filoloxía galega
Xa no século XX, a atención fócase cara ao importantísimo labor filolóxico do noso autor. Así, por iniciativa de M. Lago González edítase por primeira vez o Onomástico Etimológico de la Lengua Gallega (Tui, 1923) e unha serie de “Escritos Filológicos del Padre Sarmiento” no Boletín de la Real Academia Española (1928-1931), entre os cales a primeira edición dos Elementos etimológicos según el método de Euclides. Tamén se estampa na segunda década do século o escrito Vida y Viajes literarios (Ourense, 1924; outra edición deste texto aparecería da man de L. Viñas Cortegoso en Vigo, 1952: trátase do Catálogo de los pliegos) e a “Disertación sobre el origen de la voz ‘Castellanos de Orense’” (Ourense, 1927).

Nos comezos dos anos 40, os activos círculos do exilio galego en Arxentina dan ao prelo as Memorias para la Historia de la poesía y poetas españoles (Buenos Aires, 1942) e a primeira antoloxía do noso autor, con textos sobre o idioma galego (Estudio sobre el origen y formación de la lengua gallega, Buenos Aires, 1943).

Nesa década e na seguinte salienta o labor editor de Javier Sánchez Cantón e das revistas El Museo de Pontevedra e Cuadernos de Estudios Gallegos. Así, imprímense, ademais de varios artigos sobre a Boa Vila (”Elogio de Pontevedra” e “El río Lérez”, 1942, “Jornadita al Poyo”, 1943, “Ponte-Vedra”, 1952), ou Viaje a Galicia de 1754-55 (1950; outra edición en 1999), o Sistema de adornos de escultura del Nuevo Palacio Real de Madrid (no volume Opúsculos gallegos sobre Bellas Artes en los siglos XVII y XVIII, 1956) e maila Disertación sobre las eficaces virtudes y uso de la planta llamada Carqueixa, no volume Opúsculos médicos gallegos del siglo XVIII, 1961).

Por eses anos, M. A. Galino publica tamén algún texto sobre educación (”La educación de los niños”, 1953; este texto xa aparecera editado en 1931) e José Simón Díaz dá a coñecer varias coleccións de cartas nos Cuadernos de Estudios Gallegos.

De 1970 ata a actualidade. O contributo de José Luís Pensado
Nas décadas de ’70, ’80 e ’90 veñen a lume unha porción substancial dos escritos lingüísticos de Sarmiento, da man do finado José Luís Pensado, catedrático na Universidade de Salamanca: Colección de voces y frases gallegas (1970), Discurso Apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares (1972) , Catálogo de voces y frases de la lengua Gallega (1973), “Sobre el origen de la lengua gallega y sobre la paleografía española” (1974), Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1986), Elementos etimológicos según el método de Euclides (1998), Onomástico etimológico de la lengua gallega (1999).

Ademais, nesas tres últimas décadas do século pasado aparecen, entre outras, edicións dos seguintes escritos, debidas a J. L. Pensado: Viaje a Galicia de 1745 (1975), La Educación de la Juventud (1984), Noticia de la verdadera patria (Alcalá) de el Miguel de Cervantes (1987), El porque sí y el porque no (1988), Escritos sobre ‘El Meco’ y la ‘Cruz de Ferro’ (1992), Problema chorográfico para describir a Galicia con un nuevo método (1996).

Doutra banda en 1997 aparece a edición do escrito De los atunes y de sus transmigraciones. Nese anos, tamén se estampan facsímiles do manuscrito dos Elementos etimológicos según el método de Euclides (1997) e do opúsculo Meco-Moro-Agudo; epítetos del impostor Mahoma (2001, reprodución da 2ª edición, de 1795). Por outra banda, J. Filgueira Valverde e María Xesús Fortes Alén dan ao prelo un extenso Epistolario (Santiago, 1995) e un dos principais expertos actuais na obra de Sarmiento, J. Santos Puerto, publica as Cartas al Duque de Medina Sidonia (1747-1770) (Ponferrada, 1995).

Finalmente, entre outros textos importantes, en 2002, en que o Día das Letras Galegas estivo dedicado a Sarmiento, aparecen as Reflexiones Literarias para una Biblioteca Real (véxase ‘Libraría selecta’ > obra recuperada), o Sistema de adornos del Palacio Real de Madrid, e máis dúas importantes antoloxías, unha de escritos filolóxicos (Sobre a lingua galega, 2002; véxase ‘Libraría selecta > obra recuperada) e outra de textos pedagóxicos (La educación de la niñez y de la juventud, 2002). Todas estas obras, igual que moitas das citadas nos parágrafos anteriores, van precedidas de celmosos estudos introdutorios.

En definitiva, o publicado dá unha idea do enorme interese da obra de Sarmiento pero non constitúe máis alá dunha cuarta parte do conxunto desta, quedando fóra escritos de gran relevancia. Por iso, Sarmiento é aínda, en boa parte, un océano inexplorado.